31.8.06

Nada que dicir


Pois iso, que estou coma Fito.

30.8.06

Rota dos muíños


Iamos facer a rota do río -nin acordo a última vez que percorrín as súas beiras!- e cambiamos de plans. Atrevémonos coa rota dos muíños. Saímos dentro dun cachiño. Aínda estamos barallando se facela camiñando ou en bici. A intención é chegar até a área recretativa de Pedroso. SI non veu o muíño rehabilitado e funcionando.

29.8.06

Google traduce aplicacións ao catalán



Se hai uns meses presentaban a versión en catalán do programa gratuíto de xestión de fotografías Picasa 2, agora veñen de anunciar a versión previa en catalán do do Google Desktop unha aplicación de escritorio para procurar que nos permite encontrar textos nos correos electrónicos, arquivos, imaxes... que gardamos no ordenador ou nas páxinas web que visitamos.

28.8.06

Subvencións para a normalización lingüística... en español!!!


A responsabilidade da área é plena. Non é a primeira vez que se producen notificacións sobre o tema nesta lingua. O balance en conxunto do período de goberno, lamentábel e acredito que non foi por falta de propostas de posíbeis liñas de actuación.

27.8.06

Fai falta reflexionar


Suxería Barreiro Rivas que “cando un país entra nos pazos do Goberno pola porta de urxencia queimado, sería bo que houbera un servizo de urxencias que, antes de pasalo a un andar, serenara o proceso, establecera con claridade os diagnósticos, mandara as angarelas á sala de observacións e evitara calquera medida precipitada ou demagóxica que, para curar unha ferida, abra primeiro outra máis grande”.

Mágoa que no BNG non tiveran en conta a súa suxestión á hora de analizar os lumes forestais de este mes de agosto. Se
está é a súa valoración política da vaga de incendios e as súas propostas de futuro para combatelos, que deus nos colla confesados!

P.S. Substituír o discurso e a argumentación política por unha serie de ‘frases titulares’ deixa nas
hemerotecas pegadas como esta: “Culpable, el que enciende la cerilla, y responsable, el que no pone medios para impedir las causas: es decir, la Xunta”.

26.8.06

650


“A Secretaría Xeral de Política Lingüística recibiu, nos seis primeiros meses do ano, seiscentas corenta e nove solicitudes para a corrección ou tradución ao galego de diversos materiais de traballo, tanto de institucións públicas como privadas. Este servizo lingüístico da Xunta é un instrumento máis para facilitar e fomentar a progresiva galeguización das actividades mercantís, administrativas, asociativas, culturais ou publicitarias”. (...) O equipo de Marisol López realiza tarefas de asesoramento a empresas, colexios profesionais, notarías, ONG ou cámaras de comercio.

Inxenuo de min! Pensaba que o cometido da
Secretaría Xeral era outro! Agora só falta que se estenda o exemplo e a Consellería de Vivenda poña a disposición de empresas e particulares un servizo de arquitect@s para facer e supervisar os proxectos de vivendas (bloques de pisos, pareados, adosados, unifamiliares....) que lle demanden as empresas e particulares.

25.8.06

O fútbol dos sábados só en galego


Alégrame que ao PP non lle importe coincidir cos argumentos que está a empregar ERC en Valencia e nas Baleares. Semella que a súa preocupación polo futuro do galego é máis importante que coincidencias puntuais e son conscientes que o problema non está en que a TVG se quede sen o partido de liga do sábado, senón en que ese partido se retransmita en castelán co que o galego sofriría un novo retroceso e perdería un espazo de uso que xa tiña gañado. Di ti que para que seren críbeis terían que amosar esa mesma preocupación noutros moitos ámbitos, desfacerse dos seus prexuízos ideolóxicos e, por exemplo, non criticar que se esixa o coñecemento do galego para traballar ao servizo de calquera administración pública galega e rectificar en sede parlamentaria e medios de comunicación todo o que ‘largaron’ a respecto das contratacións persoal das brigadas contra o lume.

Sorprendeume que o BNG (por certo, vendo o web do Bloque teño a sensación que dende que eliminaron a sección de “Novas” no web de
Vicepresidencia a trasladaron ao web do BNG) ou A Mesa non tiveran ningunha iniciativa para demandar da empresa (ou pedirlle a Marisol que o fixera) que adquiriu os dereitos de emisión do fútbol un mínimo de sensibilidade co país e co proceso de normalización da nosa lingua e, xa que logo, que garantira a emisión dos partidos en galego.

