31.3.06

Iria e Parallé


Cando Iria estudaba imaxe e son, fixo algún traballo audiovisual sobre don Xosemaría. Agora, convidada polo Obradoiro Literario a participar en voces da casa (3), faino recreando un anaco de Dorna romeira.

27.3.06

Voces amigas na nosa casa


«Aquí estamos un ano máis convosco para convidarvos a entrar na nosa casa e que vexades cómo somos. E desta vez facémolo no marco do ciclo «Non des ao esquecemento», evento co que o Concello de Fene pon o seu gran de area para colaborar a manter vivo o lume da memoria daqueles anos escuros que invaden como unha nube mesta o centro do século XX no noso país.

As letras galegas xa viviran os seus (moitísimos) anos escuros. Saíran deles collidos da man de Rosalía. Nestes anos escuros da ditadura franquista elas experimentaron o duro camiño do exilio, da ocultación, do susurro. Pero non ficaron caladas. Dende o agocho de dentro ou dende a dor de lonxe medraron lentas e firmes colabourando a abrir o camiño que hoxe nos permite a todos estar aquí.

Este ano, os membros do Obradoiro Literario de Fene asumimos unha proposta de traballo para achegárvola nestas páxinas: cada un de nós convidou á festa a un autor (cómpre recoñecer que a liberdade de escolla provocou que algún autor recibise dous e tres convites a participar). Aos convidados gardabámoslles unha sorpresa. Ao chegaren á nosa casa descubriron que cada un de nós utilizara un texto seu como xermolo para dar

vida a unha nova criatura literaria.

Foi para todos nós unha ledicia contar, nesta aventura, coa participación entusiasta de Iria López Teijeiro. Ela entrou hai uns poucos meses pola porta grande da literatura galega cunha fermosa novela, Meniña de cristal, gañadora do I Premio Biblos-Pazos de Galicia. Hoxe entra na nosa casa que é tamén súa.» Limiar de voces da casa (3)

A presentación de voces da casa, unha publicación que xa vai polo seu terceiro número, vai ter lugar o venres, 31, ás 20 h na Casa da Cultura de Fene cun recital a cargo dos participantes no Obradoiro acompañados do seu coordinador, Eduardo Estévez, e de Iria López Teijeiro.

24.3.06

O tren que me leva


O martes, 28 de marzo, no marco do ciclo «Non des ao esquecemento», Xavier Alcalá, presentará en primicia absoluta un “clip” de O tren que me leva, documental sobre a vida e cancións de Andrés Do Barro no que aparecen a falar del e da súa obra persoeiros ben coñecidos como o Lasén, o Xoán Rubia, o Alcalá e demais... O tal do retallo do documental dura un cuarto de hora, e nel se din moitas cousas sobre o fenómeno da nova canción e as relacións Voces Ceibes, Do Barro, Rubia, Pardo, Sprinters, Tamara... Na presentación Alcalá estará acompañado de Anxo Fernández, produtor e director do documental, que gravou máis de 20 horas e é testemuña de primeira man do que se dixo durante elas.

23.3.06

As TIC ao servizo da participación social


A Comisión Europea difunde, a través do Programa Socrates, unha serie de consellos para fomentar o bo uso das TIC e a xente de TEB-Ravalnet transformáronas nunha nova ‘cápsula de coñecemento’ que di así:

Accesibilidade e espazos

O acceso e o proceso de aprendizaxe das TIC ten que ser gratuíto, sobre todo para os niveis iniciais de formación.

Os centros de aprendizaxe (aulas informáticas, telecentros...) teñen que estar abertos e dispoñer de horarios moi amplos e flexíbeis, que inclúan sesións de mañá, tarde e noite tamén durante as fins de semana.

Atreverse a aprender

Os cursos, a metodoloxía, os materiais e as actividades teñen que basearse nas necesidades e intereses das persoas que participan. Na aprendizaxe das TIC é moi importante a práctica continuada, porque é a única vía de asimilar e integrar os contidos.

Todas as persoas poden superar o medo inicial e comezar a traballar cun ordenador, e todos e todas podemos aprender a utilizar as TIC se nas diferentes aulas e cursos se crea un clima agradábel e positivo.

