29.12.06

Comisión interdepartamental


A súa creación figuraba no “Programa-contrato do goberno bipartito”. Pode ser un instrumento útil para a necesaria transversalidade da política lingüística pero tamén pode acabar emulando á Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística de comezos dos noventa. De entrada, haberá que darlle unha marxe de confianza.

28.12.06

Campañas


Non hai moitos meses era o BNG quen denunciaba o uso do diñeiro público para campañas de autopromoción. Agora, por unha das “ocorrencias” do “dúo de ególatras” é o BNG o interpelado e quen ten que saír a defender unha campaña inxustificábel cando mellor sería primeiro recoñecer o erro e logo proceder a retirala.

B.S.O.


“y eso no estaba en los planes de ninguno de los dos /
y eso no estaba en tus planes/
me pides paciencia, te pido perdón”
(
Calamaro)

27.12.06

Convenio FEGAMP-Presidencia

A circular que a FEGAMP enviou o 22 decembro aos Concellos di: “O obxecto do Convenio é potenciar as actividades executadas polos concellos e deputacións provinciais durante o ano 2006 en relación co uso do galego na Administración local de Galicia.
O procedemento consiste en que a Consellería de Presidencia achegará á FEGAMP 581.650 € para este obxecto que se destinarán ás entidades locais que tiveran gastos de mantemento do persoal dos servizos locais e provinciais de normalización lingüística durante o ano 2006.
A tal efecto, as entidades locais deberán remitir á FEGAMP a documentación xustificativa dos gastos realizados durante o ano 2006 nesta materia, e que en concreto será o seguinte:
- Copia compulsada do contrato vixente que a entidade local formalice co/os especialista/as.
- Certificación do pagamento, ou realización do gasto, das retibucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de seguridade social, e no que figure o importe exacto do custo da contratación, así como de que se realizou a actividade”.
Agardemos que, de cara ao 2007, os convenios sexan para crear e non para manter o que hai.

26.12.06

En tódolos medios

Saíu en case tódolos medios: “La Voz de Galicia”, “Diario de Ferrol”, “El País”, “El Correo Gallego”, “La Opinión”, “Xornal.com”..... e mesmo nalgún blog. Outra cousa é como saíu. Para min que hai pouca memoria ou non se consultan as hemerotecas (véxanse neste mesmo espazo oun en Vieiros as referencias ao ciclo “Non des ao esquecemento”). Ademais, o “ruído” (a revogación do acordo a respecto de Franco) agocha o realmente importante: a restitución tamén xurídica e administrativa, mediante a revogación daqueles acordos inxuriosos, da honra do alcalde, concelleiros e funcionarios municipais fusilados e represaliados

Á marxe destas consideracións, do pasado 23 quédome con:

a) A intelixencia do público que acolleu primeiro con silencio e indiferenza a provocadora intervención da portavoz do PP.

a) emotividade dun acto magnificamente conducido por Almudena Marcos e Pablo Rodríguez.

b) O concertazo a cargo do “Grupo de Metales Santa Cecilia”.

c) A fermosura das imaxes de Patricia Dopico.

23.12.06

Himno, memoria e lei de símbolos





Vaia por diante que me encanta Cuchús Pimentel pero aínda así concordo con Suso de Toro. Dito isto, e falando de falta de respecto á lei de símbolos de Galiza, acorda alguén a versión do himno que se interpretou por megafonía en San Lázaro no debú da selección galega de fútbol ante Uruguai? Para os desmemoriados, recoméndolle unha visita a Youtube e que tomen nota de cara ao partido contra Ecuador ou ás “etapas gallegas” de “La Vuelta a España”.

22.12.06

Homenaxe


A homenaxe comeza ás 12 cun pleno extraordinario no que se somete a debate unha moción na que os grupos municipais do BNG, PSOE e EU-IU (o PP non quixo subscribila nin participar nos actos) propoñen derrogar acordos adoptados entre os anos 1936-1940 relativos ás corporacións municipais do período 1931-1936, retirarlle a Franco honra de fillo predilecto e nomear fillos predilectos a alcaldes e concelleiros paseados por defender a legalidade vixente.

Prosegue coa inauguración da instalación “En movemento” de Patricia Dopico e remata cun concerto guiado no que as voces de Almudena Marcos e Pablo Rodríguez e os sons do “Grupo de Metales Santa Cecilia” fan un percorrido poético-musical dende 1936 até os nosos días.

