31.10.06

Subvencións para SNL


Seguen coa mesma política de convenios tipo ‘café-para todos’ sen ter en conta criterios de progresividade, que non é igual o esforzo dun concello de 9.000 habitantes que o doutro de 80.000.

Tampouco demandan un maior compromiso e implicación dos concellos –contratar máis persoal para o Servizo, pasar dun contrato a media xornada a un de xornada completa....- co que, como rexe o principio de caixa única, os 12.000 euros do convenio poden acabar contribuíndo a unha nova contratación de, por exemplo, un policía local ou un bombeiro.

30.10.06

Boas prácticas









O proxecto xa ten nome provisional. E seguimos avanzando! Por máis que o poida parecer, non se trata de facer ningunha norma ISO. Pretendemos, iso si, perfilar os parámetros a ter en conta á hora de valorar as ‘boas prácticas’ no labor dun cargo público local.

As sensibilidades son diferentes pero, se nalgún punto houbo coincidencia inmediata, foi en desconfiar da ‘cantidade’. O importante non é ‘facer por facer’, senón que o se faga responda a un programa, teña uns obxectivos definidos e reúna unha serie de condicións de forma e de fondo que entendemos imprescindíbeis.

Nesta historia, tócame andar a voltas cos extremos para avaliar as ‘boas prácticas’ nos cargos públicos progresistas. De momento, levo anotados os seguintes interrogantes:
- Contrasta nas estruturas locais da organización as grandes liñas de actuación?
- Implica a esas estruturas no desenvolvemento das citadas grandes liñas?
- Tradúcese o seu labor na ampliación da base e na mellora das perspectivas da organización na localidade?
- Promove/demanda canles e medios estábeis para a participación cidadán na xestión pública?
- Aplica/esixe uns criterios claros e coherentes cos seus principios políticos ao modelo de xestión dos servizos?
- Defende/segue unha política clara de contratación?
- Perfila os obxectivos e condicións en que se deben desenvolver a curto, medio e longo prazo os servizos?
- Confunde o papel do técnico e o do político?
- Procura unha axeitada xestión dos recursos humanos e garantirlle aos traballadores unhas condicións contractuais e de traballo dignas?
- Defende unha fiscalidade que compaxina o pagamento do custo do servizo con políticas sociais destinadas a que se beneficien destes as persoas con menos recursos?
- Fai/demanda unha axeitada xestión dos recursos e unha planificación estratéxica dos investimentos?
- Ten capacidade para distinguir entre a urxencia e a prioridade, a necesidade e demanda?
- Determinan os medios de comunicación a súa axenda política?
- Faría o mesmo que pregoa segundo estea no goberno ou na oposición?

Non son novos nin orixinais. Ademais, quen me coñece sabe que hai tempo que os levo repetindo.

De tódolos xeitos, deume por aplicalos a algún caso concreto. Mi ma!, canto peixe! Agora ponte ti a explicarlle ao persoal que non é ouro todo o que brila!

En fin, que moita falta nos fai outra nova cultura política aínda que a estas alturas xa non sei se é posíbel.

27.10.06

Ao servizo de.....

Ai, deus! Só lle faltou dicir ‘ao servizo da súa maxestade el-quin’! E eu que pensaba que o da obediencia debida era cousa da “mili”!

Di o refraneiro ‘non hai mal que por ben non veña’. Noutras palabras, vai dispor de máis tempo para que isto non sexa
reserva de refinadas esencias. Logo? Xa se verá aínda que todo apunta na mesma dirección.

26.10.06

Financiamento








Pouco despois das últimas eleccións municipais suscitouse en A Nosa Terra un certo debate sobre a política lingüística dos concellos gobernados ou cogobernados polos nacionalistas. Aínda que as discrepancias eran significativas, non se pasou de insinuar en público o que se comentaba, con tódalas letras, en privado.

Dende a conformación do goberno bipartito volve a reproducirse unha dinámica semellante que mesmo chega a outras esferas nas que tamén cogoberna o nacionalismo.

