30.11.06

Perfís lingüísticos



Xa comentamos que nos gustaría unha formulación máis ambiciosa. Non obstante, co texto na man case que non quedan pretextos para non ter persoal con perfil lingüístico á fronte de departamentos que tramitan convenios como o da imaxe.

29.11.06

Formas e fondo


Se un concello solicita participar na Rede Cultural da Deputación da Coruña recibe, cando se resolve a convocatoria, unha notificación oficial coas actuacións que lle corresponden, asina un convenio coa Deputación que, entre outras cousas, fixa as obrigas dos grupos e compromete aos concellos a, por exemplo, subscribir un contrato con cada grupo que lle asignan ou cumprir as condicións de pagamento estipuladas.

Pode que non sexa o modelo a seguir pero do que non me cabe ningunha dúbida que é moito mellor que saber das actuacións por algún contacto ou polo web e non asinar ningún documento que reflicta cales son as obrigas de tódalas partes para, cando menos, facilitar non ter que andar pelexándose innecesariamente con secretaría e intervención.

De acordo en que había que lles dar tempo para aterrar pero é que xa vai máis dun ano! E o peor é que falas coa xente ou les
o que se vai publicando e ves que non só teñen a mesma percepción, senón que vai "in crescendo".

28.11.06

Nin en Compostela, nin no Porriño



Ao fío da asemblea nacional, cos datos tirados da bitácora da Alternativa fixen a táboa que vai como ilustración e que ven moi ao conto co ‘post’ deste domingo.

Como sabedes, hai tempo que non me motiva a militancia e coa deriva que isto colleu nos últimos anos, nomeadamente dende que o dúo fai e desfai, pois como que cada mes dubido se seguir cotizando.

De participar na asemblea, é obvio que non votaría pola candidatura ‘oficial’ (botaría a
varios dos seus membros!) pero as alternativas, nada menos que tres e aparentemente tan dispares, tampouco me entusiasman nin no político nin no persoal.

En fin, que teño razóns máis que de abondo para non ir a Compostela e, en caso de curiosidade, seguir a
Asemblea, nas súas versións oficial e oficiosa, pola Rede ou, en plan lercheo, a través das SMS cos amigos.

Antes do cambio de datas, comprometera estar no
Porriño. Logo, cuestións laborais, xa mo puxeron imposíbel.

Pois iso, que me vai tocar traballar. Sábado, porque o luns sen falta hai que entregar textos varios e a semana non dá máis de si. Domingo, na
“Memorial Adolfo Ros”. Tiña varias opcións para colaborar pero, como desta volta podo escoller a maneira, aproveito que semella que hai quen non dá aprendido e non corta o tráfico rodado para ofrecerme a ir na Trek axudando a protexer aos atletas, especialmente aos do “Club Atlético Corredoira”.

27.11.06

Espazos, produtos e servizos



Este foi o título que escolliamos para o relatorio que presentabamos na “I Xornada de Verán’2005” organizada pola Universidade da Coruña, unha comunicación na que reflexionabamos, entre outras cuestións, sobre a demanda e o consumo de produtos e servizos relacionados co tempo de lecer e os contornos e espazos físicos de interrelación aos que adoitan estar asociados.

A aprobación do “
Plano de dinamización turística de Ferrolterra” e a súa aposta por proxectar o patrimonio cultural abre a posibilidade de traballar en espazos, produtos e servizos, o último proxecto en que nos acabamos de meter.

Trátase de converter, polo de agora no papel, a antiga “Finca de Cela” –hoxe
“Parque Castelao”- nun espazo temático, un parque ao estilo dos xardíns do “Pasatempo” de Betanzos pero coa lingua e o humor como fíos condutores, o Museo do Humor parada obrigatoria e o “camiño inglés” o vieiro de relación co mundo.

O obxectivo non é outro que facer dese espazo físico un punto de relación, un produto cultural vinculado ao humor galego que serva de polo de atracción turística.

