1.12.06

Escéptico


Que máis quixera que non estar así! Pero, como teño memoria, resulta que o de privatizar o estaleiro, o interese e ofertas de grupos privados, é algo que xa lle escoitei a outro Conselleiro de Industria, Juan Fernández, co resultado que todos coñecemos. Por certo, agora Fernández non se corta un pelo á hora de cualificar a proposta de Fernando Blanco como moito máis dura ca formulada por el en 1991 e rexeitada naquel momento polas organizacións políticas e sindicais galegas, BNG incluído.

Nesta mesma liña, máis recentemente soubemos que o alcalde de Narón e dirixente de Terra Galega, Juan Gato, propoñía
privatizar só a área de reparacións, alternativa que contou co rexeitamento de partidos políticos e sindicatos e que volve agromar asociada curiosamente ás reparacións dos gaseiros.

Tampouco faltaron nestes anos experimentos de separar o que agora chaman os
“activos ociosos”. Nas hemerotecas pode consultarse a segregación de terreos para a “Sociedad Italiana del Vidrio” –que nunca chegou nin a empezar por máis que pagaran viaxes a Italia de non poucos traballadores- ou a traxectoria, en terreos de Astano, da desaparecida Imenosa.

Entre que as experiencias pasadas pesan coma unha lousa; que neste ano e medio as declaracións do Conselleiro sobre o sector naval, ademais de
erráticas, puxeron de unllas ás centrais sindicais e que neste período foi incapaz de poñer en marcha a súa medida estrela para Ferrolterra –a Axencia de Desenvolvemento Industrial de Galicia, da que a día de hoxe o único que volve dicir é que terá a súa sede no CIS - pois como que case estou por poñerlle velas á virxe de Chamorro para que desta volta a proposta de Industria e Innovación sexa, realmente, algo serio. De non selo, o último que peche a porta.