Traballo transversal e contidos axeitados

As persoas responsábeis dos diferentes cursos teñen que facer un grande esforzo didáctico, dar explicacións sinxelas e explicar o significado das palabras técnicas nunha linguaxe accesíbel para tódalas persoas. Trátase de non crear ningún tipo de barreira que dificulte o acceso á aprendizaxe.

É importante crear grupos de traballo baseados nun centro de interese común a tódalas persoas participantes e poder integrar as TIC como un instrumento de traballo nos diferentes procesos de aprendizaxe.

Participación e equipamento

A participación dos diferentes usuarios e voluntarios é indispensábel e moi importante. Grazas, precisamente, ao seu papel, é posíbel a construción da Rede. Tódalas persoas poden aportar algunha cousa.

A aprendizaxe das TIC ten que se parte do proceso de aprendizaxe ao longo de toda a vida. Por este motivo, é importante que cada estudante poida contar cun ordenador para garantir un proceso de aprendizaxe directo e constante.

Difusión e convivencia

É moi importante achegar o coñecemento das TIC ao maior número de persoas posíbeis, difundindo ao máximo as iniciativas e actividades que se programen e facilitando a participación das mesmas das persoas susceptíbeis de estar interesadas.

A aprendizaxe das TIC debe contribuír a superar situacións de xenofobia e racismo e ten que se basear na promoción das persoas con discapacidades e na igualdade entre homes e mulleres.

22.3.06

Dedicatoria


A José Bono, na súa visita ás Terras de Trasancos este anaquiño de “La mala reputación”

En la fiesta nacional
yo me quedo en la cama igual,
que la música militar
nunca me supo levantar.

En el mundo, pues, no hay mayor pecado
que el de no seguir al abanderado.
No, a la gente no gusta que
uno tenga su propia fe.

Pode escoller entre a versión orixinal,
Brassens, autóctona pero clásica, a de Paco Ibáñez, ou en plan máis rockeiro, a de Loquillo e Trogloditas.

21.3.06

Ecoloxía informática

Son propostas de sentido común que nos axudan a ser ecolóxicos tamén no uso da informática.

Conferencia de Antón Costa


No seu relatorio, Antón Costa Rico fará un percorrido, apoiado en textos escolares, polo que foi o currículo oficial e as súas cativas variacións na escola do franquismo ao longo dun extenso período de máis de 40 anos.

Logo dun punto de partida (“A República dos mestres” e a lingua das bolboretas), Antón Costa vainos convidar a pousar os nosos ollos, de modo breve, na represión, nas leis de reforma dos plans de estudos do Bacharelato e do Ensino Primario (1945), no ideario político e pedagóxico que fundamentaba e sostiña a orientación totalitaria-fascista e logo nacional-católica que se seguiu no ensino, nas varias etapas ministeriais ata a Lei Xeral de Educación, no comportamento eclesiástico e na privatización relixiosa do ensino medio urbano, na vida diaria da escola e no malpasar dos mestres. Algo tamén dirá sobre “El Frente de Juventudes”, a “Sección Femenina”, o labor de “Auxilio Social”, os libros de texto (Rayas, Enciclopedias, Manuscritos de cartas,…), o canto (“Cara al sol”, “Montañas nevadas”,…), a persecución do galego, a educación da muller (“La cocina: su gran laboratorio”), a lexitimación escolar da Ditadura, o valor do que na escola se aprendía, o Plan Galicia, e o comezo do desencanto social, en demanda doutros horizontes.

20.3.06

Na procura das sete diferenzas

Non sei a quen lle escoitei que se goberna a través do boletín oficial. Como lector compulsivo do Diario Oficial de Galiza, nestes meses, pouco ou moi pouco. E o que é peor, moitas coincidencias. Se a principios de ano era galego.org quen publicaba a noticia “Política lingüística copia o modelo de subvencións sobre o do PP” agora son eu quen vos convida a encontrar as sete diferenzas entre as convocatorias da Dirección Xeral de Xuventude. Por se non as tendes a man refírome a: Orde de 23 de novembro de 2004 pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías durante o 2005 (goberno do PP, DOG do 29 de decembro de 2004) e a Orde do 10 de marzo de 2006 pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías (goberno bipartito, DOG do 20 de marzo de 2006).

19.3.06

Décimo aniversario


Parabéns, CTNL

16.3.06

Sen grandes cambios

No DOG de hoxe publican a estrutura orgánica da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nunha lectura superficial non aprezo cambios substancias a respecto do que viña sendo a DXPL.

