21.10.06
No 85? Con barba e 21 tacos menos
Vai un ano dende que Mangi Caldeville propuxo recuperar a primeira produción do Taller de Vídeo de Fene, o “Festival de Solidariedade cos Traballadores de Astano”.
Aínda que a calidade non era alá moi boa (o Taller non facía máis que comezar e os medios cos que se gravou eran limitados) no Departamento de Cultura do Concello de Fene, en base ao seu valor documental, acordaron editalo en formato DVD cunha fermosa e contundente introdución na capa asinada por Carlos Neira, naquel entón membro do Comité de Empresa de Astano, unha das persoas que fixeron posíbel o sindicalismo nacionalista en Ferrolterra e nomeadamente o festival que agora se recupera. Por certo, é quen fai a presentación do ‘Festival Rock’
Souben, primeiro por Zero Vacas e logo por Máis Alá, que Calidonia subiu a Youtube algunhas as imaxes dos actos dese día.
Pregunta Calidonia onde estabas ti no 85? Pois daquela cría na radio pública local como ferramenta de dinamización lingüística e vertebración social e nesas andaba. Propuxéranme colaborar co Festival de Solidariedade encargándome de presentar o Festival Rock. Con esa intención ía cando na entrada de Punta Arnela me avisan que é mellor que presente o Festival Folk porque a María Tareixa Navaza, que era quen estaba prevista, a ameazaran con despedila da TVE se puña a súa voz no acto. E aí estou, con barba, 21 anos menos, na compaña de María Xesús Durán, introducindo a Méndez Ferrín ou Manuel María.
Son moitas as lembranzas e as anécdotas deses días. Algunhas deixeinas na bitácora de Calidonia. Esquecín comentar que Milladoiro toca sen o seu violinista por aquel entón, Michel Canada. Trabaralle un can na man. O resto, mellor calalas que non convén abusar e acabar parecendo “el abuelito cebolleta”.