Como me dicía Pepe Molinuco, é de xustiza estar alí.

21.12.06

Cortázar





Collín Rayuela para emprestala e deume por repasar o que tiña subliñado. Quedeime con esta xenialidade “El recuerdo es el idioma de los sentimientos”.

Nas máis das veces, é o que nos queda.

20.12.06

Tristes pero certas


Os principios de eficiencia e eficacia da Administración non van con eles. Cobran ao mes salarios moi por riba da media dos galegos e permítense o luxo de demorar meses un informe tan pouco complexo como acreditar se é suficiente a consignación orzamentaria. Mentres tanto, hai persoas moi necesitadas que pola falta dese simple trámite non poden percibir a axuda á que teñen dereito e que mes a mes teñen que facer un grande esforzo para chegar a fin de mes.

Traballan como bibliotecarios nunha administración pública. Ofrécenlle a posibilidade de escoller gratuitamente X libros galegos de edición recente entre unha relación bastante ampla e só piden algo máis da metade. Desbotan ter máis dun exemplar dos de lectura recomendada no ensino e uns cantos de poesía, teatro e ensaio porque entenden que non son xéneros que teñen moita demanda. Por ese mesmo criterio, non subscribiron á Biblioteca a “Tempos Novos” ou “Grial” e, polo de priorizar investimentos, anularon a subscrición ao semanario “A Nosa Terra” e a “Le Monde Diplomatique”.

E que non me digan que estas cousas só pasan na Administración porque coñezo varias empresas privadas que igual ou peor.

19.12.06

Alfabetización dixital



A Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información non só se preocupa pola formación teórica dos futuros “dinamizadores da sociedade da información”, senón que está negociando que poidan realizar un período de prácticas retribuídas nas aulas informáticas dos concellos, telecentros, aulas informáticas de cámaras de comercio e asociacións empresariais.... As entidades que asuman contribuír nesta formación práctica comprométense a contratar ao dinamizador por un ano sempre e cando supere con aproveitamento o período de formación práctica.

A iniciativa, máis que loábel, debería vir acompañada na provincia da Coruña doutra que lle corresponde á Deputación. Refírome a posibilitar a utilización de software libre na
Rede de Aulas Informáticas da Deputación, algo que nestes momentos é de todo punto inviábel. Deste xeito, a colaboración entre quen aportan os medios materiais (Deputación e concellos) e os recursos humanos (Consellaría de Industria) faría que o labor de alfabetización dixital fose moito máis efectivo.

18.12.06

Seleccións galegas?


Para que as queremos se en lugar de promover ámbitos e competicións propias –“estatuto de Nación”- estamos tan a gusto coas actuais que non só as patrocinamos, senón que acudimos a Madrid para participar na súa presentación en sociedade?

Por certo, vendo o
mapa de “La vuelta a España 2007” non consigo encontrar as etapas que teñen lugar en Euskadi e Cataluña. Será que non as hai?

17.12.06

Lectoescrita


Non hei ser eu quen cuestione que se os rapaces aprender a ler e escribir en galego estaremos dando un salto cualitativo. Non obstante, se simultaneamente non se dan pasos para que o galego sexa a lingua de interacción en contextos de educación informal (no transporte, almorzos e comedores escolares; nos xogos na aula e na rúa; nas actividades extraescolares…..) corremos o risco de que pase o que sucede agora mesmo con algunhas persoas que preparan oposicións á función pública; isto é, dominan a lectoescrita pero teñen serias dificultades para relacionarse oralmente en galego.

16.12.06

Noraboa


A quen o escolleu porque leva un magnífico profesional. A el, porque o merece.

15.12.06

E o nominado é……… Francisco Rodríguez!


É cousa da “Asociación de Periodistas Parlamentarios”. Acordaron nominar a Paco Rodríguez para os seus premios anuais na categoría “La pregunta del millón” por esta alfaia: “Que resortes vai empregar o Goberno para que os civís se ergan obrigatoriamente cando escoiten o himno de España?”.

Na data da súa intervención parlamentaria, o ministro de defensa José Bono, visitaba Ferrol e protagonizaba un
incidente. Daquela nós faciámoslle unha “dedicatoria” e Paco a retranqueira pregunta.

