30.9.06

Fisiognomica








Nunha das pausas da xornada falaba con AA da homenaxe a Carlos Varela Veiga e dos compañeir@s dos vellos tempos que alí se xuntaron. Sorprendeume o magnífico fisionomista que é AA e a súa capacidade para tirarlle parecidos ao persoal. Non sei se contaxiado por el ou por un anuncio dunha cadea de radio o caso é que me deu por buscar “dobres de” e non tardei en atopar o primeiro, o de Neira Cruz.

Da xornada, interesáronme moito as intervencións de Jordi Mas –ao que
entrevistan en “La Voz de Galicia” de hoxe-, Luís Teira e Ramón Flores. Tamén me parecen moi importantes as conclusións que proximamente verán a luz nas páxinas de CompostelaCultura.

Postos a facer suxestións, aínda que é difícil chegar aos potenciais destinatarios (para unhas isto é cousa dos lingüistas, para outros tema propio de informáticos, para os políticos cousas de técnicos e para os técnicos unha área de decisión política) cómpre seguir insistindo, reeditar esta experiencia e manter ese ‘punto neutro’ na procura da máis que necesaria confluencia.


28.9.06

ORTOGAL


O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo ven de poñer na Rede ORTOGAL, o primeiro corrector galego en liña. Se queres contribuír a melloralo, non dubides en utilizar a súa caixa de correo.

Parabéns a Guinovart e compañía.

27.9.06

Jordi Mas en "Galicia Hoxe"


Con motivo da edición da tradución ao galego do seu libro sobre software libre, ‘Galicia Hoxe’ publica unha interesante entrevista con Jordi Mas.

26.9.06

Presentación e xornada de traballo



O vindeiro xoves, 28 de setembro, ás 20 h na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela vai ter lugar a presentación do libro Software libre. Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto da autoría Jordi Mas, coordinador xeral de Softcatalá, e traducido ao galego por Ana Salgado e Daniel Romero. No acto intervirán Jordi Mas, Tucho Calvo, (director literario de Biblos Clube de Lectores), Javier García Tobío (director do CESGA) e Elena Veiguela (directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia).

Ao día seguinte, tamén en Compostela e organizada polas
concellarías rexidas polo BNG, vai ter lugar unha xornada de traballo na que reflexionar sobre a localización, distribución e produción de software propio en Galicia. Entre os relatores, Jordi Mas, Elena Veiguela, Luis Teira, Manuel Portas, Juan Antonio Valiño e Ramón Flores. Para moderar-dinamizar os debates, Isabel Vaquero e Carlos Neira.

25.9.06

Redesons e outros programas


Errática é o cualificativo máis benévolo que xorde no meu contorno cando tratamos de definir a política da Consellaría de Cultura e Deporte.

De entrada, tiñamos serias dúbidas sobre a
capacidade e idoneidade da Conselleira para ese cargo pero depositabamos as nosas esperanzas nalgúns membros do equipo.

Aínda que non tardaron en aparecer síntomas preocupantes (por exemplo, algunhas
confirmacións/nomeamentos ou iniciativas que non acabamos de entender a que criterios respondían) seguimos dándolles unha marxe de confianza.

Se en
Deporte hai tempo que as luces indican perigo, en Cultura a xestión da Feira do Teatro, a resolución das convocatorias de subvencións á produción e distribución de espectáculos e as programacións para este trimestre que ven de facer públicas o IGAEM disparan os sinais de alarma.

Centrándonos nas programacións, non estaría de máis que alguén nos explicara os criterios para a escolla dos grupos que conforman os ciclos
REDESONS JAZZ e REDESONS CLÁSICA e cal é a razón pola que os mesmos catro músicos aparecen en máis do 60% do total de espectáculos contratados.

Asemade, tamén sería desexábel que nos digan por que os monicreques e a maxia si poden estenderse a espazos non incluídos na
Rede Galega de Teatros e Auditorios (cómpre non esquecer a política de construción de equipamentos culturais dos gobernos do PP) e non se fai o mesmo co jazz ou a música clásica. E sabemos que non é cuestión de falta de espazos escénicos idóneos porque nos consta que non incluíron na programación a concellos que organizan habitualmente, con cargo aos orzamenntos municipais e en espazos acaídos, concertos de música clásica, jazz, blues........