Aprendida a experiencia do que pasou nos concellos hai que correr o risco e dicir en voz alta o que, para algúns, son as ‘verdades do barqueiro’.

Como comentaba este día cunha boa amiga, hai que dar o paso adiante e facelo sen complexos. Se dende esta consellaría, concellaría ou vicerreitoría cremos que, política e socialmente, é necesario que existan determinadas organizacións e estas precisan de fondos públicos para subsistir ou incrementar a súa actividade, imos contribuír ao seu financiamento e imos facelo en base a este argumentario dun xeito claro e transparente.

O que xa non me parece admisíbel é enmascarar esta colaboración a través de pretendidas liñas de actuación que acaban por se converter nunha sorte de ‘calar bocas’ (‘como financias pois xa non entro a cuestionar a túa actuación’), ‘bulas’ (‘es o exemplo a seguir’), crear rede de cara a fortalecer posicións no seo da organización política e, sobre todo, nun xeito de frustrar iniciativas que, conducidas doutro xeito, poderían ser moito máis eficaces.


P.S.
Leo que para fomentar o uso do galego Vicepresidencia vai fomentar o voluntariado lingüístico e as ‘galescolas’.

25.10.06

Reserva de refinadas esencias








De entrada teño certa prevención contra quen, cando ‘tocan poder’, recorren ás palabras máxicas (‘aperturismo’, ‘renovación, ‘modernización’, 'realismo', 'xestión', 'nacionalismo posíbel'.....) para articular un discurso confuso e difuso. Que queredes que vos diga! Quen peiteamos canas e temos memoria de elefante, acordamos dunha frase de Alfonso Guerra, “renovadores de la nada”, que definía perfectamente o proceso que se vivía naquel entón no PSOE e os levou, pouco despois, a desmantelar a organización e comezar a longa travesía no deserto.

Como o país é pequeniño, as miñas precaucións aumentan ao ler quen son algúns destes ‘aperturistas’. Polas súas traxectorias políticas e profesionais teño serias dúbidas que ‘aperturismo’ e
‘altruísmo’ ou desinterese camiñen da man.

Comparto o mesmo desexo de non acabar convertidos nunha “reserva de refinadas esencias” mais tampouco me serve o ‘vale todo’. O problema non está en traballar polo país, senón en como traballamos. A modo de exemplo, haberá quen entenda que privatizar a xestión dun medio de comunicación público é representar á maioría social do país e unha mostra de aperturismo e quen optamos por
“reservar as finas esencias” e defender a xestión pública, cos mecanismos de control e participación social imprescindíbeis, do medio de comunicación. Pois iso, que o cerne da cuestión non está en traballar senón cara a onde. Como ben podedes deducir, son dos de ‘a cara ao vento’.

24.10.06

En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai!


Afortunado o lema daquela campaña, non así a dinámica da política municipal que caracterizou á cidade olívica dende as primeiras eleccións municipais democráticas.

No horizonte inmediato uns novos comicios nos que, vistos dende a distancia, PSOE e BNG van ter que 'bater o cobre' para borrar a pegada que, con distintas responsabilidades, deixaron nestes últimos oito anos.

Pola parte que me toca –son dos que non milita pero si cotiza tódolos meses- preocúpame o BNG.

Visto dende as
terras de Trasancos pareceume unha barbaridade a forma de abordar o nomeamento do candidato á alcaldía e a complicada situación na que puxeron a persoas (Xabier Toba e Manolo Bragado) ás que aprecio.

Escribín que
me decepcionou, e moito!, o labor de Santiago Domínguez á fronte da Dirección Xeral para o Deporte. Tamén dixen que as consecuencias desta política, ou falta dela, imos pagalas e aínda están por vir e ver.