Leo en na
prensa que “La Sexta” anuncia de 'motu propio' que emitirá os partidos en español, catalán, galego e éuscaro. O que non se di nesa información é que o van facer a través da televisión dixital terrestre –polo de agora, moi minoritaria- mentres que as emisións en analóxico só se farán en español.

A presión social das
áreas de fala catalá algo xa conseguiu. Esperemos que a cidadanía e o goberno galego reaccionen e entre todos consigamos que o fútbol dos sábados siga sendo só en galego.

24.8.06

Xan de Xenaro


A chegada a Ferrolterra do ‘Barco da Memoria’ serviu de pretexto para recuperar o documental Xan de Xenaro: memoria de 32 anos. Trátase dunha produción do Taller de Vídeo Municipal de Fene realizada en colaboración con Iris Producións e baseada no guión de Agustín Fernández Paz e Bernardo Máiz (proxecto gañador do “I Concurso de Guións de Vídeos Didácticos do Concello de Fene”) sobre a vida dun maquis veciño de Limodre.

Xan de Xenaro: memoria de 32 anos obtivo o
Premio "Galicia" do Certame de Cine e Vídeo de Vilagarcía de Arousa no ano 1987. Algún día haberá que recoñecer o labor de 'Mangi' Caldeville á fronte do Taller Municipal de Vídeo e doutras moitas iniciativas no eido do audiovisual.

23.8.06

"Time Lines"


Recomendáronme “Time Lines”, de Andrew Hill pola calidade do autor e porque se volve xuntar con Charles Tolliver. Non son ningún entendido pero me encantou. Nomeadamente “Malachi”, o tema que abre e pecha o disco e que, segundo me explicaron, é a súa homenaxe a Malachi Favors Maghostut.

22.8.06

Copa Xunta


Enfrontábanse Negreira e Deportivo e alí ninguén sabía cantos cambios podía facer cada equipo. Chamadas á Federación Galega de Fútbol. Lávanse as mans. Din que, como entidade organizadora da Copa que é, lle compete á Dirección Xeral para o Deporte fixar as normas específicas do torneo. O Deportivo argumenta que están en pretempada, queren probar xogadores e se non hai número ilimitado de cambios non xoga o partido. Chamada á Dirección Xeral. Non saben nin contestan. Nos vestiarios, ninguén se explica como se meten a organizar un torneo destas características sen unha normativa propia previamente distribuída entre clubs e Federación (organización arbitral). O sentidiño que se impón e acordo entre as partes: número ilimitado de cambios. Remata o partido, a acta estaba en castelán. Di ti que non me debería estrañar visto o visto ou a pantalla de inicio do web da Dirección Xeral para o Deporte.

21.8.06

Juan Anido e Carmen Filgueiras


Probabelmente os nomes non vos digan nada. A min tampouco até que os coñecín, vai para dous anos, cando, con motivo do 25º aniversario dos concellos democráticos, o alcalde de Mugardos –Barcia ou Xosé para os amigos- me convidou a participar nunha fermosa homenaxe ás corporacións elixidas entre o 15 de abril de 1931 -14 de marzo de 1936 e de abril de 1979- xuño de 2003.

Volvín reencontrarme con eles en Fene, na presentación de
‘A cidade da selva’, documental no que coa humildade e sinxeleza que os caracteriza narran a súa loita contra a represión franquista.

Teñen 84 e 81 anos e o pasado sábado estaban en
Mugardos, a súa vila natal, agardando a chegada do ‘Barco da Memoria” e contándolle a M. Mayoral. de ‘Diario de Ferrol’ que «durante a Guerra Civil, tiveron na bodega da casa, un ben escondido ‘zulo’ no que ocultaron a moitos fuxidos. A cousa durou un tempo, pero ao final descubrírono -un detido cantou, pero como di Carmen, non se lle pode ter en conta co martirio ao que o someteron- e os dous foron detidos o 18 de xullo de 1951. Juan Anido conta que por dúas veces librouse da morte grazas a intervención dun tenente coronel que era veciño. Finalmente, formáronlles consello de guerra aos dous e o home declarou que a muller non tiña nada que ver cos feitos. Ela volveu para casa e el foi a para o cárcere de Burgos, onde estivo cinco anos. O máis duro era que se pasaba moita fame , explica Juan Anido, que recoñece que tivo moita sorte, a pesar de ter sufrido moito, e que considera que, até o de agora, había moito medo a falar da represión».