22.9.06

Losada para portavoz nacional do BNG



Non estou de rexoubeo. É unha proposta moi seria. Ás portas dunha nova asamblea nacional nada máis lóxico que encabece a candidatura quen realmente dirixe a política dos ‘quintanistas’; isto é, Antonio Losada.

21.9.06

I si cant trist




A min tamén me sorprendeu e agradou ver Salvador en catalán con subtítulos en castelán. Os da cadea de cines, tan reticentes a proxectar películas galegas ou con versión na nosa lingua, deberían tomar boa nota ao respecto.

Aínda que xa a escoitara no DVD que distribuíron con “
El País”, púxome a pel de galiña a versión de ‘I si canto trist’ que o propio Llach fixo para a película.

Leo en "
Vilaweb" que hoxe presentan en Donostia a película Llach la revolta permanet, un filme baseado na canción ‘Campanades a morts’ que Llach compuxo en homenaxe aos traballadores asasinados pola policía en Vitoria o 3 de marzo de 1976. Tiña unhas gañas tolas de ir ao concerto que organizaron este ano con motivo do 30º aniversario dos sucesos de Vitoria pero me tiven que quedar. Entenderedes que agarde a película como auga de maio.

20.9.06

Matización ao post anterior

Ás 14:33 a Xunta exercía de goberno e anunciaba a suspensión das aulas. Agardemos que, para a próxima, non se volva repetir a mesma historia.

O que non se debe facer














O Delegado Provincial de Educación da Coruña enviou aos centros de ensino un correo electrónico no que, despois de explicar as recomendacións da Dirección Xeral de Protección Civil sobre a chegada dunha borrasca extraordinariamente profunda, conclúe emprazando á dirección dos colexios a que “sexan tomadas as medidas oportunas para evitar danos persoais e materiais no seu centro”. Dito noutros termos, bota balóns fóra, garda as súas costas e traslada toda a responsabilidade de suspender ou non as aulas ás direccións. O cambio tamén ten que se notar nas formas e quen goberna é a quen lle corresponde tomar as decisións máis acaídas.

19.9.06

Sentimento nacionalista













Soa a manobra para alterar a correlación de forzas pero tampouco é a primeira que se rexistra na asemblea local. Unha das máis soadas tivo lugar pouco antes das municipais de 1999 e traduciuse na ‘reentré’ de Pablo Villamar e no goberno de coalición con Juan Gato e os seus ‘independentes’.

Non virían nada mal caras e propostas novas. A de Narón é a asemblea local da comarca coa ratio máis alta de cargos institucionais (Xunta e Deputación), orgánicos (consello e executiva comarcal e nacional) e sindicais por número de militantes. Tamén onde os citados cargos teñen moi pouca ou nula actividade e proxección social no propio concello e onde os resultados electorais semellan o ‘comboio descendente’ que cantaba o Zeca.

Entendo que as organizacións políticas teñen unhas regras de xogo e mesmo podo chegar a entender que a integración de colectivos siga un procedemento distinto que o das afiliacións individuais. Tamén que se lles esixa ás persoas identificación coa liña política da organización. Claro que esa mesma esixencia ou requirir que teñan ‘sentimento nacionalista’ non se debería aplicar tan só ás novas afiliacións senón que se debería facer extensiva a bilingüistas acreditados que encabezan candidaturas de cidades, ocupan cargos importantes no parlamento, organización e Xunta de Galicia…… E xa non imos falar do ‘sentimento progresista’ porque........

15.9.06

Lingua, inspección/asesoramento e servizos sociais


A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar convoca no DOG de hoxe un curso de inspección en materia de servizos sociais. Dirixido ao persoal que traballa en Vicepresidencia ten como obxectivo “transmitir aos inspectores de servizos sociais as nocións básicas de tipo xurídico, técnico e psicolóxico para que desenvolvan o seu traballo coa maior eficacia, introducindo os conceptos teóricos necesarios para o seu labor de asesoramento e inspección”. Despois de ler o contido, pregúntome: a lingua en que se prestan estes servizos non é obxecto de inspección e asesoramento? Non sería conveniente introducir nocións básicas ao respecto?