14.12.06

Satisfaccción (relativa)


Estou encantado. Un bo amigo, ‘landrover’ el, acaba de gañar nos xulgados, a peito descuberto e á marxe dun comité de empresa (no que a maioría non a teñen CC.OO, UGT ou os independentes) que lle deu as costas, o recoñecemento da categoría laboral que exerce dende hai anos e as retribucións que lle corresponden, extremos que o alcalde e o grupo de goberno lle negaron sistematicamente.

Agardo que transcenda esta resolución –é firme e non admite recurso- para ver se hai quen se pon encarnado e, sobre todo, para que a mensaxe chegue ‘a quen corresponda’ porque non só non falamos do único caso que se dá nos concellos galegos (a situación laboral dos xestores, técnicos en normalización, encargados das OMIX... dá para unha tese sobre a precariedade ou a non visilibilidade) senón que nestes momentos hai
compañeir@s que por cumprir co seu traballo están atravesando situacións tan difíciles coma intolerábeis. Velaí o por que da parentese que incluín no título.

13.12.06

Abraiado


Recibín o “Informe político e de xestión” que se vai debater na próxima asemblea comarcal. Foi lelo e quedar abraiado. Xúrovos que xa non sei se o alieníxena son eu ou hai quen, malia á súa contundencia, son incapaces de percibir as mensaxes que, primeiro o electorado e logo a militancia emitiron dende o 2003 até hoxe.

Do informe, chámame a atención o maniqueísmo (toda a culpa do mal é dos discrepantes que se resistiron a seren integrados), a falta de explicación sobre as diferenzas políticas (que as houbo, as hai e non son poucas nin menores), a interpretación dos resultados electorais (cos datos na man, resulta difícil soster que o baixón non foi maior que no resto do país), a xustificación de pasar de defender o carácter público a defender unha alternativa que apunta á privatización, os problemas organizativos (que non foron precisamente cativos ou intranscendentes) ou o apartado de “logros”, do que xa case prefiro non falar.

Con todo, o que máis asombra é que apareza un apartado específico, “Cargos da Xunta-Organización”, e non porque non crea que non se deba abordar pero si noutro contexto e con outro título que mesmo podería ser “Cargos institucionais e organización”. Deste xeito, ademais da relación cargos da Xunta-organización tamén se podería analizar o contacto entre Deputados-liberados provinciais e organización; grupos municipais e asembleas locais; consellos-organismos autónomos organización..... Dígoo porque se o abordamos en conxunto, ao mellor entendemos as razóns polas que cando chegamos ao goberno ou ao co-goberno adoitamos esquecer a política para instalarnos no "cesarismo" e nunha presunta tecnocracia que, até nas máis das veces, deixa moito que desexar.

12.12.06

Notas soltas


Hai debate

Definiuno perfectamente onte o director de
“Diario de Ferrol”, Germán Castro, en “Hai debate”. Escepticismo ante un plano do que se descoñece absolutamente todo e sobre o que chegan noticias contraditorias e fartos de estudos e propostas que quedaron en nada, ante o anuncio da Consellaría de Industria, “nin matar ao neno antes de nacer, nin adourar ao becerro de ouro”.

Quedoume a dúbida se o responsábel de defender a política do BNG era
Fernando Blanco Parga ou Alfonso Eiré.

Que clariña e contundente a intervención de
Luís Villamor!


Unión das Terras

Ide pensando en mercalo. É un magnífico galano de Nadal.
Daniel Bellón e Diego Maceiras, dous virtuosos da gaita e o acordeón, cun grande gusto musical, que exploran novos e variados vieiros. Dá xenio escoitar o Libertango de Piazzola xunto ao Alalá de Monterrei ou Xudías rusas. E por se fora pouco, a voz de Xabier Díaz nun par de cancións. Son do metal en estado puro!


Magnífica iniciativa

A da
Consellaría da Cultura e Deportes ao incentivar a posta en marcha dunha rede de cinemas dixitais que lle dea saída á produción do país e tamén a aquela que, vindo de fóra, non ten cabida nos circuítos comerciais.

11.12.06

Avaliación


En plena resaca post-asemblea nacional non é a segunda nin a terceira ocasión que escoito vincular a ‘póliza de garantías’ que a UPG subscribiu con ‘poñer na picota’ a persoas concretas do BNG na Xunta.