Non obstante valoro a súa decisión de aceptar, aínda que fora a última hora, encabezar a candidatura de Vigo. Se vos fixades, malia ao que se dicía e especulaba na conformación do bipartito (est@ vai para este cargo ao obxecto de promocional@ e que nas municipais vaia de candidat@ á alcaldía en....), Santiago Domínguez é o único cargo do
BNG na Xunta que fai o ‘camiño de volta’ e non precisamente para ocupar un posto polo que haxa pelexas. Así que, como non o vou valorar e máis tendo en conta que por estas terras só coñecemos ‘camiños de ida’!

Non obstante, de ser certas as manifestacións que ‘
Galicia Hoxe lle atribuía este luns a Santiago Domínguez

«Pola súa banda, o director xeral de Deportes e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Santiago Domínguez, asegurou onte que se "entenderá" co aspirante socialista, Abel Caballero, se este "ten claro" que esta cidade "non pode ser vítima" e se está disposto a traballar por Vigo "independentemente do que lle diga o seu partido en Santiago e en Madrid". Nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, Santiago Domínguez -que prevé deixar o seu actual cargo "a principios de marzo"- afirmou que el, se é alcalde, non fará "a política que lle marque o BNG en Santiago", aínda que se teña que "enfrontar á súa formación". Ó preguntarlle pola sensación de que o Bloque ten mellor relación en Vigo co PP que co PSOE, o candidato nacionalista dixo que o BNG "demostrou que non se entende mellor nin cos populares nin cos socialistas, senón coa cidade"».

non podo menos que sentir arrepío. Se o discurso de Quintana a respecto do país (Galiza como ente abstracto por riba de todo. Ceos! Dixo o mesmo en Cataluña e proclamou como referente a ese señor de dereitas que se chama Artur Mas) non se sostén, a súa extrapolación ao ámbito local fai que o disparate se perciba aínda con máis nitidez.

De pensar o que lle atribúen, é mellor que Santiago Domínguez renuncie a formar parte da
‘dirección de Santiago do BNG’, á militancia na organización e concorra nunha candidatura independente ou no partido dos que ‘ante-todo-a-miña-localidade-ou-mellor-dito-ante-todo-eu’.

Deste xeito, non terá que se enfrontar a ninguén na defensa da súa cidade pero tampouco se beneficiará da imaxe de marca que tantas persoas, con moitas boas intencións, contribuíron e contribúen a crear.

Outro discurso político é posíbel e moita falta fai que haxa quen o articule e verbalice.

23.10.06

Formación, lingua e contidos


O Plan agrupado de formación continua 2007 da Deputación da Coruña vai ser o último da lexislatura. Sería de agradecer que, cando menos neste, o ‘cambio’ se notara tanto en cuestións como a lingua en que se dispensan as aulas coma na oferta de cursos.

Na lingua, por exemplo, coa incorporación aos pregos de prescricións técnicas (cómpre ter en conta que unha boa parte dos cursos, nomeadamente os de informática, corren por conta de academias e outros centros de formación) de cláusulas que obriguen a utilizar as versións galegas do software (por exemplo, as interfaces do
Windows XP e Microsoft Oficce 2003) e dispensar as aulas e proporcionar os apuntamentos na lingua oficial da administración local.

Nos contidos, mediante a oferta de cursos sobre, e tamén a modo de exempo,
Linux, OpenOficce, Internet e correo electrónico utilizando o Firefox e o Thunderbird.......

É tanto pedir? Pois por non repetilo e dicilo con tempo de abondo que non sexa!

22.10.06

A contextualización do Festival de Solidariedade cos Traballadores de Astano


Vealí o fermoso e contundente texto que hai un ano, para contextualizar a edición do DVD do 20º aniversario do "Festival de Solidariedade cos Traballadores de Astano", elaborou Carlos Neira Suárez:

"O ano 85 chantaba a ameaza cumprida dos despedimentos da reconversión naval en ASTANO. O 27 de decembro do 84 era a data do terríbel ultimatum espetado a 3.500 familias nas xuntanzas do Nadal, nunha especie de terrorismo de mesa camilla ben apuntado e dirixido polo Goberno de Felipe González.