Produto ao que van asociados servizos para as visitas individuais –guía coas posibilidades de interacción cos elementos que o conforman- e un deseño que posibilita desenvolver servizos específicos (xogos, actuacións.....) para colectivos, adaptados ao perfil do grupo en cuestión.

A formulación é clara, a empresa e o equipo de traballo xa os temos definidos, as persoas as que recorrer para labores de asesoramento perfiladas e o prazo para rematar o proxecto anotado na axenda, o 21 de decembro.

Haberá que agardar a ver se esta iniciativa ten máis éxito que o proxecto “O Estaleiro” e, de telo, que sexamos quen de acertar na realización.

26.11.06

Preguntas non retóricas


De seguido, unha escolma das interrogantes e comentarios que fixemos cando vimos as candidaturas ao Consello Nacional do BNG:

Se non se acordaba unha asistencia tan baixa ás asembleas comarcais, Que pasará a vindeira fin de semana? Manterase a tónica, haberá “overbooking” e mesmo ‘toque a mobilizar’?

Se
“311 militantes optan a entrar no Consello Nacional”, non se vos acorda pensar, e ‘hai cama/ pa tanta gente’?

Hai moito que se
afiliou ao BNG Teresa Táboas ou non é a mesma persoa que vai no posto 23 da lista 1?

E xa postos, se vai seguir ‘mandando’ -xa veredes como si!-
por que non vai Antonio Losada nesa mesma lista?

Por que non podo remediar ver a composición dunha das candidaturas e asociala a un
programa de televisión?

Por que ao ler quen forma unha das listas teño a sensación de estar lendo un
directorio de cargos públicos?

Non vos parece un luxo que
persoas competentes, claras nas súas formulacións e con proxecto non teñan un maior protagonismo orgánico ou institucional?

Non haberá
quen sen equivoca no tempo, na forma e nos apoios?


Que está a pasar con Quintana-Losada cando unha porcentaxe máis que significativa da militancia do BNG (polos datos das asembleas un 30% pero, segundo semella, a porcentaxe é máis grande só que non transcende por disciplina) vai contra eles e non contra a "bicha" tradicional no seo do nacionalismo; isto é, contra a UPG?



Será a asemblea da oficialización práctica do rumbo cara ao “nacionalismo posíbel” ou funcionará a ‘póliza de garantías’ que din que asinaron Quintana e a UPG?



25.11.06

Dun tempo e dun país


Gustoume “Salvador” e, na medida que me foi posíbel, seguín pola Rede e polémica que rodeu a estrea da película.

Saín do cine cunhas sensacións e tema conversa semellantes ás que describe Antón Baamonde na súa
colaboración en “La Opinión”.

Tamén me impresionou o artigo
“El otro muerto” que Marcos Ordoñez publicou en “El País” do 1/10/2006.

Agora, grazas a
Vilawebtv souben dun documental de Martina Loher sobre o MIL (Movemento Ibérico de Liberación) que nos proporciona unha visión moi diferente do grupo armado á que nos ofrece “Salvador”.

O documental, que non ten distribución comercial, pode baixarse do
Emule.

24.11.06

Boicot no ciclismo








A edición en papel do xornal ‘El País’ publicaba onte un artigo de Carlos Arribas titulado ‘Boicoteo a Manolo Saiz” do que me chamou (e moito!), a atención o parágrafo que, traducido ao galego, reproduzo a seguir:

«Nunhas poucas horas, as que mediaron entre a súa detención con produtos dopantes e unha grande suma de diñeiro en metálico nas súas mans, a súa posta en liberdade a finais de maio pasado e a súa imputación na chamada ‘Operación Porto’, Manolo Saiz pasou de ser o factótum do ciclismo mundial -foi presidente da AIGCP e principal impulsor do UCI ProTour- a converterse nun paria, un apestado co que ninguén quere ter tratos. E aínda que até o de agora non hai condena penal nin sanción deportiva contra o técnico cántabro, e aínda que a Unión Ciclista Internacional (UCI) polo momento non revogou a Active Bay, a empresa da que Saiz posúe un 50%, a licenza para competir no circuíto ProTour, e aínda que nestes momentos non hai decisión sobre a súa petición de licenza para 2007, o seu futuro no ciclismo parece nulo. Como complicado queren facer os equipos o futuro a Álvaro Pino, Vicente Belda e Igor González de Galdeano, a quen consideran implicados en asuntos de dopaxe e para quen solicitaron aos seus respectivos equipos a toma de decisións.»

