11.12.06

Avaliación


En plena resaca post-asemblea nacional non é a segunda nin a terceira ocasión que escoito vincular a ‘póliza de garantías’ que a UPG subscribiu con ‘poñer na picota’ a persoas concretas do BNG na Xunta.

Descoñezo se nalgunha das
reunións con simpatizantes que organizou a UPG por localidades saíron os nomes que se barallan. Polo que sei, na ‘póliza’ non aparecen –fálase, ao igual que nas resolucións, de avaliar o labor- e nesas xuntanzas criticaron, con razón, determinadas áreas de goberno ou que xente allea aos órganos do BNG fale e actúe en representación da organización.

Dito isto vou dedicar o comentario desta mañá a facer algunhas reflexións sobre o cerne da cuestión: a avaliación do que está a facer o nacionalismo compartindo responsabilidades no
goberno galego.

E xa en fariña, o primeiro que me chama a atención é que algo que debería ser unha práctica cotiá pase a converterse nunha cuestión excepcional e obxecto de mandato asembleario. Toda unha mostra de até que punto
se estaba impoñendo unha concepción “cesarista” da política e do labor dos cargos públicos nas administracións que a ver se somos quen de desterrar.

O segundo extremo ten que ver cos niveis de descontento con
políticas e persoas con nomes e apelidos. Polo que se escoita, non debemos estar no camiño correcto porque é grande de máis para ano e pico no goberno.

Vinculado ao anterior, semella o persoal
prepara o terreo para poder exteriorizar desconformidades con liñas, actitudes e mesmo xestos con repercusións políticas e, se o debate queda só nisto último, perigo, perigo!

Curiosamente, do que menos se fala nas ‘previas’ é do que, para min, é o máis importante: como, que e en base a que avaliar. E abofé que non é doado!

Tarefa complexa porque programa electoral non é o mesmo que programa de goberno e, digámolo claro e alto, nin hai nin programa de goberno para tomar como referencia, nin o BNG ten diagnose previa programa sectorial para a maioría das áreas. Xa que logo, á hora de analizar córrese o risco de valorar sobre a información que nos fornezan os avaliados.

Se nos limitamos a escoitar a opinión de dentro da casa corremos o risco de equivocarnos por descoñecemento así que é conveniente recorrer a contrastar como se percibe a actuación no sector en cuestión, extremo que tamén entraña os seus riscos. Explícome, pode que nese sector houbera que adoptar medidas necesarias e acordes cun determinado proxecto político e que, de entrada, non foron ben recibidas porque estaban afeitos a dinámicas anteriores. Tamén é posíbel que sexa xustamente o contrario, que despois de agardar por un cambio de rumbo vivan o continuísmo ou unha sucesión de medidas erráticas. Por non falar das acollidas entusiastas. Cantos casos non coñecemos de políticas populistas que ‘arrasan’ entre os seus destinatarios!

A simbiose entre punto de partida, obxectivos, estado, percepción interna/externa e repercusión é o aconsellábel pero non suficiente. Que máis habería que considerar? Abofé que o descoñezo. Algo fun barrenando, limitado iso si ao ámbito local, e
xa volo contei hai unhas semanas. Se avanzo máis, prometo socializalo.