Mais ASTANO resistiu. Pasou xaneiro, e febreiro, e houberon de recoñecer que algo non cadraba nas promesas misteriosas do paraíso reconvertedor. Os traballadores de Ferrolterra, as súas familias, a xente toda, mantiveron a defensa da nosa industria na máis grande e variada loita que viu España dende o fin da Ditadura.

Folgas, paus, encerros, manifestacións, concentracións, barricadas, lume, tirabólas, recitais, concertos, exposicións, tractoradas de maquinaria pesada, secuestro de barcos, ocupacións, campañas na prensa pagadas polas caixas de resistencia, contactos internacionais... Nada ficou sen intentar ao longo de dous anos nun combate que enfrontou ao colectivo humano de ASTANO co Goberno máis solidamente instalado dos que houbo -e probabelmente haberá nos próximos decenios-, co sindicato UGT -convencido e aliñado dende o primeiro día, asinando a entrega incondicional-, cos medios de comunicación -tapando a verdade e insultado aos obreiros-, cunha Xunta incapaz e cínica... e co adormecemento da cidadanía.

Foi unha loita exemplar, e razón teñen os que din que foi tamén unha loita nacional, un país en pé. Galiza apareceu plena, transcendendo o carácter sindical do conflito.

Era o momento para dar o último empurrón. Non podíamos falar co Goberno –os ministros socialistas da época eran inaccesíbeis- pero logramos converter a loita nun problema político para o PSOE. E houbo unha posibilidade de negociación –Chaves, Benegas- que a propia UGT frustrou. Xa entón a unidade sindical comezaba a fender na factoría, con CC.OO. presta á capitulación.

A acción orientouna o sindicato nacionalista, e aí enmárcase o acto da Malata. A organización do concerto correu por conta da gauche divine de ASTANO –Miguel, Natalio, Marcelo, Porto, Filgueiras...- e a Galiza da vangarda respondeu. Os poetas, os escritores, os gaiteiros, as bandas de rock. Tradición e futuro. Folclore e movida. Sen marcha, non había futuro. E sen futuro non habería marcha.

Salvamos o que se puido da construción naval. E o que non se salvou non foi por falta de xente. A farándula, a intelixencia, os cantores viñeron. Ferrol estivo. Que bo vasalo se houbese bo Señor!

Carlos Neira Suárez"

21.10.06

No 85? Con barba e 21 tacos menos


Vai un ano dende que Mangi Caldeville propuxo recuperar a primeira produción do Taller de Vídeo de Fene, o “Festival de Solidariedade cos Traballadores de Astano”.

Aínda que a calidade non era alá moi boa (o Taller non facía máis que comezar e os medios cos que se gravou eran limitados) no Departamento de Cultura do Concello de Fene, en base ao seu valor documental, acordaron editalo en formato DVD cunha fermosa e contundente introdución na capa asinada por
Carlos Neira, naquel entón membro do Comité de Empresa de Astano, unha das persoas que fixeron posíbel o sindicalismo nacionalista en Ferrolterra e nomeadamente o festival que agora se recupera. Por certo, é quen fai a presentación do ‘Festival Rock’

Souben, primeiro por
Zero Vacas e logo por Máis Alá, que Calidonia subiu a Youtube algunhas as imaxes dos actos dese día.

Pregunta Calidonia onde estabas ti no 85? Pois daquela cría na radio pública local como ferramenta de dinamización lingüística e vertebración social e nesas andaba. Propuxéranme colaborar co Festival de Solidariedade encargándome de presentar o Festival Rock. Con esa intención ía cando na entrada de Punta Arnela me avisan que é mellor que presente o Festival Folk porque a María Tareixa Navaza, que era quen estaba prevista, a ameazaran con despedila da TVE se puña a súa voz no acto. E aí estou, con barba, 21 anos menos, na compaña de María Xesús Durán, introducindo a
Méndez Ferrín ou Manuel María.