Hoxe é “La Voz de Galicia” quen
se fai eco do intento de boicot e sinala que Alvaro Pino foi vítima dunha manobra, un cabeza de turco para que o grupo Phonak recuperara a súa licenza UCI-PROTOUR.

Á marxe de que xa no seu momento cuestionaramos, por razóns de
política deportiva que nada teñen que ver coa dopaxe, a creación dun equipo galego de ciclismo profesional apoiado cunha considerábel achega de diñeiro semipúblico (Caixanova) e público (Consellaría de Cultura e Deporte, Consellaría de Innovación e Industria e Deputación de A Coruña que totalizan algo máis do millón de euros) e puxéramos en dúbida que se tratara ‘dunha vella demanda da sociedade galega’, a día de hoxe o que máis nos preocupa é até que punto poden afectar ao deporte galego este tipo de noticias.

23.11.06

Aprender portugués



A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar anuncia no DOG de hoxe a convocatoria dun concurso público para a contratación dos servizos de desenvolvemento e implantación dunha plataforma e-learning de aprendizaxe de portugués.

22.11.06

Máis sobre 'bancos de tempo'


Estupendo que sexamos a primeira comunidade en regulalos por lei. Unha boa idea comezar cun plan piloto acoutando territorios (dous concellos) e ámbitos de actuación (conciliación). Só dúas suxestións:
- Non perder a perspectiva e, xa que logo, non circunscribir a iniciativa ao rural e á conciliación. Os ‘bancos de tempo’ son unha ferramenta moi útil para vertebrar/dinamizar a comunidade –tamén nas zonas urbanas-, prestar outro tipo de servizos e dirixirse cara a outros sectores.
- Non esquecer a cuestión da lingua. Os ‘bancos de tempo’ son
novos espazos para o uso do galego e, polo tanto, cómpre ter en conta esta cuestión á hora de desenvolver ferramentas lóxicas para xestionalos, formar aos profesionais que van estar á fronte, promover o voluntariado lingüístico……

P.S. Aviso a
Depósito. A ver se á tarde son quen de rematar a proposta de curso sobre “lingua e bancos de tempo” do que falamos vai para un mes.

21.11.06

Así, moito mellor


Convocatoria pública, aínda que mellorábel no tocante á súa difusión e prazos para se acoller; normativa clara; cachés establecidos de antemán; achega porcentual sobre caché; criterios de selección previamente definidos; fichas técnicas de cada grupo......

Xusto moito do que botamos en falta noutros circuítos como “
Catro por Catro”, ou “Redesons” na súas modalidades de clásica e jazz.

20.11.06

Con pegada


Nunha entrevista ao fío da súa novela “El tiempo de los emperadores extraños”, contaba Ignacio del Valle a anécdota dun grupo de soldados españois na “División Azul” que recibía por sorpresa a visita dun alto oficial das SS para comunicarlles a chegada dunha compañía de reforzo formada exclusivamente por toureiros. Estrañados porque non se imaxinaban aos toureiros combatendo a 10º baixo cero, dirixíronse á estación ‘Carlos Gardel’, peculiar adaptación á fonética propia dun nome de difícil pronunciación. Non, non eran “toureiros”. O reforzo estaba formado por varios membros da garda civil vestidos con capa e tricornio.

Gustoume
o xeito de contar de Del Valle, paréceme moi cinematográfico e, ademais, mestura moi ben a ficción e a realidade.

En fin, desta volta coincido coas librarías en que a súa última obra é unha novela con
pegada.

19.11.06

Enquisas

Intúo que neste caso van acertar. Non sei se no número exacto de concelleiros pero si nas tendencias.

