25.9.06
Redesons e outros programas
Errática é o cualificativo máis benévolo que xorde no meu contorno cando tratamos de definir a política da Consellaría de Cultura e Deporte.
De entrada, tiñamos serias dúbidas sobre a capacidade e idoneidade da Conselleira para ese cargo pero depositabamos as nosas esperanzas nalgúns membros do equipo.
Aínda que non tardaron en aparecer síntomas preocupantes (por exemplo, algunhas confirmacións/nomeamentos ou iniciativas que non acabamos de entender a que criterios respondían) seguimos dándolles unha marxe de confianza.
Se en Deporte hai tempo que as luces indican perigo, en Cultura a xestión da Feira do Teatro, a resolución das convocatorias de subvencións á produción e distribución de espectáculos e as programacións para este trimestre que ven de facer públicas o IGAEM disparan os sinais de alarma.
Centrándonos nas programacións, non estaría de máis que alguén nos explicara os criterios para a escolla dos grupos que conforman os ciclos REDESONS JAZZ e REDESONS CLÁSICA e cal é a razón pola que os mesmos catro músicos aparecen en máis do 60% do total de espectáculos contratados.
Asemade, tamén sería desexábel que nos digan por que os monicreques e a maxia si poden estenderse a espazos non incluídos na Rede Galega de Teatros e Auditorios (cómpre non esquecer a política de construción de equipamentos culturais dos gobernos do PP) e non se fai o mesmo co jazz ou a música clásica. E sabemos que non é cuestión de falta de espazos escénicos idóneos porque nos consta que non incluíron na programación a concellos que organizan habitualmente, con cargo aos orzamenntos municipais e en espazos acaídos, concertos de música clásica, jazz, blues........