2.12.06

Liderados e política local


Con independencia de cales sexan os resultados das votacións para o Consello Nacional e de como se queiran vender, hai algúns feitos que para min son incuestionábeis:

a) Quintana vai saír elixido co apoio dunha organización que non se fía del, da súa práctica política e da súa acción no goberno galego. Desconfía tanto que condicionou este apoio a que subscribira un documento implicitamente tan crítico coas derivas deste último ano e pico que, de votarse na asemblea nacional, case que deixaría sen argumentos a máis dunha candidatura.

b) Quintana é un dirixente sen pensamento e criterio político. Por moi bruta que poida parecer a comparación, o seu discurso ten moitos paralelismos e semellanzas co dalgúns alcaldes que, depois de pasar por non sei cantas organizacións, agora desembarcaron no recén constituído 'sindicato de alcaldes'.

c) Pode estar ao cabo da rúa, do que pensa a poboación, unha organización que, segundo os indicios, vai ter unha dirección conformada maiormente por persoas con responsabilidades de goberno á fronte de diferentes administracións e liberados dende hai ducias de anos ou que nunca traballaron para empresa ou administración?


Destas terras

Temos o segundo candidato á alcaldía
menos coñecido e as enquisas prognostican seguir caendo; isto é, pasar de 6 a 4 concelleiros.

Por máis que haxa un
vicepresidente de Deputación, un deputado, un parlamentario galego, liberados varios e o delegado provincial dunha Consellaría os indicios apuntan a que nesta comarca, xogando coa linguaxe da "nomenklatura", o traballo que se está a realizar dende as institucións non dá os seus froitos, non fende muros, afasta da propia base social e non se vai traducir nun crecemento electoral do nacionalismo galego.

Mentres tanto, seguimos enleados en
non afiliacións e expulsións.