4.12.06

No día da unidade


Sorprendéronme os resultados electorais da Asemblea. Basicamente porque non agardaba os de Encontro Irmandiño (para min, que a súa incidencia era grande no contorno do BNG pero substancialmente menor entre a militancia que ía asistir á Asemblea) e tampouco unha vitoria tan pírrica da candidatura oficial.

Non me fío de Quintana-Losada. O de “tomar nota” é unha das frases feitas coa que adoitan construír as declaracións á prensa. “Tomaron nota” do fracaso das autonómicas, das críticas dos concellos pola demora no convenio na rede de transporte adaptado, etc, etc. En por iso, permítome acordarlles que moi mal o estiveron facendo cando rexendo a
organización e manexando tódolos seus resortes internos e tempos políticos; sendo Vicepresidente da Xunta e estando rodeado dun equipo de conselleiros e outros cargos pensado para que ninguén lle faga sombra; utilizando goberno e administración pública para campañas ‘botafumeiro’ da súa persoa; cun grupo significado de comentaristas denostando as outras candidaturas e asociándoas ao vello e ao pasado; contando co apoio (condicionado pero apoio a fin de contas) do partido con máis capacidade de organización e mobilización no seo BNG pasa á historia por conseguir o 62% dos votos para a súa candidatura (o máis baixo do BNG) e o 58% para a única achega que se lle pode atribuír explicitamente, a asemblea por delegados.

Desexo que a UPG tamén se deixe de tentar "amarrar" por detras; de “cláusulas de garantías” semi-secretas (por máis que logo as explique no seu contorno); de asumir como súas decisións que non lle son propias e explicite os seus posicionamentos políticos en todo momento, non só cando o sangue estea a piques de chegar ao río.

Penso que é un bo momento para a relectura do artigo completo
“Sindicalismo e nova sociedade” que Lois Ríos Paredes publicaba en “Tempos Novos.

E xa para rematar, neste “día da unidade” agardo que a partir de hoxe mesmo non sexa “a opinión publicada” a que marque a liña política do BNG e que a pluralidade dos órganos de dirección se traduza nun Bloque con vida propia máis alá da acción de goberno, que recupere a participación militante na definición e construción do proxecto que queremos, imbrincada na sociedade, con presenza activa nas plataformas realmente cidadáns, non suxeita ás presións de plataformas que non deixan de ser “lobbies” internos cunha representatividade e presenza entre a poboación máis imaxinaria ca real, con capacidade para ampliar a súa base e cun discurso claramente nacionalista de esquerdas, transformador e progresista.

Por soñar que non sexa!