FeneRock



Xa van unhas cantas edicións. Non ten tanta transcendencia mediática e apoios institucionais coma o Felipop pero move a moita máis xente e aposta polos grupos da zona. Ao FeneRock non faltaron ‘vellas glorias’ (Burning ou hoxe Limones e Antonio Vega) pero se hai dúas cuestións que o definen é aposta polos grupos novos e que é ecléctico, como o propio ‘Sanva’, un barrio que Mario comezaba a coñecer tan ben.

‘Maikel’ e compañía fixeron do FeneRock un espazo no que se xuntan quen quere escoitar unha coral con heavies e motarras. Converteron o festival nun espazo de promoción tan importante para os grupos que as demandas para poder actuar colapsaron tódalas caixas de correo, así que acabaron facendo un concurso (no que me convidaron a participar como xurado) para escoller aos dous que como premio actúan esta fin de semana e gravan un DVD de promoción: ´Los Crueles’ e ‘Lost Psychotics’

Ademais, contan coa colaboración inestimábel de ‘Mangi Caldeville’ para retransmitir o festival a través da Rede.

14.9.06

Entrevista con Jordi Mas



Xa se pode descargar o número 22 de Biblos, a revista galega de información literaria. Inclúe unha ampla referencia á próxima presentación da tradución ao galego do libro “Software libre, tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto” e unha entrevista co seu autor, Jordi Mas.

13.9.06

Stagnaro



A ‘Asociación Cultural Encontro Progresista Uruguai-Galiza’ comeza o novo curso coa organización dun concerto de Andrés Stagnaro ‘Tributo ao Zeca Afonso’. Andan en xestións para que teña lugar á tardiña do sábado 16 na Casa da Cultura de Fene. Mágoa que coincida á mesma hora coas Leilía –actúan no local de Agarimo en Sillobre- e co FeneRock. Por certo, neste festival anuncian a actuación para o venres 15 a actuaciónde Antonio Vega e Los Limones.

12.9.06

TIC e xestión cultural


INTERNET EN GALICIA: LINGUA, CONTIDOS, FERRAMENTAS E RECURSOS.


MÓDULO I.- CAMBIOS NO MUNDO DA COMUNICACIÓN VERSUS CAMBIOS SOCIAIS.
·
As chaves da “revolución dixital”, a converxencia e a súas manifestacións:
- Converxencia de fases ou procesos de tratamento e transmisión da información
- Converxencia e polivalencia de canles.
- Converxencia de tipos ou formatos de información.
- Converxencia de medios.
- Converxencia de soportes.
- Converxencia de empresas.
· As repercusións da “revolución dixital”:
- Sobreabundancia de información
- A utilización do coñecemento como factor de produción.
- A desaparición de rixideces na organización do traballo
- Revisión dos procesos de educación e formación.
- A globalización e a identidade

MÓDULO II.- INTERNET EN GALICIA: USOS LINGÜÍSTICOS E PRODUCIÓN DE CONTIDOS.

· Internet como paradigma dos tempos de mudanza
· A importancia do uso do galego na Rede e a necesidade dunha política lingüística e comunicacional para a sociedade da información.
· Presenza do galego significativa en termos absolutos no espazo web e blogs galegos. Non así en termos cualitativos.

MÓDULO III.- LINGUA E CONTIDOS NAS ADMINISTRACIÓNS LOCAIS DE GALICIA. O USO DE INTERNET NA XESTIÓN CULTURAL: FERRAMENTAS E RECURSOS.

1. Lingua e contidos nos webs das administracións locais de Galicia
· Niveis de uso nos webs dos concellos galegos
· Xerarquía e estratexias lingüísticas
· Os webs analizados dende outros parámetros: contidos, utilidade, información, participación, legalidade, accesibilidade....

