25.8.06

O fútbol dos sábados só en galego


Alégrame que ao PP non lle importe coincidir cos argumentos que está a empregar ERC en Valencia e nas Baleares. Semella que a súa preocupación polo futuro do galego é máis importante que coincidencias puntuais e son conscientes que o problema non está en que a TVG se quede sen o partido de liga do sábado, senón en que ese partido se retransmita en castelán co que o galego sofriría un novo retroceso e perdería un espazo de uso que xa tiña gañado. Di ti que para que seren críbeis terían que amosar esa mesma preocupación noutros moitos ámbitos, desfacerse dos seus prexuízos ideolóxicos e, por exemplo, non criticar que se esixa o coñecemento do galego para traballar ao servizo de calquera administración pública galega e rectificar en sede parlamentaria e medios de comunicación todo o que ‘largaron’ a respecto das contratacións persoal das brigadas contra o lume.

Sorprendeume que o BNG (por certo, vendo o web do Bloque teño a sensación que dende que eliminaron a sección de “Novas” no web de
Vicepresidencia a trasladaron ao web do BNG) ou A Mesa non tiveran ningunha iniciativa para demandar da empresa (ou pedirlle a Marisol que o fixera) que adquiriu os dereitos de emisión do fútbol un mínimo de sensibilidade co país e co proceso de normalización da nosa lingua e, xa que logo, que garantira a emisión dos partidos en galego.

Leo en na
prensa que “La Sexta” anuncia de 'motu propio' que emitirá os partidos en español, catalán, galego e éuscaro. O que non se di nesa información é que o van facer a través da televisión dixital terrestre –polo de agora, moi minoritaria- mentres que as emisións en analóxico só se farán en español.

A presión social das
áreas de fala catalá algo xa conseguiu. Esperemos que a cidadanía e o goberno galego reaccionen e entre todos consigamos que o fútbol dos sábados siga sendo só en galego.