20.8.06

Antón? Non, Antonio



Non o podo disimular :-) Ecantoume a maldade de Inseminario a respecto de Antón Losada :-)

Por certo, o seu nome real é Antonio Losada Trabada tal e como consta no DOG núm. 160 de 22 de agosto de 2005.

Por se non se vé ben na imaxe, transcribo o texto da corrección de erros que tiveron que incluír:
"Corrección de erros.-Decreto 301/2005, do 11 de agosto, polo que se nomea secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a Antón Losada Trabada.
En relación ao Decreto 301/2005, do 11 de agosto, polo que se nomea secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a Antón Losada Trabada, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 155, do 12 de agosto, cómpre facer a seguinte corrección:
Nas páxinas 14.181 e 14.234, onde di: «Antón Losada Trabada», debe dicir: «Antonio Losada Trabada»".

18.8.06

E non aprenderán del?


Cando o BNG estaba á fronte das alcaldías de Vigo, Pontevedra e Ferrol e participaba nos gobernos de Santiago e Lugo os ‘modelos’ a seguir eran o dos ‘alcaldes de todos’ (tipo Xaime Bello e Lois Castrillo) ou dos ‘magníficos xestores’, versión Lugo. Facer, como Lores, a política da organización pola que resultaran elixidos semellaba pouco menos que un exceso propio de radicais.
Eis, Castrillo non faltou a unha procesión do ‘Cristo da Vitoria’, Bello retirou o cabalo non para rematar cunha vergoña histórica, senón ‘no marco dunha actuación urbanística con cambio de mobiliario urbano’ e en Lugo deixouse a política para os máis mentres se ocupaba o campo tecnocrático da xestión. Viñeron as municipais de 2003, os resultados foron os que foron e aínda hai quen agarda unha análise seria e rigorosa alén da ‘síndrome Orozco’.
Dende que o BNG entrou a formar parte do
goberno galego, percíbese unha clara diferenza entre Medio Rural e o resto das consellarías –inclúo á Vicepresidencia- en mans dos nacionalistas.
Suárez Canal dirixe unha Consellería cun programa político claro e explícito. o mesmo co que concorreu ás eleccións; non é un conselleiro ‘mediático’, nin unha ‘fichaxe galáctica’ procedente do campo dos independentes senón un dos ‘coroneis’ da UPG; cando aparece nos actos sabe ocupar o seu lugar sen estar pendente dos ‘gráficos’ e, se comparece ante os medios, é para dicir algo con sentido político e non unha restra de tópicos seguidas da ‘frase-titular’; reparte xogo entre os membros do seu equipo –rara vez comparece tutelando aos seus directores xerais-; non entra na ‘confraría do glamour’; está á fronte dunha área complexa e abandonada dende hai moitos anos e aínda por riba este verán foi quen asumiu toda a responsabilidade na loita contra o lume.
Leo en
Galicia Confidencial que ‘segundo os inquéritos urxentes realizados por algún gabinete do Goberno galego, Suárez Canal é o único membro do goberno que sae reforzado durante esta crise’, algo que acredito porque, cando menos no meu círculo de relacións, Alfredo percíbese como o único que soubo estar á altura das circunstancias e tamén como a persoa axeitada para liderar o cambio que o rural galego necesita.
Ao fío de todo isto,
un e outro non aprenderán de Suárez Canal?

Difícil de explicar


Leo nos xornais e nalgún blog que o PSOE de Fene homenaxea a Ramón Souto, alcalde fusilado en 1936 e despregan iniciativas varias para rehabilitar a todos os efectos aos munícipes fusilados tras o golpe militar fascista. Toda homenaxe ás persoas que deixaron a súa vida na loita polas liberdades é pouca. Non obstante, non deixa de chamarme a atención que ningún dos concelleiros do PSOE de Fene e da executiva socialista local non asistiran á meirande parte das actividades programadas polo Departamento de Cultura con motivo do ‘Ano da Memoria’ (matizo, á clausura do ciclo asistiu o exportavoz municipal socialista), actos que se delongaron durante dous meses e nos que non só se rendeu homenaxe a Ramón Souto e tódalas persoas represaliadas senón que, con actividades diversas e plurais tanto no seu enfoque coma nos seus protagonistas, tentouse reflexionar e dar a coñecer ás xeracións máis novas un período da nosa historia recente. Evidentemente, son cousas difíciles de explicar. Ou moi doadas!.

17.8.06

Recen saída do forno





Faltaba a capa e xa chegou. É obra de Xoán G. A presentación? O 28 de setembro en Compostela.

