Sábado tivo lugar a entrega da rede de Telecentros e a presentación do portal aspontes.net
Lía na prensa do domingo:
«Peticións de mellora e voces discordantes
Ao remate do acto, un veciño demandou que se poida levar a conexión a Internet ás vivendas a partir da antena instalada nos telecentros, para evitar así desprazamentos. Ademais, representantes dunha asociación informática local amosaron o seu desacordo polo gasto destinado a crear un portal que dixeron que se podería facer por moito menos diñeiro.»
Fun mirar que opinaba a xente de AMIGUS, Asociación Informática d’As Pontes e, sen que sirva de precedente, a prensa tiña razón. No seu web podías ler –en castelán- a seguinte denuncia:
«As Pontes: aspontes.net a vergoña
Desde hoxe xa está aberto aspontes.net. O que tería que ser un portal cidadán, un proxecto que podería ser unha boa forma de fomentar o uso das novas tecnoloxías e a comunicación. Con botarlle unha pequena ollada, enténdese que isto non se vai poder conseguir con ese portal. É o web do Concello, con 4 ligazóns máis e uns foros "Powered by phpBB", que calquera rapaz os monta en 5 minutos, en 2 meses estarán pechados e censurados. Un Chat, que demostra que non se sabe o que é a canle #aspontes, funcionando desde hai 8 anos con mais de 250 usuarios rexistrados e unha media de 20 usuarios conectados.
E dos telecentros, con conexión "gratis" durante os próximos 2 anos... que darán servizo de Internet a non máis de 1000 habitantes, mentres no núcleo das Pontes só hai 3 ordenadores de acceso gratuíto na biblioteca para 10000 veciños.
Mañá en casa Dopeso preséntase oficialmente ás 11:30.. teremos que ir preguntar se saben en que investiron o diñeiro de Vilas Dixitais.... 900.000 euros... Perdeuse a mellor oportunidade de subirnos ao tren dixital.»