26.10.06

Financiamento








Pouco despois das últimas eleccións municipais suscitouse en A Nosa Terra un certo debate sobre a política lingüística dos concellos gobernados ou cogobernados polos nacionalistas. Aínda que as discrepancias eran significativas, non se pasou de insinuar en público o que se comentaba, con tódalas letras, en privado.

Dende a conformación do goberno bipartito volve a reproducirse unha dinámica semellante que mesmo chega a outras esferas nas que tamén cogoberna o nacionalismo.

Aprendida a experiencia do que pasou nos concellos hai que correr o risco e dicir en voz alta o que, para algúns, son as ‘verdades do barqueiro’.

Como comentaba este día cunha boa amiga, hai que dar o paso adiante e facelo sen complexos. Se dende esta consellaría, concellaría ou vicerreitoría cremos que, política e socialmente, é necesario que existan determinadas organizacións e estas precisan de fondos públicos para subsistir ou incrementar a súa actividade, imos contribuír ao seu financiamento e imos facelo en base a este argumentario dun xeito claro e transparente.

O que xa non me parece admisíbel é enmascarar esta colaboración a través de pretendidas liñas de actuación que acaban por se converter nunha sorte de ‘calar bocas’ (‘como financias pois xa non entro a cuestionar a túa actuación’), ‘bulas’ (‘es o exemplo a seguir’), crear rede de cara a fortalecer posicións no seo da organización política e, sobre todo, nun xeito de frustrar iniciativas que, conducidas doutro xeito, poderían ser moito máis eficaces.


P.S.
Leo que para fomentar o uso do galego Vicepresidencia vai fomentar o voluntariado lingüístico e as ‘galescolas’.