16.8.06

Setembro e comezo do curso nas Galescolas


Faltan poucos días para o comezo do curso escolar 2006-2007 e, xa que logo, para que abran as súas portas as primeiras Galescolas. Nin na prensa, nin no DOG, nin no web da Vicepresidencia fun quen de atopar información a respecto de:
- Localidades e enderezos destes primeiros centros.
- Data(s) en que comezan a funcionar e prazos para solicitar a admisión xa que supoño que haberá un período específico e non rexerán os da Orde do 20 de abril (antes do 10 de maio).
- Programa pedagóxico e réxime de funcionamento.
- Oferta pública de emprego coa relación de postos de traballo vacantes, procedemento de selección, temario……
- Formación específica ou xeral para acreditar a competencia lingüística.

Do que si me chega información é de
concellos que van inaugurar proximamente escolas infantís –enténdese que, ao igual que a do CHUS, á marxe da rede de Galescolas-, de convocatorias de concursos para a xestión mediante concesión administrativa de escolas infantís ou da aprobación/modificación dos regulamentos/ordenanzas específicos das que xa levan tempo en funcionamento.

15.8.06

Vieja confundida


As miñas preferenzas culinarias non encaixan moi ben nos seus ‘asados’. Prefiro o porco á vaca ou á tenreira; o rioxa á cola ou ao ribeiro; o café de cafeteira ‘italiana’ ao mate ou ao café ‘de pota’; o kcnockando ao licor-café ou á guinda caseira e Viglieti ou Zitarrosa a ‘El Sabalero’. Non obstante, á marxe da común devoción por Benedetti, hai moitas outras cousas que nos unen e esas son as que me levaron a achegarme onte ao mediodía a casa de E.
Na sobremesa comezamos ‘amañando o mundo' e rematamos ‘poñéndonos ao día’. Foi cando escoitei por vez primeira a expresión ‘vieja confundida’. Ante a miña curiosidade por esa frase que reivindicaron como propia dos uruguaios, léronme o seguinte parágrafo: “Las viejas confundidas son mujeres de bien entrada edad con cuerpo de gimnasio y melena al viento que, al verse tan juveniles, cometen el error de fantasear con que están superjovenes porque le echan piropos y les salen ligues. Creen que el tiempo, ese gran demoledor de belleza, les ha perdonado la vida. Entonces, empiezan con las extensiones en el pelo, luego le birlan los pantalones piratas a su hija quinceañera y acaban poniéndose un piercing en el ombligo".

Coa mesma, mireime no espello. Aínda non me deu polas extensións, non levaba levaba pantalóns pirata e dubido superar a grima que me dá só pensar nun piercing no embigo pero non garanto non caer na maldición das 'viejas confundidas'.

A piques de entrar no prelo



Só falta corrixir as probas -e nesas anda Jordi Mas- para metelo no prelo. Van cumpríndose os prazos de cara á presentación do 28 de setembro. Andan dándolle voltas a unha idea que, de poder levala a cabo, vai ser un auténtico puntazo. Que como o sei? Son as vantaxes de ter bos informadores :-))))))

14.8.06

'Leche Celta' e grupo lácteo galego


Asturias ten o seu grupo lácteo (Capsa) e Euskadi tamén (Iparlat), iniciativas que contaron e contan co apoio dos seus respectivos gobernos. A venda de ‘Leche Celta’ e o interese de Feiraco e ‘Leche Río’ en mercala podía supoñer un paso de xigante na construción dese grupo lácteo galego que reivindicamos dende hai tantos anos. Non foi así, Dean Foods vendeulle ‘Leche Celta’ a Lactogal. Feiraco e ‘Leche Río’ queixanse da falta de apoio da Xunta. Dende Medio Rural din «O grupo lácteo galego é un obxectivo prioritario deste Goberno. ‘Na venda de ‘Leche Celta’ non foi posible artellar unha oferta galega porque Dean Foods é unha empresa privada e non nos invitou a participar; non houbo ocasión». Dada a transcendencia do tema, sería de agradecer unha explicación máis detallada sobre as razóns que fixeron imposíbel artellar esa oferta galega.

