8.12.06
Contas do fútbol e eleccións municipais
Levamos unhas semanas nas que as chamadas ‘contas do fútbol’ están de actualidade e semella que, se nos cinguimos ás súas declaracións aos medios de comunicación, tódalas organizacións políticas coinciden en rexeitar un “trato de favor” en forma de condonación de débedas ou recalificacións de campos de fútbol e cidades deportivas. Claro que se analizamos por que se chegou a esta situación veremos como, ben por acción ou omisión, as diferentes administracións públicas –con gobernos dunha ou doutra cor- non foron alleas.
Dado que é necesario aprender da experiencia, agora que nos encontramos nas vésperas dunhas eleccións municipais, cómpre aproveitar a elaboración dos programas para reformular as políticas dos concellos a respecto do deporte competición. Estou certo que se o facemos dende o rigor, o criterio político e a coherencia non se volvería repetir que un concello sexa o máximo accionista dun club de fútbol ou que o concelleiro de deportes convoquen roldas de prensa para atacar a un árbitro porque “lles roubou o partido”. Claro que se nos deixamos levar polo populismo, teremos máis do mesmo.