10.10.06

Anuncios e transparencia



Só o vin na edición do domingo, 8 de outubro, de “La Voz de Galicia”.

Aparecía na páxina 48, na marxe inferior dereita e cun tamaño de 10 x 10’5 cms.

Como indica o titular, anuncia a convocatoria de proceso selectivo para a cobertura de 4 prazas de administrativo/a e 1 de director/a da área de benestar.

As bases non están dispoñíbeis na Rede. Para consultalas é necesario desprazarse a Compostela e achegarse á sede do Consorcio (Rúa Eduardo Pondal). As solicitudes para tomar parte no procedemento hai que entregalas no rexistro xeral de Vicepresidencia e o prazo para facelo é de dez días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria; isto é, remata o 18 de outubro e o 12 é festivo e o 15 domingo. Asina a convocatoria o Presidente do Consorcio.

Di o “Acordo sobre bases programáticas para a acción da Xunta de Galicia que asinan os grupos políticos PSdG-PSOE e BNG”:

Garantirase a igualdade e a transparencia no acceso aos postos de traballo no sector público galego, baseado en criterios de mérito, capacidade e libre concorrencia”.