13.8.06

“Terrorismo incendiario”, verosilimitude e verdade


Acórdanos “El País” que foi Fraga quen hai quince anos puxo en circulación a expresión “terrorismo incendiario”. Non queda a cousa aí, no editorial de hoxe inciden en que se ben a ‘teoría da conspiración’ pode ser verosímil, isto non a converte en verdadeira. Concordo co exposto na necesidade de buscar as explicacións na “multicausalidade” e na conveniencia de demandar novas políticas agrarias, forestais e urbanísticas porque non é só dicir que nas terras queimadas non se vai poder construír en 30 anos, é onde e en que condicións (servizos básicos, infraestrutura viaria….) se están autorizando actualmente a construción de urbanizacións de adosados, pareados…… E tamén, de que as licenzas de obras non se convertan na principal vía de ingresos de moitos concellos.

12.8.06

Xa están aquí


Levabamos un verán relativamente tranquilo en comparanza co do ano pasado, no que ardeu media bisbarra, pero nestes dous últimos días as lapas volveron para facerse cos montes de Mougá, Montefaro, Doniños, Esmelle, Vilasanche, Covas…..

Hipotese varias e variadas para tentar explicar esta vaga. Entendo que non debemos descartar ningunha pero tampouco é conveniente que o fume nos cegue. Se nos guiamos polo que nos pide o corpo ou polos discursos cos que nos bombardean, temos moitas posibilidades errar na diagnose e no tratamento co que, dentro dun ano ou dous, volveremos estar como agora. Dado que este erro foi recorrente -abonda repasar as hemerotecas para se decatar que non hai grandes diferenzas nas notas, só que houbo cambio nos músicos e nas partituras que interpetan- a ver se cando remate esta tempada somos quen de conxuntar ben conxuntada a orquestra, obrigar a definirse ou a excluírse a quen non estean polo labor, apostar na escolla da sinfonía e intensificar os ensaios para estreala con éxito no verán de 2007 sabendo, iso si, que terán que pasar varios anos para que soe con toda a súa forza.

11.8.06

Lume, lingua e prexuízo ideolóxico.


A lingua, o coñecemento do galego, foi un dos ‘argumentos estrela’ utilizados polo PP –co aval de CC.OO- e convenientemente axitado polos medios afíns –algúns de aquí pero maiormente os da meseta- para tentar desprestixiar o labor na loita contra o lume da Consellaría de Medio Rural.

Omiten interesadamente que a acreditación da competencia lingüística é un extremo regulado por Lei dende os gobernos do PP ou que, no caso das contratacións das brigadas contra o lume, a acreditación do coñecemento da lingua valorouse como mérito e non como condición imprescindíbel, extremo que para moitos sería o desexábel cando de acceder á función pública, a 'cobrar' da administración do país se trata.
Terxiversan, tamén, cando falan de persoas non contratadas.

Preocúpame que non aprenderan dos resultados das eleccións xerais e volvan recorrer á mentira e á manipulación como guía da súa acción política.

Preocúpame tamén non os seus prexuízos a respecto da lingua propia do noso país, senón que intenten contaxialos á sociedade galega.

Como non é a primeira vez que leo argumentos semellantes –en Ferrol, tamén os utilizou CC.OO para criticar as probas selectivas que rexeron a contratación de bombeiros- non estaría de máis que, de cara ao outono, a sección de lingua do Consello da Cultura Galega ou a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da Comisión de seguimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega convidaran a dirixentes do PP e a CC.OO a un encontro no que reflexionar sobre o prexuízo ideolóxico que subxace detrás destas condutas que connotan negativamente o coñecemento da nosa lingua.

E ao fío deste tema, non me resisto a reproducir o artigo titulado “Lume ideolóxico” que Luís Ávarez Pousa publicaba onte en “Diario de Ferrol”.

“A prensa conservadora de Madrid amolda a traxedia incendiaria de Galicia ás súas obsesións ideolóxicas. Nas portadas destes días, non parece senón que a lingua fose a culpable da inmensa pira funeraria na que se están convertindo os nosos montes. Vexan o ABC e La Razón do martes, e comproben ese atropello editorial. Que, ademais da súa preparación e aptitudes técnicas, se requira nas probas de seleción que saiban comunicarse en galego como unha razón máis para a contratación dos peóns, é para eses diarios mesetarios a causa necesaria desa aterradora escenografía.