Mágoa que no seu momento
non se reflexionara sobre o labor de goberno desenvolvido e as razóns polas que se perdeu a alcaldía.

18.11.06

Patrimonio dixital


Hai días Cartafol de Gardalivros propuña, poñendo como exemplos experiencias que se están a desenvolver noutros países como Cataluña (Padicat) (Cataluña) ou Australia (Pandora), que “o Centro Superior Bibliográfico ou algunha outra institución cultural galega asuma a responsabilidade de preservar o patrimonio dixital galego tendo en conta que estamos na xeira primixenia e que se están a perder, sen dúvida, moitas achegas de produción dixital de noso. Xa aconteceu coa perda de non poucas publicacións periódicas en papel editadas por asociacións e outros colectivos nas vilas e cidade (...)”.

O pasado xoves, coincidindo co
relanzamento da campaña do PuntoGal, lía no seu web que “a Fundación PuntCat asinou un convenio coa Biblioteca de Catalunya para colaborar na elaboración do depósito Patrimonio Dixital de Catalunya (PADICAT), un proxecto que pretende recoller, almacenar e preservar toda a producción cultural, científica e xeral elaborada en formato dixital creada en Catalunya ou que teña un interese prioritario para o país”.

Noutras palabras, que é o momento idóneo para subscribir e apoiar a iniciativa de
Cartafol de Gardalivros e de facerlla chegar ás direccións xerais de Creación e Difusión Cultural e de Promoción Industrial e Sociedade da Información.



E se o problema é de financiamento, pois ao mellor é cuestión de pensar en racionalizar custes nalgún que outro gasto de produción.

17.11.06

Libros para descargar e curiosas coincidencias


Jordi Mas ven de publicar o seu segundo libro, "Programari lliure i empresa a Catalunya. Experiències empresarials i casos d'èxit".

Estruturado en oito capítulos (Radiografia de la indústria del programari, Programari lliure en la indústria del programari, Empresa i programari lliure a Catalunya, Marc jurídic, Models de negoci i Casos d’èxit, i finalment, unes conclusions) o libro conclúe con 16 entrevistas a empresas de servizos de Cataluña que debuxan a súa visión do mundo empresarial e do software libre. Ademais, documenta cinco casos de éxito de empresas que usan software libre.

Tamén
a través de Jordi Mas soubemos da publicación baixo licenza Creative Commons by NC 2.5 da tradución ao catalán do clásico "Al principi hi hagué la línia d'ordres" de Neal Stephenson. Por certo, relendo este libro chamoume a atención que no capítulo titulado “El llançador de bits” apareza o termo AMES no contexto que transcribo: “L’analogia entre els cotxes i les diferents maneres d’interactuar amb els ordinadors no se m’hauria acudit a l’època en què em portaven a passejar en aquell MGB. M’havia apuntat a un curs de programació informàtica a l’institut d’educació secundària d’Ames. Després d’unes quantes classes introductòries, als alumnes ens van permetre l’accés a una sala minúscula on hi havia un teletip, un telèfon i un mòdem antiquat format per una capsa metàl·lica amb un parell de bases de goma a sobre”. Curiosa coincidencia, non si? :-)))))))))))) Mesmo non sería mala idea convidalo a dar unha conferencia no AMES de aquí :-)))))))))))

Hoxe si que toca


Cóntame un amigo, técnico cultural el, que preocupado polos meus comentarios optou por poñerse en contacto coa organización do circuíto “Catro por Catro” para que ver de resolver varias dúbidas.

Grazas a el sei que pode participar no circuíto, nas mesmas condicións económicas, calquera concello galego con independencia do seu número de habitantes e orzamento. Isto é, non contemplan variar as porcentaxes da achega municipal en base ás características do concello. A modo de exemplo: até 20.000 habitantes, 30%; máis de 20.000 habitantes, 50%.

Tamén me informou que non lle remitiron os requirimentos técnicos dos grupos aínda que si o informaron que o local “debe estar acondicionado para levar a cabo eficazmente a celebración destes concertos. E por eficaz estamos a falar de que as condicións garantan a comodidade dos espectadores á hora de asistir a catro concertos, así como garantir as condicións técnicas dende a perspectiva dos grupos”.