2. O uso das TIC na xestión cultural: ferramentas e recursos
2.1. Ferramenta de traballo persoal
· Xestión (ferramentas)
· Información
· Formación
· Comunicación
· Interactuación/participación

2.2. Ferramenta de traballo da área ou departamento
· Comunicación e xestión interna
· Comunicación externa
· Difusión de materiais
· Promoción artística
· Novas formas de creación artística
· Dinamización
· Alfabetización dixital
2.3. Estado da cuestión e boas prácticas
· Uso das TIC nos departamentos de cultura dos concellos galegos
· Propostas de boas prácticas

MÓDULO IV- O @AGORA NA XESTIÓN ADMINISTRATIVA DUN DEPARTAMENTO DE CULTURA.
· Aplicación no contorno de Internet fornecida pola Deputación
· Aplicación con repercursións internas (xestión) e externas (web do cidadán)
· Vantaxes na xestión e repercusións na administración e na cidadanía
· Aplicación na xestión administrativa dun Departamento de Cultura


BIBLIOGRAFÍA

CALIDONIA, en http://calidonia.blogaliza.org/2006/05/15/porcentaxe-de-blogs-galegos-en-galego-e-en-castelan/

FILLOS DE GALICIA, “1º Informe técnico sobre a presenza dos Concellos Galegos en Internet”, Fillos de Galicia,
http://www.fillos.org/galicia/arquivos/informe-concellos-na-Rede-v1-1b.pdf

GAGO, Manuel: “A blogoesfera en galego: demografía, usos e contidos”, Consello da Cultura Galega, 2006

LÓPEZ, Bernat (1999), <> en Actas dos II Encontros para a normalización lingüística, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.


MAJÓ, Joan. (1997), Cables, chips y poder, Barcelona, Editorial Planeta.

MAJÓ, Joan (1999), <>, Actas do II Congreso para a normalización lingüística, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.

ROMERO, D. e RODRÍGUEZ, L. (2005): Internet, novos vieiros para o galego. En Alvarez Blanco, R., Fernández Rei, F., Santamarina, A. (eds), A lingua galega: historia e actualidade. Actas do I Congreso Internacional. Vol. II. Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega-Consello da Cultura Galega.

ROMERO, D. e VAQUERO, I. (2001): Da periferia á Rede. Internet en Galicia. Lingua e contidos. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, serie Universitaria.

ROMERO, D. e VAQUERO, I.: REDADAS en http://www.galego21.net/nos/redada/artigoserelatorios.htm

11.9.06

Rascuños


Trátase do rascuño dun guión para un proxecto que ten que ver a luz a mediados de novembro.

BANCOS DE TEMPO E SERVIZOS LINGÜÍSTICOS, NOVAS PERSPECTIVAS DE TRABALLO



CONTEXTUALIZACIÓN

· Banco de Tempo, iniciativa que xorde hai 14 anos en Italia da man dos sindicatos de pensionistas da CGIL de Parma.

· Iniciativa que se vai estendendo non só en Italia, senón en toda Europa.

· En Galicia é pouco coñecida, non así en Portugal.

· No Estado español hai experiencias moi importantes en Cataluña, Euskadi, Andalucía, Murcia,…


EN QUE CONSISTEN?

· É un novo concepto de intercambio de servizos.

· Funcionan a xeito da banca convencional pero a divisa é o tempo.

· Baséanse en que toda persoa ten que ofrecer e, xa que logo, propón intercambiar tempo e coñecemento en forma de axuda a domicilio (bricolaxe), acompañamento a persoas (levar e buscar nenos á escola), atención persoal (ler libros a invidentes), coñecementos (idiomas, informáticas).

· A súa xestión corre por conta dalgunha administración pública ou entidade sen fins de lucro.

