19.10.06
Proposta de himno
Contábame unha amiga que asiste ás xuntanzas de simpatizantes da U que medra o malestar interno polo labor do BNG na Xunta. O propio ‘Don Francisco’ só salvaba ás Conselllarías de Industria e Medio Rural –concordo con el na segunda, non así na primeira- e amosábase especialmente crítico con Cultura e Deportes e Vicepresidencia. Aos de Vicepresidencia cualificábaos como ‘os das ocorrencias’. Hoxe ‘galescolas’, mañá ‘revolución tranquila’ e logo a organización a andar detrás, a todo correr, para tentar darlles corpo e sentido.
Tamén a través dalgunhas amizades –unhas, á fronte de concellarías de ensino e benestar social e outras vinculadas a servizos lingüísticos- recibo críticas moi acedas á política de Vicepresidencia e, nomeadamente, ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, organismo que non saben moi ben para que vai servir e ao que non lle acaban de ver as vantaxes. Claro que isto hai que dicilo pola ‘boca pequena’. A consigna é facer que os concellos entren no Consorcio ‘caiga-quien-caiga’. E máis dende que o PP, coas súas tácticas dilatorias, empezou a cuestionalo!
Lin na prensa unha convocatoria de prazas para o Consorcio e, mesmo descoñecendo as bases, non me gustaron as formas. Semella que non fun o único. Segundo “La Voz de Galicia” de hoxe, un grupo de aspirantes e a CIG-Administración solicitan que a convocatoria da praza de Director/a de Benestar sexa nula de pleno dereito.
Non porque non houbera motivos e si para para non ser reiterativo, prometínme non volver escribir sobre as ‘galescolas’. Conste que cumprín. Mesmo non publiquei ningún ‘post’ cando recibín o último número do BE NE GÁ AO DÍA, ese que inclúe unha ampla reportaxe titulada “O ano en que o país empezou a mudar”, e descubrín abraiado que xa hai unha Rede con 121 ‘galescolas’ nas que, supoño, o galego xa será lingua normal. E eu sen saber onde está a primeira!
En fin, que mantiven a promesa até hoxe, que xa non puiden máis. Hai un momentiño achegouse ao meu chollo unha persoa que leva meses indo dun lado para outro na procura de información. Quere traballar nunha ‘galescola’ (as informacións oficiais din que nesta comarca en xaneiro abren algunha) sen que, a día de hoxe, nin técnicos, nin políticos, locais ou autonómicos, sexan quen de lle explicar se ten que montar unha empresa e concursar para facerse cunha concesión administrativa ou preparar un temario porque van convocar probas selectivas de cara a crear un corpo de profesorado nas ‘escolas infantís’, 'galescolas', de 0 a 3 anos.
Como haxa quen siga mirándose ao espello e escoitando ao grupo de aduladores, despois das municipais no BNG farán ben en propoñer como himno oficial da organización o ‘somos siniestro total/siniestro total’.