Iso de programar un concerto de cada un dos estilos que conforman o circuíto pois como que, de momento, non vai poder ser. Iso si, “non obstante non se rexeita que, se afloran moitas suxestións na liña que ti expós de compor unha programación con grupos de distintos ciclos, para o segundo semestre se posibilite que a entidade contratante escolla grupos de distintos ciclos”.

Do procedemento e prazos de solicitude, recibirá información en datas próximas e, no tocante á súa pregunta relativa á
desproporción de custos entre os cachés que hoxe por hoxe rexen no mercado ou na Rede Cultural da Deputación da Coruña e os custos imputábeis a cada concerto a resposta foi “as contías orzamentadas para cada ciclo non conteñen só os cachés dos artistas senón todos os custos (son, iluminación, produción, publicidade a nivel xeral) salvo os propios da difusión particular no concello dos concertos”. Como me dicía el, con eses orzamentos tes a sensación que son os concellos pequenos quen lle pagan a publicidade ao IGAEM e á Consellaría. Ademais, non entende que contratando de forma centralizada e garantindo un mínimo de actuacións os custes de produción, iluminación e son sexan superiores aos que lle saen se contrata o concello directamente.

En fin, que acabamos concluíndo que estabamos diante dunha proposta moi pouco contrastada.

16.11.06

Lingua, contidos e sociedade da información

Tiña pensado –mesmo prometido!- volver escribir sobre “Catro por Catro” e non precisamente en termos laudatorios. Mellor deixalo para mañá.

Aínda que non lin co vagar que requiren nin
os diagnósticos, nin as iniciativas, hai palabras que me soan marabillosamente ben e enunciados que me dan moi boas vibracións.

Se tivera que escoller as máis fermosas, salientaría: estratexia galega para a Sociedade da Información; plano estratéxico; converternos en produtores de equipamento, contidos e servizos; fomentar os contidos en galego....

Parabéns aos
responsábeis do proxecto, toquemos madeira para que isto siga tendo tan boa pinta e a miña lembranza para quen exerceron de adiantados aos tempos.

15.11.06

Cifras e sons


Preguntábanme onte de onde quitei as cifras que barallo no meu comentario sobre o circuíto “Catro por Catro”. Como semella que non quedou moi claro, a ver se desta volta e cun exemplo concreto son quen de explicarme.

Un concello XXX da provincia da Coruña decidiu programar, ao abeiro da Rede Cultural da Deputación, concertos de Marcos Teira, Bellón/Maceiras, Talabarte e Nordestin@s. Como as
bases que regulan a “Rede Cultural” da Deputación e os cachés dos grupos son públicos e están accesíbeis nas ligazóns que sinalamos, calquera persoa pode comprobar que o que pagou o concello XXX foi o 30% deses cachés, cantidade que ascendeu a 1.279 €.

Se ese mesmo concello XXX decide e pode contratar a eses mesmos grupos ao abeiro das bases e condicións económicas que rexen
“Catro por Catro” comprobará como a achega que ten que facer (resultado de dividir custe total do circuíto temático entre os catro grupos incluídos) é de 7.935,14 €.

É conveniente que os responsábeis de “Catro por Catro” expliquen a diferenza de custos, por que se disparan os gastos de produción, cales son os beneficios engadidos do circuíto que promoven, que concellos se poden acoller a este circuíto e, de ser os trescentos e pico, por que as achegas son iguais para todos e non se introducen variábeis en función do número de habitantes ou da ratio orzamento/habitantes.

14.11.06

Ollo ao dato!


Nas “III Xornadas sobre lingua e usos: Lingua e idade” organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña sostiña que, no ámbito local, os “bancos de tempo” poden configurarse como unha ferramenta idónea e transversal para poñer en valor a propia lingua como “moeda de cambio” e xestionar/coordinar o “voluntariado lingüístico”.