Descoñezo se nalgunha das
reunións con simpatizantes que organizou a UPG por localidades saíron os nomes que se barallan. Polo que sei, na ‘póliza’ non aparecen –fálase, ao igual que nas resolucións, de avaliar o labor- e nesas xuntanzas criticaron, con razón, determinadas áreas de goberno ou que xente allea aos órganos do BNG fale e actúe en representación da organización.

Dito isto vou dedicar o comentario desta mañá a facer algunhas reflexións sobre o cerne da cuestión: a avaliación do que está a facer o nacionalismo compartindo responsabilidades no
goberno galego.

E xa en fariña, o primeiro que me chama a atención é que algo que debería ser unha práctica cotiá pase a converterse nunha cuestión excepcional e obxecto de mandato asembleario. Toda unha mostra de até que punto
se estaba impoñendo unha concepción “cesarista” da política e do labor dos cargos públicos nas administracións que a ver se somos quen de desterrar.

O segundo extremo ten que ver cos niveis de descontento con
políticas e persoas con nomes e apelidos. Polo que se escoita, non debemos estar no camiño correcto porque é grande de máis para ano e pico no goberno.

Vinculado ao anterior, semella o persoal
prepara o terreo para poder exteriorizar desconformidades con liñas, actitudes e mesmo xestos con repercusións políticas e, se o debate queda só nisto último, perigo, perigo!

Curiosamente, do que menos se fala nas ‘previas’ é do que, para min, é o máis importante: como, que e en base a que avaliar. E abofé que non é doado!

Tarefa complexa porque programa electoral non é o mesmo que programa de goberno e, digámolo claro e alto, nin hai nin programa de goberno para tomar como referencia, nin o BNG ten diagnose previa programa sectorial para a maioría das áreas. Xa que logo, á hora de analizar córrese o risco de valorar sobre a información que nos fornezan os avaliados.

Se nos limitamos a escoitar a opinión de dentro da casa corremos o risco de equivocarnos por descoñecemento así que é conveniente recorrer a contrastar como se percibe a actuación no sector en cuestión, extremo que tamén entraña os seus riscos. Explícome, pode que nese sector houbera que adoptar medidas necesarias e acordes cun determinado proxecto político e que, de entrada, non foron ben recibidas porque estaban afeitos a dinámicas anteriores. Tamén é posíbel que sexa xustamente o contrario, que despois de agardar por un cambio de rumbo vivan o continuísmo ou unha sucesión de medidas erráticas. Por non falar das acollidas entusiastas. Cantos casos non coñecemos de políticas populistas que ‘arrasan’ entre os seus destinatarios!

A simbiose entre punto de partida, obxectivos, estado, percepción interna/externa e repercusión é o aconsellábel pero non suficiente. Que máis habería que considerar? Abofé que o descoñezo. Algo fun barrenando, limitado iso si ao ámbito local, e
xa volo contei hai unhas semanas. Se avanzo máis, prometo socializalo.

10.12.06

Modernidade


(...) O interese preferente estaba en investir na reparación de camiños e na instalación de tendidos eléctricos para atender unhas demandas veciñais que “podrán ser satisfechas una vez estén saneadas las arcas municipales y lleguen los subsidios y gastos que el gobierno tiene comprometidos”. Na sesión do 14 de febreiro do 1932 aprobaron un orzamento de 61.586’40 pesetas, e na do 20 de marzo decidiron pagar integramente os atrasos salariais aos empregados municipais e normalizar dende eses intres ese devengo. Como detalle de modernidade, en outubro do 1932, coincidindo coa incorporación de Jesús Tenreiro Prim como secretario municipal, decidiron adquirir por 1.872’50 pesetas unha máquina de escribir “Underwood 6’14”, para pagar a prazos; até esa data non había ningunha. O orzamento para o ano 1934 prevía ingresar do estado 50.000 pesetas destinadas a obras públicas, e no do 1935 os cálculos de gasto chegaban ás 75.000 pesetas (...)

(Texto de Bernardo Máiz Vázquez. Anaco do folleto que se distribuirá na homenaxe do 23 de decembro)

9.12.06

Xusta homenaxe



“En la Casa Consistorial de Fene, siendo las diez y nueve horas del día catorce de Abril de mil novecientos treinta y uno (...) Como representantes legítimos de pueblo de Fene ( ...) Toman posesión del Ayuntamiento y proclaman la República (...) Seguidamente se procede a substituir la bandera del anterior régimen por la bandera de la República española ( ...) Acta que firma el Sr. Alcalde republicano. Pita”.

