7.12.06

Deporte na escola


Levaban anos demandando unha nova orientación do deporte escolar e desenvolvendo fórmulas propias de actividade deportiva nestas franxas de idade. En por iso, acolleron con grandes expectativas a convocatoria do programa “Deporte na escola” que fixeron pública as consellarías de Cultura e Deportes e Educación.

Sabedores do difícil que é botar a andar un novo proxecto, para fomentar a participación dos colexios neste programa, nomeadamente na “Actividade polideportiva-cultural”, acordaron intensificar o traballo de apoio e coordinación cos colexios e institutos ao tempo que puxeron á súa disposición monitores municipais (licenciados en educación física e especialistas en xogos tradicionais) para colaborar co profesorado na preparación destas actividades.

Estoutro día souben que decidiran volver montar a súa propia programación de deporte escolar á marxe da promovida pola Xunta. Sorprendido, intereseime polos motivos da súa decisión. Explicáronme que foi un acordo adoptado por unanimidade despois de varias xuntanzas nas que participaron concelleiro-delegado, coordinadora técnica deportiva,
monitores municipais e o profesorado de educación física de tódolos centros de ensino do concello.

Autoexclúense porque non consideran apropiadas as condicións de inscrición (por exemplo, na
modalidade polideportiva-cultural, é obrigatorio participar en catro modalidades deportivas cando a comezos de curso resulta imposíbel preparar as destrezas e habelencias que requiren), acaída a normativa específica que rexe as competicións (falaban, entre outras cuestións, de probas e distancias en atletismo) e ven inviábeis os prazos fixados (primeiro trimestre) para o desenvolvemento das fases.

Xa o puxeron en coñecemento da
Dirección Xeral para o Deporte e mesmo os convidaron a asistir a unha xuntanza –á que seica non viñeron- para falar en vivo e cos implicados de todos estes temas. Tamén demandaron o apoio económico da Dirección Xeral para esta programación propia e semella que van contar con el.