Non teñen corazón, só teñen intereses políticos. Os mesmos que están detrás do argumentario segundo o cal pasamos do purgatorio fraguista ao inferno progresista por non teren os alcaldes do PP cuadrillas de confianza. Ou por ter descabezado o novo Goberno a estrutura de mando e tropa, que a consellería de Medio Rural xa ten desmentido. En todo caso, o que parece consecuencia dunha estratexia criminal perfectamente calculada en danos sociais e en eco político, en rendabilidade económica ou desafogo por vinganza, nunca ía reparar nesa estrutura, por moi experimentada que ela estivese. Detrás desa acusación política hai moita carga autodefensiva. Non se quere asumir que contra esa estratexia criminal nunca se chegou a executar unha estratexia democrática que non fose a de como apagar os lumes sen que cundise a alarma, amasando de paso inusitadas sospeitas contra a oposición. Todo o que os expertos marcan como prioritario e ten un largo recorrido, pois que se trata de impulsar e facer operativa unha política forestal que á súa vez comporte a volta á terra como espazo habitable e como medio de vida, quedou á marxe destes 25 anos de autonomía.

Cantos desde a prensa mesetaria e desde a oposición conservadora se atreven a poñer sobre a lingua galega e sobre a cor dos técnicos a mancha do crime, deixan ao descuberto moita miseria ideolóxica. A non ser que nos confirmen, contra toda evidencia, que esa estrutura salvadora da que falan tiña empadroados e controlados a tódolos pirómanos e a tódolos incendiarios, e que aproveitou dezaseis anos de limpeza e rehabilitación de montes e de terras abandonadas para manter a raia os lumes fortuitos. Se fallan outras cousas, tempo terán para demandar responsabilidades. Ogallá fose todo cousa de cuadrillas e de mandos, aínda a costa de sacrificar a un conselleiro honesto e eficaz. Sobran por iso a demagoxia política, como a de Fraga en Perbes, e a manipulación informativa.

10.8.06

Moita calma

É difícil manter a calma mentres o lume segue estendéndose. Rumiamos a raiba e a impotencia e estamos especialmente irascíbeis contra o PP e o seu exército mediático polo descaro de utilizar os incendios para erosionar ao bipartito.

Instalados nesa frustración e non podendo facer máis do que facemos, intentamos manter a cabeza fría e pensar.

Dándolle voltas, o do PP non nos estraña. Hai moito tempo que demostraron quen son e a súa tremenda capacidade de manipulación para converter as vítimas en verdugos. Véxase, a modo de exemplo, que fixeron coa guerra de Irak, o Prestige, os atentados do 11-M, a negociación con ETA....

Fariña doutra muiñada é o tema dos medios de comunicación. O tratamento que lle están dando aos lumes forestais evidencian o fracaso desa estratexia, non explicitada pero aplicada de forma sistemática nestes meses de goberno, consistente en chegar aos cidadáns a través da presenza reiterada nos medios de comunicación (medios alugados que non propios)”.

E seguindo coa cuestión mediática, percíbese demasiado ruído. Son moitas as voces a facer declaracións e, o que me parece aínda máis preocupante, as manifestacións cheas de frases tópicas, superficiais. cun argumentario moi perigoso que fala de terrorismo “novo tempo policial”, novo tempo xudicial”....... e que cae polo seu propio peso. Sorprendentemente, non fan tanto fincapé nas sospeitas razoábeis, na multicausalidade, nas consecuencias dunha política herdada..... En fin, que un pouquiño de prudencia non viría nada mal porque ese afán polo titular enche as hemerotecas de canas que en calquera momento se poden trocar en lanzas. E mostras hainas a esgallo! Abonda coas que circulan estes días pola Rede!

En por iso paréceme importante argumentar e fuxir do tópico nas intervencións públicas e, sobre todo, apoiar (s é por precaución, que non se preocupen, que o 'queime' vai afectar a todo o goberno , mesmo aos que agora non aparecen ou se manteñen en segundo plano) e deixar traballar á Consellería de Medio Rural. Ah, e que sexan eles quen sigan informando coa claridade, rigor e didactismo co que o viñeron facendo até o momento.


9.8.06

Suxestións


Resulta complicado contactar co 900 400 800, sinal de que somos moitas as persoas que queremos axudar a parar o lume nesta situación de emerxencia nacional. Supoño, tamén, que non vai ser doado canalizar esa vaga solidaria e facelo axeitadamente para que realmente sexa efectiva. En por iso, é conveniente retomar dinámicas que se levaron á práctica cando o do Prestige. Refírome a que os concellos –nomeadamente aqueles non afectados nestes momentos polo lume- impulsen a creación de grupos de voluntariado, que os doten de medios materiais (autobuses para desprazarse a onde faga falta, motobombas se as houber, material de loita contra o lume...) e os poñan ao dispor da Consellería para que acudan a onde sexa máis necesario.

Estatut


Hoxe entrou en vigor.