Son moitas as lembranzas e as anécdotas deses días. Algunhas deixeinas na bitácora de Calidonia. Esquecín comentar que Milladoiro toca sen o seu violinista por aquel entón, Michel Canada. Trabaralle un can na man. O resto, mellor calalas que non convén abusar e acabar parecendo “el abuelito cebolleta”.

20.10.06

Boa nova e bo anuncio


Unha boa nova, que a Confederación de Empresarios de Galiza volva contar con Servizo de Normalización Lingüística e retome o importante labor iniciado por Tina.

Un bo anuncio, o da presentación en sociedade do Servizo. Mágoa que lle inseriran, xusto ao seu carón, o da convocatoria dun curso sobre "Legislación comunitaria en materia de protección de consumidores".

Non desesperar que o camiño é longo.

19.10.06

Proposta de himno


Contábame unha amiga que asiste ás xuntanzas de simpatizantes da U que medra o malestar interno polo labor do BNG na Xunta. O propio ‘Don Francisco’ só salvaba ás Conselllarías de Industria e Medio Rural –concordo con el na segunda, non así na primeira- e amosábase especialmente crítico con Cultura e Deportes e Vicepresidencia. Aos de Vicepresidencia cualificábaos como ‘os das ocorrencias’. Hoxe ‘galescolas’, mañá ‘revolución tranquila’ e logo a organización a andar detrás, a todo correr, para tentar darlles corpo e sentido.

Tamén a través dalgunhas amizades –unhas, á fronte de concellarías de ensino e benestar social e outras vinculadas a
servizos lingüísticos- recibo críticas moi acedas á política de Vicepresidencia e, nomeadamente, ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, organismo que non saben moi ben para que vai servir e ao que non lle acaban de ver as vantaxes. Claro que isto hai que dicilo pola ‘boca pequena’. A consigna é facer que os concellos entren no Consorcio ‘caiga-quien-caiga’. E máis dende que o PP, coas súas tácticas dilatorias, empezou a cuestionalo!

Lin na prensa unha convocatoria de prazas para o Consorcio e, mesmo descoñecendo as bases,
non me gustaron as formas. Semella que non fun o único. Segundo “La Voz de Galicia” de hoxe, un grupo de aspirantes e a CIG-Administración solicitan que a convocatoria da praza de Director/a de Benestar sexa nula de pleno dereito.

Non porque non houbera motivos e si para para non ser
reiterativo, prometínme non volver escribir sobre as ‘galescolas’. Conste que cumprín. Mesmo non publiquei ningún ‘post’ cando recibín o último número do BE NE GÁ AO DÍA, ese que inclúe unha ampla reportaxe titulada “O ano en que o país empezou a mudar”, e descubrín abraiado que xa hai unha Rede con 121 ‘galescolas’ nas que, supoño, o galego xa será lingua normal. E eu sen saber onde está a primeira!

En fin, que mantiven a promesa até hoxe, que xa non puiden máis. Hai un momentiño achegouse ao meu chollo unha persoa que leva meses indo dun lado para outro na procura de información. Quere traballar nunha ‘galescola’ (as informacións oficiais din que nesta comarca en xaneiro abren algunha) sen que, a día de hoxe, nin técnicos, nin políticos, locais ou autonómicos, sexan quen de lle explicar se ten que montar unha empresa e concursar para facerse cunha concesión administrativa ou preparar un temario porque van convocar probas selectivas de cara a crear un corpo de profesorado nas ‘escolas infantís’, 'galescolas', de 0 a 3 anos.

Como haxa quen siga mirándose ao espello e escoitando ao grupo de aduladores, despois das municipais no BNG farán ben en propoñer como himno oficial da organización o ‘somos siniestro total/siniestro total’.

17.10.06

Campaña electoral e tecnoloxía


Non deixar de ler o artigo de Vilaweb que describe os cambios na campaña electoral a respecto dos últimos comicios autonómicos e como desta volta a tecnoloxía (bitácoras, sms, youtube, dvd…..) é unha peza chave na mercadotecnia dos grupos políticos e dos candidatos á presidencia da Generalitat.