ALGUNHAS DAS RAZÓNS DO INTERESE DESTE PROXECTO

· Trátase dunha iniciativa que procura:
- Rachar o illamento
- Vertebrar comunidade
- Sentirse socialmente útil e activo
- Crear novos espazos para compartir e cooperar
- Xerar novos espazos de solidariedade
- Abrir un novo concepto de voluntariado

· A maior abondamento, pode ter especial transcendencia en concellos cunha alta taxa de pobacion prexubilada a partir dos 52 anos, con grandes coñecementos e habelencias e que non teñen en que encher o seu tempo cos conseguintes problemas sociais ou nas periferias das cidades (pensando na integración lingüística e cultural da poboación)

UN NOVO CAMPO DE TRABALLO PARA OS SERVIZOS LINGÜÍSTICOS

· O voluntariado e nomeadamente o voluntariado lingüístico perfílase como un campo de traballo esencial para a integración tanto nas universidades (alumnado de Erasmus) coma na sociedade en xeral (inmigración).

· Non obstante, o tema do voluntariado lingüístico practicamente non está desenvolvido en Galiza.

· O proxecto que se pretende desenvolver ten ámbito territorial (un concello como) e unha dinámica transversal (intenta integrar o concepto de voluntariado lingüístico no proxecto de banco de tempo).

· Liñas de traballo:
- A lingua galega na xestión do banco do tempo: relación persoal, formal (escrita) e xerar software propio para a xestión.
- A posta en valor da lingua como código en que intercambiar o tempo.
- A posta en valor da lingua como instrumento de transmisión interxeracional (xente maior e rapaces).
- A lingua como intercambio de coñecemento.
- A lingua na integración (Erasmus, inmigración)
- A lingua nas relacións interxeracionais.



P.S. Imaxe de campaña das últimas eleccións autonómicas. Conversa en Caranza con prexubilados do sector naval.

9.9.06

PRODUCIR, ESPALLAR, LOCALIZAR… SOFTWARE EN GALEGO



Aínda que o título ten o seu aquel cos lemas que incluiamos nos ‘Lume’, desta volta non está vencellado a ningunha publicación clandestina. É o que escolleron as concellarías rexidas polo BNG en Compostela para convocar, coa colaboración de Mancomún, unha xornada de traballo na que reflexionar sobre a localización de software e a produción de software propio en Galicia. Entre os relatores, Elena Veiguela, Jordi Mas, Luis Teira, Manuel Portas, Juan Antonio Valiño e Ramón Flores. Para introducir os debates, Isabel Vaquero ou Carlos Neira. O programa da xornada? Algo xa saíu en Código Cero e, ademais, podes obter copia mediante o correo electrónico.

Como xa aconteceu con
Ciberlingua, o Departamento de Lingua Galega volve liderar e comprometerse cunha iniciativa que afonda na idea de facer do galego a ‘lingua informática do meu pobo’.

Por este e por moitos outros motivos, parabéns para
a nai de tantas fermosas criaturas e da(s) que aínda está(n) por vir.


P.S. A imaxe está tirada de http://dessine.moi.un.bebe.free.fr/images/logo_vert.jpg

8.9.06

Paga a pena


O artigo de Mercè Molist sobre a liorta que hai nos USA polo control dos servizos de Internet.

6.9.06

E se.....


Ao saber o que pasou coa nave de Brenntag, o primeiro que se me veu á cabeza foi: e se chega pasar en Forestal del Atlántico e con Reganosa xa funcionando?

5.9.06

4.9.06

Festa dos maiores


Esta fin de semana seica tivo lugar a de Melide. Outra volta “Superpiñeiro” e máis do mesmo que en O Carballiño e Vilalba pero cunha diferenza, desta volta o PSOE di o que dende o Bloque hai tempo que lle deberían facer chegar a Quintana a respecto destes actos e a súa presenza e actuación neles: «lembra os actos de clientelismo político de Fraga. Quintana e o BNG reproducen con exactitude os actos de propaganda aos que nos tiña afeitos Manuel Fraga e o PP durante tantos anos e que o propio Bloque criticaba entón».

O ‘cambio galego’ ten que ser moito máis que a descentralización e incremento deste tipo de festas ou a constitución de
SOGASERSO.

1.9.06

Escolla


Dubidada entre Mala gente que camina, Café Babilonia e Las nueve caras del corazón. Unha frase, “En la danza, como en la vida, no necesitamos más que nueve formas de expresarnos. Las podríamos llamar las nueve caras del corazón”, decidiume por este último. E a ti, gústache a danza.