20.12.06

Tristes pero certas


Os principios de eficiencia e eficacia da Administración non van con eles. Cobran ao mes salarios moi por riba da media dos galegos e permítense o luxo de demorar meses un informe tan pouco complexo como acreditar se é suficiente a consignación orzamentaria. Mentres tanto, hai persoas moi necesitadas que pola falta dese simple trámite non poden percibir a axuda á que teñen dereito e que mes a mes teñen que facer un grande esforzo para chegar a fin de mes.

Traballan como bibliotecarios nunha administración pública. Ofrécenlle a posibilidade de escoller gratuitamente X libros galegos de edición recente entre unha relación bastante ampla e só piden algo máis da metade. Desbotan ter máis dun exemplar dos de lectura recomendada no ensino e uns cantos de poesía, teatro e ensaio porque entenden que non son xéneros que teñen moita demanda. Por ese mesmo criterio, non subscribiron á Biblioteca a “Tempos Novos” ou “Grial” e, polo de priorizar investimentos, anularon a subscrición ao semanario “A Nosa Terra” e a “Le Monde Diplomatique”.

E que non me digan que estas cousas só pasan na Administración porque coñezo varias empresas privadas que igual ou peor.