16.10.06

Nacionalismo posíbel


Filtran os seus achegados que ten propostas de futuro para o BNG e quen ‘maneja la barca/ que a la deriva nos lleva” non tardou en comezar a prepararlle o lanzamento da nova imaxe de marca. De aquí á asemblea nacional, o que antes denominaban ‘quintanismo’ –ou como tocar moqueta custe o que custe- pasa a chamarse, por obra e graza de Don Antonio, “nacionalismo posíbel”.

Un, que é moi curtiño, segue sen coñecer cal é a vía de Quintana para o BNG. Sabe, iso si, que o camiño do “nacionalismo posíbel” hai tempo que o iniciou
outra persoa e que é unha vía que conduce ao porto que conduce.

11.10.06

Sobre xornadas e outras cuestións


Cando Luís Álvarez Pousa tomou posesión como Director Xeral de Cultura (xa choveu dende aquela!) unha das primeiras decisións que adoptou foi reformular, reconverter e especializar as mostras de teatro que tiñan lugar no país. De entrada, non todo o mundo entendeu e acolleu de bo grado a medida. Pola parte que coñezo, á maioría non lle pareceu ben deixar de organizar as “Xornadas de Teatro Profesional” para montar o que despois sería a “Mostra de Teatro Infantil Galego ‘Xeración Nós’”. Non obstante, o paso do tempo non fixo máis que darlle a razón a Pousa.

Conto esta historia para que non nos pase o mesmo co tema do software libre. É imprescindíbel moito labor de divulgación en forma de cursos, obradoiros, demostracións…… Xornadas? As xustas, especializadas e de grande interese porque, se non, corremos o risco de traballar para unha lexión de convencidos.

10.10.06

Anuncios e transparencia



Só o vin na edición do domingo, 8 de outubro, de “La Voz de Galicia”.

Aparecía na páxina 48, na marxe inferior dereita e cun tamaño de 10 x 10’5 cms.

Como indica o titular, anuncia a convocatoria de proceso selectivo para a cobertura de 4 prazas de administrativo/a e 1 de director/a da área de benestar.

As bases non están dispoñíbeis na Rede. Para consultalas é necesario desprazarse a Compostela e achegarse á sede do Consorcio (Rúa Eduardo Pondal). As solicitudes para tomar parte no procedemento hai que entregalas no rexistro xeral de Vicepresidencia e o prazo para facelo é de dez días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria; isto é, remata o 18 de outubro e o 12 é festivo e o 15 domingo. Asina a convocatoria o Presidente do Consorcio.

Di o “Acordo sobre bases programáticas para a acción da Xunta de Galicia que asinan os grupos políticos PSdG-PSOE e BNG”:

Garantirase a igualdade e a transparencia no acceso aos postos de traballo no sector público galego, baseado en criterios de mérito, capacidade e libre concorrencia”.

6.10.06

Formación-sensibilización



Na miña dispersión habitual ando a voltas coa formación-sensibilización dos cargos públicos, nomeadamente dos alcaldes e concelleiros que sairán das vindeiras eleccións municipais.

Quen coñeza como están os concellos sabe que é imprescindíbel mudar a cultura política imperante no ámbito local.

Intentos, haber-hainos. Nuns casos a través das propias organizacións políticas, noutros vía escolas de administración pública ou as liñas de formación programadas dende as asociacións de municipios.


Das experiencias que fun recollendo, por máis que aínda non teña o dominio .cat, chamoume moito a atención a da Fundació Futura Local.

5.10.06

Curso sobre lexislación sanitaria


Boísima a iniciativa da CIG. Este ano no SERGAS convocan bastantes prazas e hai moita xente interesada en preparalas. Só lle vexo un problema, e non precisamente pequeno. Os apuntamentos do curso, as diapositivas en PowerPoint que proxectan e distribúen impresas, están case todas en español, lingua que tamén é a vehicular do docente. Logo nos sorprendemos se o persoal protesta porque, chegado o exame, lle entregan as preguntas en galego.