Palabras que definen unha época

Cóntame ‘Carteiro en bicicleta’ que Frá Molinero lles propuxo aos asistentes ás conferencias de ‘Non des ao esquecemento’ elaborar, de forma colectiva e mentres dure o ciclo, un glosario coas palabras e expresións que evoquen a vida cotiá baixo o franquismo. ‘Cociña bilbaína’, ‘de cáscara amarga’, ‘boina capada’, ‘extraperlo’, ‘a peseta’…. son algunhas desas expresións.

A idea de Frá gustou e en Fenicia empezaron a mover fíos. Vou botarlles unha man. Sei que isto acaba de empezar, que a maioría de 'blogueir@s' sodes 'doutra quinta, e que nesta casa non teño moitas visitas. Non obstante, se pasas por aquí, non esquezas deixarme unha frase ou unha palabra que asocies a esa época que vai de 1939 a 1975, o seu sentido e contexto en que a escoitaches. Grazas de antemán.

15.3.06

Derivas sobre unha reflexión de Dorfun


Sempre que se prevé a construción dunha nova grande área comercial aparecen sectores –mesmo algúns munícipes- que asocian a iniciativa a ‘progreso’, ‘servizo ao cliente’, ‘libre competencia’ e, sobre todo, á creación de novos postos de traballo. As dinámicas e os argumentos non adoitan variar por máis que se trate de concellos tan distantes e diferentes como Santiago, Narón, Ames, Pontedeume ou Oleiros.

Conste que non é doado combater algúns destes argumentos. Especialmente, o relativo á ‘creación de postos de traballo’. A fin de contas é un feito obxectivo que, por ‘visualizarse de xeito inmediato’, se converte, xunto co importe das licenzas de obras e actividade, nuns dos pretextos máis socorridos para agochar os ‘pelotazos’ urbanísticos que nas máis das veces van asociados á instalación da superficie comercial. Claro que tamén hai outros feitos obxectivos, non menos importantes dende o punto de vista cuantitativo e cualitativo, que esquecemos porque son procesos lentos e tardan en agromar. Refírome á desaparición do comercio retallista coa conseguinte perda de postos de traballo, á ‘desertización’ dos cascos urbanos, ao cambio de hábitos relacionais e de lecer….

Vivo preto dun centro comercial e creo que sei do que falo. Efectivamente, creáronse postos de traballo pero ninguén contrapón os que se destruíron no pequeno comercio da comarca. Urbanizouse a zona e construíron pisos en terras que mercaron a dous reais e que axiña se revalorizaron en porcentaxes de vertixe para, segundo a 'vox populi', beneficio dun dúo ao que alcuman ‘a unha e media’ ou ‘juanes’. Dende 2002 temos novos servizos e mesmo unha ampla zona de ocio con 12 salas de cine mentres viamos como pechaban o Cine Avenida, o Cine Azul, o Cine Roma e, agora, os Multicines Galicia. Contestándolle a Dorfun, que pregunta como será unha cidade sen cines, direi que moito me temo que unha cidade e unha comarca aínda máis mortas.

14.3.06

Fotografía familiar e vida cotiá no franquismo

É das poucas persoas que coñezo que, estando no ‘candelabro’, conxugou o verbo demitir. Foi quen de ser coherente, defender o que cría e marchar para casa cando mudaron tempos e, xa que logo, houbo quen mudou vontades. Formou parte do xurado encargado de premiar as ideas máis ocorrentes sobre que facer coa estatua do burro e o cabalo. Autor teatral de vocación, profesor de historia que exerce o seu maxisterio no IES Concepción Arenal, hai anos que leva estudando e interpretando as fotografías familiares.

Eduardo Frá Molinero, berciano de orixe e con obra en lingua galega, estará hoxe, ás 19:30 na Casa da Cultura de Fene, para falar de ‘A vida cotiá no franquismo’, un relatorio que vai estruturar en tres grandes bloques:

No primeiro, analizará como a vida cotiá vai variando segundo as condicións económicas nas tres grandes etapas do réxime franquista:

  • A posguerra e os anos da fame 1939-1953
  • O período 1953-1968, a primeira apertura internacional e o “desarrollismo”, o turismo e a emigración masiva. O proceso de desruralización e a formación dunha clase media “moderada”.
  • 1968-1975. A crise “intelectual” e “física” do Réxime. As fortes protestas culturais e políticas contra a ditadura. A rebelión cultural da mocidade urbana, unha igrexa católica posconciliar e desafecta e unha dereita “europeísta”.