8.8.06

Lectura recomendábel


Ante unha situación como a que estamos vivindo, mellor reflexionar que deixarnos levar. Dende as páxinas do portal Cultura Galega podemos descargar gratuitamente o libro “Os incendios forestais en Galicia”, unha publicación de lectura máis que recomendábel nestes días e na que se recollen as opinións dos sectores implicados reunidos en Compostela a finais de 2005 para analizar a problemática dos incendios forestais en Galicia e buscarlle solucións. Inclúe un relatorio do Director Xeral de Montes e Industrias Forestais, Alberte Blanco Casal, titulado “Unha nova política galega na loita contra os incendios forestais”.

Aniversario


O vindeiro 12 de agosto cúmprense 25 anos dende que IBM presentou publicamente o primeiro PC, o modelo 5150. Con motivo desta efeméride, ‘El País’ publica unha interesante reportaxe co título “La máquina que nos cambió la vida”.

7.8.06

A nova do día para Vicepresidencia

Tres persoas mortas, medio cento de lumes que seguen sen control neste verán cunha vaga de lumes forestais que non se acorda dende hai 17 anos. Ás 17:44 de hoxe, 7 de agosto, sabedes cal é a nova do día na páxina web da Vicepresidencia? Efectivamente, a que aparece na captura de pantalla; isto é, “Anxo Quintana felicita a Oscar Pereiro pola súa elegancia e deportividade”. Sexa quen sexa quen a ‘colgou’ e non foi quen de reaccionar nestes días, dá nivel :-(

Non pode ser


Que arda Galiza co implica en termos ecolóxicos, económicos, sociais…. e o BNG, organización nacionalista que ten na defensa do país unha das súas principais razóns de ser e , a maior abondamento, conforma o Goberno galego no que ademais exerce responsabilidades directas na materia, demorara tanto en manifestarse publicamente sobre o tema e en apoiar ao Conselleiro (ás 10:38 do luns, 7 de agosto o seu web abría, tal e como se reflicte na captura de pantalla que ilustra este comentario, cunhas declaracións de Jorquera sobre ‘a capacidade de interlocución do BNG',) e máis cando o PP e algúns editoriais aproveitan a conxuntura para cuestionar o labor da Consellaría ou para botar man das hemerotecas e facer escolma de ‘boutades’ que mellor sería pensalas antes de ‘largalas’.

P.S.1.-Pregunta retórica: Quintana está de vacacións? Se está (quero crer que si e que a felicitación a Oscar Pereiro que lle atribúen en La Voz de Galicia de onte é un texto de arquivo ou a resposta para saír do paso dalgún dos seus asesores), nada que dicir. Se non está, falaremos do tema noutro ‘post’.
P.S.2.- Moi clarificador o artigo de Barreiro Rivas "Los mitos del fuego también se queman".

6.8.06

O tempo pasa


Creo que escoitei falar del por primeira vez no curso 1976-1977 e poucos días despois tiven a oportunidade de asistir ao concerto que, xunto con Silvio Rodríguez, deron na Coruña, no salón de actos do colexio dos Salesianos. Hoxe actúa en Ferrol. Non sei cal vai ser o repertorio pero vou coa esperanza de volverlle escoitar esas cancións que fun asociando a anacos da miña vida: ‘Años’, ‘Yolanda’, ‘El breve espacio en que no estás’, ‘Havemos de voltar’……. E tamén, con certa curiosidade por se fala do Comandante.

5.8.06

Arde Galiza co lume forestal


Caéme a alma aos pés vendo as imaxes destes días. Non obstante, constato que hai unha Consellería, a de Medio Rural, con equipo, proxecto e un traballo que, sen saír tanto na prensa coma outr@s, si que o perciben os axentes sociais, xa está dando resultados e vai dar maiores froitos. Aquí si que cómpre ter paciencia e confianza porque, como dicía Suárez Canal, van ser quen de lle cambiar a letra á canción dos Resentidos.

3.8.06

Ferrol, Gwendal, “Rainbow Warrior” e lixo radioactivo


Esta noite actúa Gwendal en Ferrol. Para min, non é un concerto máis. Se a memoria non me falla, volven despois de 26 anos. No verán de 1980 tocaban no Parque Municipal, nun concerto que dedicaron aos activistas de Greenpeace. Había un par de meses que a Armada Española apreixara ao “Rainbow Warrior”, barco da organización ecoloxista que neses momentos participaba nunha das primeiras campañas –dende aquí, as do ‘Xurelo’, ‘Arousa I’....- contra os vertidos radioactivos na Foxa Atlántica. A actuación de Gwendal converteuse en toda unha manifestación a prol da liberdade do barco e dos seus tripulantes.