(Escolma do libro de actas do concello de Fene realizada por Bernardo Máiz Vázquez. Anaco do folleto que se distribuirá o 23 de decembro)

O deseño do cartel e da liña gráfica da homenaxe é da autoría de Jose Manuel G. Ramos- Indicalo.

8.12.06

Parabéns


Chéganme noticias do fallo do xurado na especialidade de Poesía de Gzcrea 2006. Entre gañadores e mencións de honra, algunha amiga e máis dun coñecido.

PREMIADOS
José Antonio Cascudo Rodríguez, 1º premio, pola obra Manual do misántropo
Lucía Aldao Sánchez, 2º premio, pola obra Así
Brais González Pérez, 3º premio, pola obra Heraldos das escuras horas

MENCIÓNS DE HONRA
Ledicia Costas Álvarez, pola obra Aparición de triste
Alberte Momán Noval, pola obra De ter un can chamaríalle Guenguis
Verónica Martínez Delgado, pola obra O ladrón de almas


Os meus parabéns para todos eles e, especialmente para quen me dedicou un poemario ;-)

Contas do fútbol e eleccións municipais


Levamos unhas semanas nas que as chamadas ‘contas do fútbol’ están de actualidade e semella que, se nos cinguimos ás súas declaracións aos medios de comunicación, tódalas organizacións políticas coinciden en rexeitar un “trato de favor” en forma de condonación de débedas ou recalificacións de campos de fútbol e cidades deportivas. Claro que se analizamos por que se chegou a esta situación veremos como, ben por acción ou omisión, as diferentes administracións públicas –con gobernos dunha ou doutra cor- non foron alleas.

Dado que é necesario aprender da experiencia, agora que nos encontramos nas vésperas dunhas eleccións municipais, cómpre aproveitar a elaboración dos programas para reformular as políticas dos concellos a respecto do deporte competición. Estou certo que se o facemos dende o rigor, o criterio político e a coherencia non se volvería repetir que un
concello sexa o máximo accionista dun club de fútbol ou que o concelleiro de deportes convoquen roldas de prensa para atacar a un árbitro porque “lles roubou o partido”. Claro que se nos deixamos levar polo populismo, teremos máis do mesmo.

7.12.06

Deporte na escola


Levaban anos demandando unha nova orientación do deporte escolar e desenvolvendo fórmulas propias de actividade deportiva nestas franxas de idade. En por iso, acolleron con grandes expectativas a convocatoria do programa “Deporte na escola” que fixeron pública as consellarías de Cultura e Deportes e Educación.

Sabedores do difícil que é botar a andar un novo proxecto, para fomentar a participación dos colexios neste programa, nomeadamente na “Actividade polideportiva-cultural”, acordaron intensificar o traballo de apoio e coordinación cos colexios e institutos ao tempo que puxeron á súa disposición monitores municipais (licenciados en educación física e especialistas en xogos tradicionais) para colaborar co profesorado na preparación destas actividades.

Estoutro día souben que decidiran volver montar a súa propia programación de deporte escolar á marxe da promovida pola Xunta. Sorprendido, intereseime polos motivos da súa decisión. Explicáronme que foi un acordo adoptado por unanimidade despois de varias xuntanzas nas que participaron concelleiro-delegado, coordinadora técnica deportiva,
monitores municipais e o profesorado de educación física de tódolos centros de ensino do concello.

Autoexclúense porque non consideran apropiadas as condicións de inscrición (por exemplo, na
modalidade polideportiva-cultural, é obrigatorio participar en catro modalidades deportivas cando a comezos de curso resulta imposíbel preparar as destrezas e habelencias que requiren), acaída a normativa específica que rexe as competicións (falaban, entre outras cuestións, de probas e distancias en atletismo) e ven inviábeis os prazos fixados (primeiro trimestre) para o desenvolvemento das fases.

Xa o puxeron en coñecemento da
Dirección Xeral para o Deporte e mesmo os convidaron a asistir a unha xuntanza –á que seica non viñeron- para falar en vivo e cos implicados de todos estes temas. Tamén demandaron o apoio económico da Dirección Xeral para esta programación propia e semella que van contar con el.

