22.10.06
A contextualización do Festival de Solidariedade cos Traballadores de Astano
Vealí o fermoso e contundente texto que hai un ano, para contextualizar a edición do DVD do 20º aniversario do "Festival de Solidariedade cos Traballadores de Astano", elaborou Carlos Neira Suárez:
"O ano 85 chantaba a ameaza cumprida dos despedimentos da reconversión naval en ASTANO. O 27 de decembro do 84 era a data do terríbel ultimatum espetado a 3.500 familias nas xuntanzas do Nadal, nunha especie de terrorismo de mesa camilla ben apuntado e dirixido polo Goberno de Felipe González.
Mais ASTANO resistiu. Pasou xaneiro, e febreiro, e houberon de recoñecer que algo non cadraba nas promesas misteriosas do paraíso reconvertedor. Os traballadores de Ferrolterra, as súas familias, a xente toda, mantiveron a defensa da nosa industria na máis grande e variada loita que viu España dende o fin da Ditadura.
Folgas, paus, encerros, manifestacións, concentracións, barricadas, lume, tirabólas, recitais, concertos, exposicións, tractoradas de maquinaria pesada, secuestro de barcos, ocupacións, campañas na prensa pagadas polas caixas de resistencia, contactos internacionais... Nada ficou sen intentar ao longo de dous anos nun combate que enfrontou ao colectivo humano de ASTANO co Goberno máis solidamente instalado dos que houbo -e probabelmente haberá nos próximos decenios-, co sindicato UGT -convencido e aliñado dende o primeiro día, asinando a entrega incondicional-, cos medios de comunicación -tapando a verdade e insultado aos obreiros-, cunha Xunta incapaz e cínica... e co adormecemento da cidadanía.
Foi unha loita exemplar, e razón teñen os que din que foi tamén unha loita nacional, un país en pé. Galiza apareceu plena, transcendendo o carácter sindical do conflito.
Era o momento para dar o último empurrón. Non podíamos falar co Goberno –os ministros socialistas da época eran inaccesíbeis- pero logramos converter a loita nun problema político para o PSOE. E houbo unha posibilidade de negociación –Chaves, Benegas- que a propia UGT frustrou. Xa entón a unidade sindical comezaba a fender na factoría, con CC.OO. presta á capitulación.
A acción orientouna o sindicato nacionalista, e aí enmárcase o acto da Malata. A organización do concerto correu por conta da gauche divine de ASTANO –Miguel, Natalio, Marcelo, Porto, Filgueiras...- e a Galiza da vangarda respondeu. Os poetas, os escritores, os gaiteiros, as bandas de rock. Tradición e futuro. Folclore e movida. Sen marcha, non había futuro. E sen futuro non habería marcha.
Salvamos o que se puido da construción naval. E o que non se salvou non foi por falta de xente. A farándula, a intelixencia, os cantores viñeron. Ferrol estivo. Que bo vasalo se houbese bo Señor!
Carlos Neira Suárez"