No segundo, estudará a vida cotiá fronte á vida oficial política e relixiosa do réxime de Franco:

  • Vida cotiá como resistencia fronte á oficialidade ideolóxica. Vida cotiá como sinónimo de vida pública.
  • Sistemas de adoutrinamento da vida privada por parte do Réxime:

- A prensa escrita, a radio e a televisión.

- A escola e a catequese católica. Falanxe Española (o movemento)

- Fracaso relativo do adoutrinamento. A vida cultural dos pobos foise afastando progresivamente da cultura oficial.

Rematará proxectando fotografías familiares e grupais da época para, de seguido, proceder á súa análise simbólica e á contextualización histórica.

13.3.06

Sobre o BNG, a terceira idade e as caixas de aforros

A Xunta implica ás caixas? Que eu saiba, as caixas xa estaban implicadas e non precisamente por facer un labor social. Os xeriátricos, os centros de atención ás persoas maiores son unha liña de negocio interesantísima para as caixas e outras entidades financeiras. Eis, Caixa Galicia non dubida en asociarse con Eulen para crear EUXA e montar residencias coma a da oitava cidade, na que as mensualidades andaban hai un ano entre os 1.200 e os 1.700 euros. Caixa nova, a través da sociedade que comparte co Banco Galego, Geriatros, mercaba non hai moito outra residencia con perfil semellante no ferrolán barrio de Esteiro. Iso si, ámbalas dúas entidades estiveron dispostas a recibir o apoio do diñeiro público, da Xunta de Galiza a cambio de ofertar unhas cantas prazas ‘para atender necesidades sociais’. Non está de máis repasar as hemerotecas e ver que dixeron BNG e PSOE cando botou a andar unha destas residencias! Claro que daquela aínda non gobernaban na Xunta. Agora hai que vestir con outro traxe o que, con criterio máis que discutíbel e non por pecharse á colaboración da iniciativa privada, xa se viña facendo.

Non o esquecen

Quería axudar na casa e foi aos percebes. Tiña 17 anos e morreu en Doniños. Sábado, os seus, acordaban de Martín.

Golfiño en Doniños



Na zona de Penencia. Tiña o bico roto. Polo sangue do palé, semella que quedou enganchado e morreu tentando ceibarse :-(

10.3.06

Todo un descubrimento

















Sabía que existía pero, até onte, nunca me dera por curiosear. Tomei como exemplo o web da Universidade de Santiago de Compostela para ver a evolución tanto a nivel de deseño coma de contidos dende 1997 até hoxe. As imaxes falan por si soas.

9.3.06

El sabalero en concerto


Din quen o coñecen que adoptou o sobrenome de El Sabalero en homenaxe aos traballadores do mar, aos pescadores de sábalos do litoral uruguaio.

Canta e conta historias mínimas, cotiás, sinxelas, pero que na súa voz ronca se converten en épicas, en inmensas.

Chega dende Holanda e durante este mes de marzo está en xira por Galiza. Verémolo en Carballo, Pontevedra, Vigo....

A Trasancos ven da man da ‘Asociación Cultural Encontro Progresista Uruguai-Galiza’. Cantará en Fene, na Casa da Cultura, o sábado, 11 de marzo, ás 20:30 presentando o seu disco ‘La casa encantada’.

8.3.06

Onde estaban eles?



Onde estaban todos eles e o Consello da Cultura Galega cando a Xunta de de Galicia comezaba co proxecto de ‘Cidade da Cultura’? Recomendo ir á hemeroteca e buscar nos números –desculpade que non saiba data- d’ A Nosa Terra. Acordo dunha carta ao director moi breve na que demandaba o posicionamento do Consello. E até hoxe!

7.3.06

Reservado o dereito de admisión


«A participación na xornada
está
restrinxida a
determinadas mulleres
que ocupan postos destacados
nos ámbitos académicos, políticos, empresariais, financeiros,
culturais e sociais en Galicia»

A frase en cuestión está tirada do web que publicitaba as xornadas ‘Mulleres e poderes, reflexións sobre o liderado de mulleres’ organizadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.
Se controlara de deseño de bitácoras faría unha fotomontaxe con ‘oh, es el’ subindo ao bus violeta acompañado da bailarina e demais séquito mentres o mercenario, cal mariachi 'pelotas', canta en versión particular ‘lo estais haciendo muy bien/muy bien’.