6.12.06

Para ler nestes días


Non son economista pero fun quen de me atrever con Chaves da economía pública galega, un libro coordinado por Xaquín Álvarez Corbacho e Albino Prada Blanco e no que participan Alberto Gago Rodríguez, Xavier Labandeira Villot, Santiago Lago Peñas e Manuel Lago Peñas.

Cos meus máis que limitados coñecementos recomendo a lectura deste ensaio que nos proporciona datos fundamentais sobre como se utilizaron os recursos públicos ao tempo que formula propostas sobre as prioridades que debe ter en conta a Xunta de Galicia en función dos intereses e das necesidades do país en sanidade, investigación, infraestruturas e desenvolvemento
.

5.12.06

Usos lingüísticos e culturais dos webs


Depósito faise eco da publicación no número 8 da revista Interea Visual dun breve artigo no que se analizan os usos lingüísticos dos webs dos concellos e se fan propostas de usos culturais. Para as persoas interesadas no tema, salientar que se trata dun texto debedor do relatorio "A utilización da Internet nun SNL/SL como ferramenta de información, formación e dinamización", da autoría de Isabel Vaquero, publicado nas Actas dos II Encontros para a normalización lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia en Santiago de Compostela en 1998. Mágoa que o texto en cuestión non estea en liña!


P.S. A imaxe é obra de Mercedes Molares Cabana. O-boi-de... – 1999. Pedra sintética - 37 x 28 x 25 cm.

Suxestión

Para promover que se leve a cabo o aprobado pola Asemblea Nacional a respecto da galeguización dos nomes dos cargos públicos, nada mellor que comezar por poñer de manifesto cal é o estado da cuestión e reproducir, na composición do Consello Nacional e da Executiva, os nomes dos membros destes organismos tal e como figuran no documento de identidade.

4.12.06

No día da unidade


Sorprendéronme os resultados electorais da Asemblea. Basicamente porque non agardaba os de Encontro Irmandiño (para min, que a súa incidencia era grande no contorno do BNG pero substancialmente menor entre a militancia que ía asistir á Asemblea) e tampouco unha vitoria tan pírrica da candidatura oficial.

Non me fío de Quintana-Losada. O de “tomar nota” é unha das frases feitas coa que adoitan construír as declaracións á prensa. “Tomaron nota” do fracaso das autonómicas, das críticas dos concellos pola demora no convenio na rede de transporte adaptado, etc, etc. En por iso, permítome acordarlles que moi mal o estiveron facendo cando rexendo a
organización e manexando tódolos seus resortes internos e tempos políticos; sendo Vicepresidente da Xunta e estando rodeado dun equipo de conselleiros e outros cargos pensado para que ninguén lle faga sombra; utilizando goberno e administración pública para campañas ‘botafumeiro’ da súa persoa; cun grupo significado de comentaristas denostando as outras candidaturas e asociándoas ao vello e ao pasado; contando co apoio (condicionado pero apoio a fin de contas) do partido con máis capacidade de organización e mobilización no seo BNG pasa á historia por conseguir o 62% dos votos para a súa candidatura (o máis baixo do BNG) e o 58% para a única achega que se lle pode atribuír explicitamente, a asemblea por delegados.

Desexo que a UPG tamén se deixe de tentar "amarrar" por detras; de “cláusulas de garantías” semi-secretas (por máis que logo as explique no seu contorno); de asumir como súas decisións que non lle son propias e explicite os seus posicionamentos políticos en todo momento, non só cando o sangue estea a piques de chegar ao río.

Penso que é un bo momento para a relectura do artigo completo
“Sindicalismo e nova sociedade” que Lois Ríos Paredes publicaba en “Tempos Novos.

E xa para rematar, neste “día da unidade” agardo que a partir de hoxe mesmo non sexa “a opinión publicada” a que marque a liña política do BNG e que a pluralidade dos órganos de dirección se traduza nun Bloque con vida propia máis alá da acción de goberno, que recupere a participación militante na definición e construción do proxecto que queremos, imbrincada na sociedade, con presenza activa nas plataformas realmente cidadáns, non suxeita ás presións de plataformas que non deixan de ser “lobbies” internos cunha representatividade e presenza entre a poboación máis imaxinaria ca real, con capacidade para ampliar a súa base e cun discurso claramente nacionalista de esquerdas, transformador e progresista.

Por soñar que non sexa!

