A cidade da selva era un refuxio para os guerrilleiros no Barco de Valdeorras e agora é tamén o título dun documental que recolle, a través dos testemuños dos protagonistas, a historia da guerrilla e dos fuxidos en Galicia. Este traballo de Nemedón Produccións, levado adiante por Helena Villares e Pilar Faxil, estréase o vindeiro xoves, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene no marco do ciclo NON DES AO ESQUECEMENTO. A NOSA MEMORIA 1936-1978. Na estrea estarán investigadores e tamén algunhas das persoas que aparecen nunha película que abarca desde os tempos da República ata a morte do último guerrilleiro, no ano 1954. O ciclo Non des ao esquecemento consitirá nunha serie de conferencias, táboas redondas e proxeccións fílmicas sobre o franquismo e terá lugar na Casa da Cultura fenesa até finais de abril. Poñerá o punto e final a inauguración dunha escultura de José Luis Loureiro alusiva ao ‘Ano da memoria’.