Ao fío da exposición houbo quen me preguntou pola miña valoración a respecto da
iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude, coa colaboración da Mesa pola Normalización, de propiciar de cara ao 2007 o programa de “Voluntariado de Activación Lingüística” co obxectivo de aprenderlle o galego a inmigrantes e estudantes foráneos.

Aínda que dixen que descoñecía como se ía articular esta proposta, formuleille aos asistentes unha nova interrogante: cal pensades que é o perfil sociodemográfico dos
“voluntaris per la llengua” en Cataluña? A resposta unánime da sala foi: xente nova, mocidade.

Para evidenciar que a percepción non se ten por que corresponder coa realidade, tirei dos datos do
“Estudi d'avaluació del programa durant el 2004”, o último publicado na Rede, para poñer de manifesto que a media de idade dos “voluntaris” é de 44 anos. Entre os homes predomina o grupo entre os 31 e os 40 anos e, nas mulleres, o que anda entre os 41 e os 55 anos. E, se o paras a pensar, ten a súa lóxica!

Pois iso, que ollo ao dato! Non vaia ser que non tardemos en concluír que cunha perspectiva transversal, interxeracional e de efectividade nin a
Dirección Xeral de Xuventude é o órgano máis acaído para promover, nin A Mesa a entidade que concita maior grao de consenso e a que reúne a introdución social precisa para articular o “voluntariado lingüístico”, por exemplo, nos concellos da periferia das cidades e entre os colectivos de inmigrantes.

13.11.06

Lingua, software e 'bancos de tempo'

















A Consellaría de Traballo anunciaba hai uns días que Galicia vai ser a primeira comunidade que regule por lei os ‘bancos de tempo’ e atribúelle aos concellos a responsabilidade de poñelos en marcha e xestionalos.

Internet e as
aplicacións informáticas son fundamentais tanto para dar a coñecer os ‘bancos de tempo’ coma para o seu funcionamento.

Comentaba estoutro día con
Deposito que a Consellaría de Traballo non deu moita máis información sobre o tema así que é de supoñer que o proxecto aínda non está desenvolvido de todo. Xa que logo, na liña de converter aos ‘bancos de tempo’ en novos espazos para o uso do galego, é o momento de demandar a tradución á nosa lingua e adaptación á lei galega de Cyclos ou algún programa semellante en código aberto.

12.11.06

Catro por catro




Voces tradicionais

1. Por máis que o intentei non fun quen de saber o
‘público obxectivo’ ao que ía dirixido o concerto-presentación do circuíto. Público 'pirixel’, afeizoados a este tipo de músicas, medios de comunicación, estudantado…..? Tal e como se organizou e desenvolveu creo que a calquera deles menos as concellarías e os xestores culturais.

2. De saber o público destinatario e os obxectivos do acto supoño que sería quen de comprender a escolla da
cidade, do espazo escénico, da data, do día da semana, da hora e das previsións de audiencia que fixeron. Así e á vista da pouca xente que alí había conclúo que non foi precisamente a máis acertada.

3. Non haberá quen se decate que somos máis dun os que hai tempo que empezamos a percibir a
Xurxo Souto como o novo ‘Camariñas’?

4. Por que na información profesional que proporcionaron o sábado –a
mesma que había días que colgaran na Rede- inclúen modelo de ‘folla de taquilla’ pero non extremos tipo requirimentos dos espazos en que van ter lugar os concertos ou prazo de solicitude/resolución para as actuacións do período febreiro-xuño?


Con-fusións

1. Por que participar no circuíto 'Catro por Catro' implica para cada concello unha achega dun mínimo de 7.000 € (máis gastos de publicidade e SGAE) cando, de contratar a eses mesmos catro grupos ao abeiro da
“Rede Cultural” da Deputación, a achega do concello (tamén o 30%) é de 1.560 € e os gastos da SGAE corren por conta do grupo?

2. Xa que, como dicía Xurxo Souto na presentación do sábado, este é un país de artistas, como lle explico eu aos grupos de aquí que fan fusión ou canción galega de autor e que teñen un nivel de excelencia (X. Souto dixit) máis que acreditado, por que ninguén se puxo en contacto con eles para saber se estaban interesados en presentar proxecto e cache de cara a ser incluídos nesta primeira edición de 'Catro por Catro'?