3.12.06

Calidade lingüística e asemblea nacional



Xa que concordo en que da Asemblea sae unha nova axenda de problemas pero non de solucións compartidas, centrareime na “cuestión da lingua”.

Contan quen a leron que, nesa sorte de
‘póliza de garantías’ que a UPG obrigou a asinar a Quintana para darlle o seu apoio, hai un apartado dedicado á lingua no que ademais de fixar a normalización do galego como obxectivo prioritario da acción de goberno, incídese tamén en que os cargos públicos deben coidar a calidade da lingua que empregan.

Supoñemos que esta última recomendación se fará extensiva ao
web do BNG. Deste xeito, evitaremos ter que ler o que reproduzo de seguido: “As retransmisións en directo só estarán activas durante el horario de emisión”.

2.12.06

Liderados e política local


Con independencia de cales sexan os resultados das votacións para o Consello Nacional e de como se queiran vender, hai algúns feitos que para min son incuestionábeis:

a) Quintana vai saír elixido co apoio dunha organización que non se fía del, da súa práctica política e da súa acción no goberno galego. Desconfía tanto que condicionou este apoio a que subscribira un documento implicitamente tan crítico coas derivas deste último ano e pico que, de votarse na asemblea nacional, case que deixaría sen argumentos a máis dunha candidatura.

b) Quintana é un dirixente sen pensamento e criterio político. Por moi bruta que poida parecer a comparación, o seu discurso ten moitos paralelismos e semellanzas co dalgúns alcaldes que, depois de pasar por non sei cantas organizacións, agora desembarcaron no recén constituído 'sindicato de alcaldes'.

c) Pode estar ao cabo da rúa, do que pensa a poboación, unha organización que, segundo os indicios, vai ter unha dirección conformada maiormente por persoas con responsabilidades de goberno á fronte de diferentes administracións e liberados dende hai ducias de anos ou que nunca traballaron para empresa ou administración?


Destas terras

Temos o segundo candidato á alcaldía
menos coñecido e as enquisas prognostican seguir caendo; isto é, pasar de 6 a 4 concelleiros.

Por máis que haxa un
vicepresidente de Deputación, un deputado, un parlamentario galego, liberados varios e o delegado provincial dunha Consellaría os indicios apuntan a que nesta comarca, xogando coa linguaxe da "nomenklatura", o traballo que se está a realizar dende as institucións non dá os seus froitos, non fende muros, afasta da propia base social e non se vai traducir nun crecemento electoral do nacionalismo galego.

Mentres tanto, seguimos enleados en
non afiliacións e expulsións.

1.12.06

Escéptico


Que máis quixera que non estar así! Pero, como teño memoria, resulta que o de privatizar o estaleiro, o interese e ofertas de grupos privados, é algo que xa lle escoitei a outro Conselleiro de Industria, Juan Fernández, co resultado que todos coñecemos. Por certo, agora Fernández non se corta un pelo á hora de cualificar a proposta de Fernando Blanco como moito máis dura ca formulada por el en 1991 e rexeitada naquel momento polas organizacións políticas e sindicais galegas, BNG incluído.

Nesta mesma liña, máis recentemente soubemos que o alcalde de Narón e dirixente de Terra Galega, Juan Gato, propoñía
privatizar só a área de reparacións, alternativa que contou co rexeitamento de partidos políticos e sindicatos e que volve agromar asociada curiosamente ás reparacións dos gaseiros.

Tampouco faltaron nestes anos experimentos de separar o que agora chaman os
“activos ociosos”. Nas hemerotecas pode consultarse a segregación de terreos para a “Sociedad Italiana del Vidrio” –que nunca chegou nin a empezar por máis que pagaran viaxes a Italia de non poucos traballadores- ou a traxectoria, en terreos de Astano, da desaparecida Imenosa.

Entre que as experiencias pasadas pesan coma unha lousa; que neste ano e medio as declaracións do Conselleiro sobre o sector naval, ademais de
erráticas, puxeron de unllas ás centrais sindicais e que neste período foi incapaz de poñer en marcha a súa medida estrela para Ferrolterra –a Axencia de Desenvolvemento Industrial de Galicia, da que a día de hoxe o único que volve dicir é que terá a súa sede no CIS - pois como que case estou por poñerlle velas á virxe de Chamorro para que desta volta a proposta de Industria e Innovación sexa, realmente, algo serio. De non selo, o último que peche a porta.