4.10.06

E eu, que podo facer?




Leo en Vilaweb que a Plataforma per la Llengua e Òmnium Cutural organizan o curso 'I jo, què puc fer?', actividade dirixida á formación de activistas lingüísticos.

Non sería mala idea organizar un semellante para parlamentarios galegos e demais cargos públicos. Polo que min respecta, vouno propoñer a quen corresponde :-)

3.10.06

Cuestión de visibilidade e de país


Falabamos este día en Compostela que de pouco serve localizar ou producir software se ese labor non se espalla, non se dá a coñecer entre a poboación. Son moitos os medios que se poden utilizar para promocionar unha iniciativa. Na Rede, un dos máis socorridos é incorporar un banner de apoio tal e como, por exemplo, propoñen dende a Asociación PuntoGal. Cinguíndonos a esta campaña, pode que as datas en que a lanzaron non foran as máis apropiadas para as adhesións pero agora, que comezamos un novo curso, por cuestións de visibilidade e de país é o momento de procurar estendela e, nomeadamente, a espazos de referencia como as páxinas principais dos web da Real Academia Galega, Cultura Galega, A Galega ou das universidades.

2.10.06

Nova colección de publicacións












Jordi agradece en El Faristol a boa acollida á presentación do seu libro e loa o intercambio de experiencias e coñecemento. Mancomún tamén se fai eco da presentación e Biblos anuncia unha nova colección de publicacións para cubrir a demanda dos interesados no campo tecnolóxico.

Políticas públicas e usos lingüísticos


Segundo o estudo La difusión del español en Internet realizado por la consultora Accenture para a ‘Fundación Caja de Burgos’ e a ‘Fundación de la Lengua Española’ ao dividir o número de usuarios de Internet polo número de páxinas na mesma lingua deses usuarios, o inglés ten a ratio máis alta cun 1,47 seguido do francés cun 1,25, o alemán cun 1,23 mentres que o español acada o 0,58. Terán algo que ver as políticas públicas nos usos lingüísticos? Semella que seguen vixentes as reflexións que faciamos hai poucos e moitos anos.

1.10.06

Estado de ánimo


Empecei con este espazo como un xeito de obrigarme a poñer por escrito as miñas 'barrenadas'. Non tiña outras pretensións así que permaneceu na ‘clandestinidade’ até que unhas reflexións sobre as galescolas chamaron a atención de Vieiros.

Tentei non ‘privarme’ e manter a liña inicial mais, dende que hai xente aí, xa non me resulta tan doado. Procurei non falar de min, dos meus estados de ánimo, aínda que en ocasións non me resulta doado. Hoxe é un deses días. Dende esta noite, Xan Guindán non dorme entre estas catro paredes. Hai tempo que deixou de ser o neno que se emocionaba cos contos de Bernardino Graña e onte comezou a andaina pola que levaba agardando.

Cara a fóra, faino con decisión. Mesmo semella un auténtico ‘desleixado’. Nótase que nesta, como noutras cousas que tampouco me gustan moito, é ‘cuña’ da mesma madeira.

Sei que lle toca empezar a voar, que é lei de vida, que outros pasaron antes por isto e todo o que se lle queira engadir. Tamén sei que os dous comezamos diferentes procesos de adaptación. Con todo, por máis que acredito na forza da razón, non fun quen de evitar deitar algunha pinguiña de sal nas beirarrúas da Avenida das Ciencias. Foron moitas emocións e botar en falta que ela xa non estea con nós para ver este momento, para dicirlle a Xan Guindán que siga como até agora e contarlle algunhas cousas que o seu pai lle omite.

Xan Guindán, capitán!, que teñas unha moi boa travesía.


P.S. Non esquezas ao que te comprometiches cando pasamos por diante do ‘Toñi Vicente’.