3. Por que de cara ao segundo semestre de 2007 hai convocatoria pública do circuíto e comisión de selección de grupos e para o primeiro semestre non?

4. Por que o circuíto é temático e non hai a posibilidade de programar, como no concerto de presentación do ciclo, 4 concertos de estilos diferentes; isto é, 1 de canción de autor, 1 de con-fusións, 1 de voces tradicionais e 1 de tradición instrumental?


Tradición instrumental

1. Por que “Catro por Catro” pode chegar a máis de 100 concellos e
Redesons Clásica e Redesons Jazz só aos 45 concellos incluídos na Rede de Teatros e Auditorios?

2. Se, por poñer un exemplo, a maioría dos concellos programan só o ciclo “Voces Tradicionais”, hai previsto algún mecanismo para garantir unha certa paridade no número de actuacións?

3. Con que axentes culturais se contrastou a proposta de circuíto?

4. Por qué non hai ningún xestor cultural na comisión que seleccionará aos grupos que participarán no circuíto no segundo semestre de 2007?


Canción de autor

1. Cal vai ser o sistema de pagamento aos grupos? O mesmo que, por exemplo, segue a Rede Cultural da Deputación da Coruña?

2. Xa que a propaganda anunciando os concertos corre a conta de cada concello, que soportes publicitarios van incluídos no orzamento total do circuíto?

3. Por que hai que pagar a parte proporcional dos equipos de luz e son cando o local dispón deste equipamento?

4. Entendes agora por que
bufaba o sábado?


Aínda agora


"Non se creron até o último día que ían gobernar e pillounos de sorpresa. Aínda agora están empezando a estudar que poden facer.

En materias como os incendios ou as infraestruturas manteñen discursos que remiten exactamente ao modelo anterior.

Xa se percibe decepción, non tanto no cidadán en xeral, senón no cidadán de esquerdas que votou o cambio."


(Algunas anotacións da conferencia de Xosé L. Barreiro Rivas en Caranza. Venres, 10 de novembro)

10.11.06

Lingua e función pública


O Consello da Xunta de onte aprobou, sen que coñeza ningunha discrepancia ao respecto, o Proxecto de Lei de modificación da Lei da Función Pública de Galicia.

Segundo o borrador ao que podiamos ter acceso, o artigo 13, que modifica ao antigo artigo 33, queda redactado como segue: “Para darlle cumprimento a normalización do idioma galego no eido da Administración Pública de Galicia e para garantir o dereito dos administrados ao uso da lingua propia de Galicia nas relacións coa Administración pública no ámbito da Comunidade autónoma e en cumprimento da obriga de promocionar o uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, que determina o art. 6.3 de la Lei de Normalización lingüística, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e nas entidades locais de Galicia, terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega.
A estes efectos, e sen prexuízo doutras probas adicionais, que puidesen establecerse, para aqueles postos que requiran un especial coñecemento da lingua galega, as bases das convocatorias poderán establecer que unha ou máis das probas do proceso selectivo deban realizarse exclusivamente en lingua galega.”

A modificación fundamental consiste na disposición recollida neste último parágrafo; isto é, na posibilidade de establecer nas bases de convocatoria daqueles postos que requiran un especial coñecemento que unha ou máis probas teñen que facerse en galego.

Xa sei que menos dá unha pedra e facilita establecer perfís lingüísticos pero.........

9.11.06

Memorial da Liberdade








É a segunda vez que vou á exposición “Memorial da Liberdade”. A primeira visita fíxena na compaña dun compañeiro de xeración e militancia. A de onte, acompañada do meu fillo, que mañá cumpre dezaoito anos.

Paréceme unha exposición recomendabilísima. Impresiona a magnitude e o interese do material de todo tipo que alí se amosa. E xa non digamos a súa forza!