Naqueles meses nos que o barco estivo detido, Ferrolterra baleirouse para apoiar á xente de Geenpeace. Deste xeito, nunha noite de novembro conseguiuse meter e armar no barco as pezas que lle retirara a Mariña para inmobilizalo. Para "deshonra" da Armada Española, o “Guerreiro do Arco da Vella” foi quen de prender os seus motores e conseguir fuxir do porto militar de Ferrol.

Vinte anos despois, daquela formación de Gwendal só queda un dos seus membros, é o meu fillo e os seus amigos quen van ir ao concerto -ante a coincidencia prefiro ver Nova Galega de Danza- aínda que, como hai 20 anos, o lixo radioactivo volve a ameazarnos.

2.8.06

Garzón


Non hai moitos días lía que o Tribunal Supremo tiraba por terra unha sentencia da Audiencia Nacional na que condenaban a 6 anos de cárcere a unha persoa que agora sae en liberdade. O Supremo anula a sentencia en base, entre outros, aos seguintes argumentos:"La lectura serena del extenso resumen [da declaración do acusado], en modo alguno es compatible con la motivación que se encuentra en la sentencia en apoyo de la condena". El tribunal sentenciador efectuó una interpretación de la declaración en términos que no permite la propia declaración efectuada [e engade e precisa] (...), en la valoración se aprecian "errores de interpretación y omisiones importantes", Como na prensa dese día non aparecía o nome do xuíz da Audiencia Nacional que instruíra o caso e ao que o Supremo lle tiraba das orellas, acabamos apostando, T. dicía que Marlaska e eu que Garzón.

Tivemos que agardar unha semana para que os medios publicaran o seu nome pero ao final gañei eu. O instrutor do sumario non era outro que Garzón, o mesmo ‘xuíz estrela’ que hai un mes ameazaba con querelarse contra un dos grupos participantes no Festival Benicàssim 2006 se “non cesaban nos actos que constitúen unha intromisión na súa imaxe”.

E falando de Garzón, estes días deume por ler La conspiración. Miña nai! O que del di José Amedo! Como mostra, e por se non queres abrir o PDF, un par de parágrafos:

"El juez le indicó que estaría dispuesto inicialmente a solucionar su problema si contaba todo lo que sabía. Michel le dio las claves del secuestro [de Segundo Marey], no las pruebas. En ese momento Garzón los hizo salir del despacho para realizar una llamada telefónica. Eran las siete de la tarde. Veinte minutos más tarde volvieron a entrar en el despacho y Garzón les dijo que ya no había que decir nada, porque iba en las listas electorales de Madrid por el PSOE y que sería el próximo ministro del Interior. Él se encargaría personalmente de solucionar la situación desde su nuevo destino. Finalmente, les encargó que dijesen a Amedo que siguiese callado".

“NAVIDADES 2004. Amedo cuenta cómo Garzón, que regresa al juzgado tras dimitir del Gobierno socialista, le amenaza con meter en la cárcel a su mujer si no implica a la cúpula de Interior”.

Non me estraña que Leguina escriba o que escribe ou que Guerra e outros deputados do PSOE solicitaran da fiscalía que investigue as acusacións de Amedo porque “Unha de dúas: ou é verdade o que conta o libro ou é mentira. No primeiro caso, habería que actuar contra o suposto autor dos delitos de prevaricación, malversación de fondos públicos, coaccións, amezas ou falsidade en documento público. Pola contra, se o que Amedo narra no libro é falso, habería que perseguir e castigar as gravísimas calumnias contra Garzón”.

Por máis que mirei nas hemerotecas e no Google, non me consta que nin que a fiscalía investigara, nin que Garzón, tan preocupado pola súa imaxe, se querelara contra Amedo. Quen si se querelou foi Txema Montero ao que, como di Iñaki Anasagasti, “Amedo dedica un capítulo narrando del estrañas vivencias”.

1.8.06

Anótao na axenda


De non xurdir imprevistos, Jordi Mas, coordinador xeral de Softcatalá, estará o xoves 28 de setembro ás 20 h. na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela para presentar a edición en galego do seu libro Software libre. Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto. No acto tamén intervirán Tucho Calvo, director literario de Biblos Clube de Lectores, e Javier García Tobío, director do CESGA. Se non coincidimos antes, vémonos na presentación.