13.12.06

Abraiado


Recibín o “Informe político e de xestión” que se vai debater na próxima asemblea comarcal. Foi lelo e quedar abraiado. Xúrovos que xa non sei se o alieníxena son eu ou hai quen, malia á súa contundencia, son incapaces de percibir as mensaxes que, primeiro o electorado e logo a militancia emitiron dende o 2003 até hoxe.

Do informe, chámame a atención o maniqueísmo (toda a culpa do mal é dos discrepantes que se resistiron a seren integrados), a falta de explicación sobre as diferenzas políticas (que as houbo, as hai e non son poucas nin menores), a interpretación dos resultados electorais (cos datos na man, resulta difícil soster que o baixón non foi maior que no resto do país), a xustificación de pasar de defender o carácter público a defender unha alternativa que apunta á privatización, os problemas organizativos (que non foron precisamente cativos ou intranscendentes) ou o apartado de “logros”, do que xa case prefiro non falar.

Con todo, o que máis asombra é que apareza un apartado específico, “Cargos da Xunta-Organización”, e non porque non crea que non se deba abordar pero si noutro contexto e con outro título que mesmo podería ser “Cargos institucionais e organización”. Deste xeito, ademais da relación cargos da Xunta-organización tamén se podería analizar o contacto entre Deputados-liberados provinciais e organización; grupos municipais e asembleas locais; consellos-organismos autónomos organización..... Dígoo porque se o abordamos en conxunto, ao mellor entendemos as razóns polas que cando chegamos ao goberno ou ao co-goberno adoitamos esquecer a política para instalarnos no "cesarismo" e nunha presunta tecnocracia que, até nas máis das veces, deixa moito que desexar.