La vieja memoria



Película sobre a guerra civil amosada a través das lembranzas dunha serie de persoas (La Pasionaria, Tarradellas, Federica Montseny, Gil-Robles, Líster, Jato, Serrano Suñer, etc.) que viviron uns momentos transcendentes na historia do Estado.

Cento sesenta e un minutos de filme que saben a pouco. Jaime Camino, o seu director, é quen de mesturar con grande acerto as imaxes de arquivo cos primeiros planos dos entrevistados nun constante contraste de opinións que permite que cada un de nós tiremos as nosas propias conclusións.

Para quen non a coñeza –acordas, L.? Foi a nosa primeira viaxe xuntos á 'capital'. Saiamos de ver ‘La vieja memoria’ e na porta do cinema vimos un grupo de ultradereitistas e ao outro lado outro de grises, que daquela xa vestían de marrón. E nós, que non sabiamos cara a onde ir para zafar dos paos- “La vieja memoria” proxéctase na Casa da Cultura de Fene hoxe, martes 7 de marzo, ás 19:30 h enmarcada no ciclo ‘Non des ao esquecemento’

6.3.06

Caras, casas e cousas


Gústame. Encántame tanto o título da exposición coma os cadros escollidos por Jorge Cabezas para a mostra que ven de inaugurar en Sargadelos-Ferrol. Confeso que me perden as súas vespas e bicicletas.

Tamén me parece unha magnífica iniciativa as charlas didácticas sobre a exposición que a directora da galaría, Verónica Martínez Delgado, dispensará cada xoves ás 19:00 h.

4.3.06

De interese para 'landrovers'


Publicidad, patrocinio, mecenazgo y colaboración. Marco legal e incentivos fiscales é un libro de Andrés Jiménez Díaz editado pola Asociación Española de Fundaciones, que analiza e explica, entre outros temas, as diferenzas entre unha serie de conceptos como patrocinio, convenio de colaboración e outras fórmulas publicitarias semellantes como a esponsorización que poden provocar interpretacións equivocadas.

Inclúe, ademais, un exame da lexislación vixente en materia de mecenado, precedida dunha reflexión sobre as condicións ideais mínimas que, a xuízo do autor, debería reunir esta lexislación.

Un libro económico –custa 5,90 €-, que podemos mercar por Internet, de grande utilidade para xestores culturais e directivos de fundacións e outras entidades sen fins de lucro.

3.3.06

Escura e transparente


No marco dos contactos con autores, o escritor Baldo Ramos participará hoxe tarde nunha sesión cos membros do Obradoiro Literario. Logo, ás 20 h na Biblioteca Municipal (Casa da Cultura de Fene) e para o público en xeral, o director do Obradoiro, Eduardo Estévez e o propio escritor, presentarán o libro Escura e Transparente, un orixinal libro que combina os seus suxestivos poemas coas ilustracións realizadas pola súa propia man, creando todo un universo de sensacións visuais e auditivas, consecuencia da combinación de tonalidades, claroscuros, imaxes e simbolismos sonoros.

Un blog para cada veciñ@

De cara ao Día de Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Iformación, Europa Press anuncia a posta en marcha, coa colaboración da Asociación de Usuarios de Internet, a campaña ‘un blog para cada cidadán’ aberta á participación de tódolos concellos que queiran facilitarlle aos seus veciños a posibilidade de ter o seu propio blog en Internet.

2.3.06

Non des ao esquecemento



Hoxe comeza ciclo 'Non des ao esquecemento'

Vémonos na Casa da Cultura.

A cuestión da lingua


Vai case para sete días que a secretaria xeral de política lingüística comparecía en sede parlamentaria para avanzar as liñas de actuación da súa área de cara ao exercicio de 2006. Algo pasa co galego, e non precisamente bo, cando só un medio, Vieiros, se fixo eco desta intervención e organizacións en defensa do idioma ou ás que se lles presupón un compromiso coa lingua non emitiron súa valoración pública ao respecto.

No medio dunha política basicamente continuista, só unhas raiolas de esperanza: a creación do Consello Social da Lingua Galega e o Consorcio para a promoción da Lingua.