Só dúas obxeccións. Boto en falta unha maior información sobre o que se expón. Máis que información propiamente dita, contextualización. Noutras palabras, que teña un carácter máis divulgativo.

A outra, que me parece moi pouco proporcionada a presenza na exposición de imaxes e datos sobre o PCE e CC.OO. Gustará máis ou menos pero na resistencia antifranquista xogaron un papel importantísimo que, cando menos eu, non vin reflectido en “Memorial da Liberdade”.

8.11.06

Superado

















Estes días co “proxecto”, o Seminario, as Xornadas, o aniversario de maioría de idade, a matrícula e o circuíto non che me queda tempo para nada :-( E coa de cousas que se me acordan! Por exemplo os editoriais de V. Partal en Vilaweb do luns e do martes. Por qué será que me sinto identificado?

6.11.06

Un voto por Alba


De confirmarse a noticia, mesmo estou pensando e ir votar! Creo que Alba Nogueira sería unha magnífica portavoz nacional. Non é de centro dereita, ten moi claro que hai que apostar pola lingua como valor e sinal de identidade da organización e, polo que escribe, semella non querer unha administración baseada nunha concepción patrimonialista e clientelar. Ademais, é imprescindíbel desvencellar organización e acción de goberno, xa non só por unha cuestión de supervivencia, senón para que no goberno entendan que non sempre o urxente é o importante.

3.11.06

Ególatra(s)


Hai que lle(s) recoñecer que é (son) coherente(s) coa súa traxectoria.

Se repasamos as hemerotecas podemos comprobar que, cando foi como candidato ás
xerais por Ourense, promoveu unha campaña propia na que diferentes artistas e intelectuais de Galiza e do Estado (Cuerda, Ibarrola....) amosaban o apoio á súa persoa, non á organización pola que concorría.

Calquera que se moleste en ler os seus
contados artigos e algo máis numerosos discursos pode facer unha tese de doutoramento sobre a reiteración de tópicos e a conxugación da primeira persoa do singular.

Quen faga algo de memoria seguro que acorda aquel 25 de xullo en que apareceron uns ‘improvisados’ adhesivos de apoio a ‘Quin’.

Por todo isto,
non me colle por sorpresa que contratara(n) unha campaña institucional na que as cuñas radiofónicas repiten até cinco veces “o departamento que dirixe Anxo Quintana” e nas que subxace a idea patrimonialista da administración.

Claro que unha cousa é que non me sorprenda e outra que non o rexeite.

2.11.06

Unha lectura rápida e apresurada


- A abstención (a máis alta dende o 1992), os votos en branco (60.025, un 2,03%, o que supón o récord nunhas eleccións catalanas) e as sondaxes previas do CIS e da Generalitat deberían facer reconsiderar aos partidos políticos.
- Quen máis sube en escanos (3 deputados), porcentaxe (un 2,27%) e en número de votos (38.432 votos) é quen foi coherente co seu proxecto; isto é, ICV-EUiA.
- Quen xogou con todas as barallas, baixa e de forma considerábel, en % (perde un 2,395), escanos (2) e votos (133.067). Véxase ERC.
- A dereita nacionalista, gaña pero coa súa campaña non favoreceu posteriores pactos de goberno.
- Hai un sentimento antinacionalista moi fomentado que mesmo en Cataluña (pode que polo voto de cabreo e antisistema) se traduce en 89.567 votos (3,04%) e 3 escanos. Este resultado vaille dar azos á extrema dereita mediática e do PP.


Moita máis lúcida e achegada á realidade é a análise de Vicent Partal coas súas
“Preguntes des del sobiranisme”.

En calquera caso, toquemos madeira para que por aquí non "saquen peito" porque "gañou o amigo" e extraian outro tipo de conclusións.


1.11.06

No Cartafol


Contabamos non hai moito a xénese deste espazo. Se hai uns días era Depósito quen nos descubría, onte ‘O Cartafol Dixital’ quen, no seu último número, incluía unha ligazón aos rascuños que metemos como ‘post’. Esta visto que cada día somos menos clandestinos e mesmo temos quen nos visita de cando en vez :-)