30.10.06
Boas prácticas
O proxecto xa ten nome provisional. E seguimos avanzando! Por máis que o poida parecer, non se trata de facer ningunha norma ISO. Pretendemos, iso si, perfilar os parámetros a ter en conta á hora de valorar as ‘boas prácticas’ no labor dun cargo público local.
As sensibilidades son diferentes pero, se nalgún punto houbo coincidencia inmediata, foi en desconfiar da ‘cantidade’. O importante non é ‘facer por facer’, senón que o se faga responda a un programa, teña uns obxectivos definidos e reúna unha serie de condicións de forma e de fondo que entendemos imprescindíbeis.
Nesta historia, tócame andar a voltas cos extremos para avaliar as ‘boas prácticas’ nos cargos públicos progresistas. De momento, levo anotados os seguintes interrogantes:
- Contrasta nas estruturas locais da organización as grandes liñas de actuación?
- Implica a esas estruturas no desenvolvemento das citadas grandes liñas?
- Tradúcese o seu labor na ampliación da base e na mellora das perspectivas da organización na localidade?
- Promove/demanda canles e medios estábeis para a participación cidadán na xestión pública?
- Aplica/esixe uns criterios claros e coherentes cos seus principios políticos ao modelo de xestión dos servizos?
- Defende/segue unha política clara de contratación?
- Perfila os obxectivos e condicións en que se deben desenvolver a curto, medio e longo prazo os servizos?
- Confunde o papel do técnico e o do político?
- Procura unha axeitada xestión dos recursos humanos e garantirlle aos traballadores unhas condicións contractuais e de traballo dignas?
- Defende unha fiscalidade que compaxina o pagamento do custo do servizo con políticas sociais destinadas a que se beneficien destes as persoas con menos recursos?
- Fai/demanda unha axeitada xestión dos recursos e unha planificación estratéxica dos investimentos?
- Ten capacidade para distinguir entre a urxencia e a prioridade, a necesidade e demanda?
- Determinan os medios de comunicación a súa axenda política?
- Faría o mesmo que pregoa segundo estea no goberno ou na oposición?
Non son novos nin orixinais. Ademais, quen me coñece sabe que hai tempo que os levo repetindo.
De tódolos xeitos, deume por aplicalos a algún caso concreto. Mi ma!, canto peixe! Agora ponte ti a explicarlle ao persoal que non é ouro todo o que brila!
En fin, que moita falta nos fai outra nova cultura política aínda que a estas alturas xa non sei se é posíbel.