3.8.06

Ferrol, Gwendal, “Rainbow Warrior” e lixo radioactivo


Esta noite actúa Gwendal en Ferrol. Para min, non é un concerto máis. Se a memoria non me falla, volven despois de 26 anos. No verán de 1980 tocaban no Parque Municipal, nun concerto que dedicaron aos activistas de Greenpeace. Había un par de meses que a Armada Española apreixara ao “Rainbow Warrior”, barco da organización ecoloxista que neses momentos participaba nunha das primeiras campañas –dende aquí, as do ‘Xurelo’, ‘Arousa I’....- contra os vertidos radioactivos na Foxa Atlántica. A actuación de Gwendal converteuse en toda unha manifestación a prol da liberdade do barco e dos seus tripulantes.

Naqueles meses nos que o barco estivo detido, Ferrolterra baleirouse para apoiar á xente de Geenpeace. Deste xeito, nunha noite de novembro conseguiuse meter e armar no barco as pezas que lle retirara a Mariña para inmobilizalo. Para "deshonra" da Armada Española, o “Guerreiro do Arco da Vella” foi quen de prender os seus motores e conseguir fuxir do porto militar de Ferrol.

Vinte anos despois, daquela formación de Gwendal só queda un dos seus membros, é o meu fillo e os seus amigos quen van ir ao concerto -ante a coincidencia prefiro ver Nova Galega de Danza- aínda que, como hai 20 anos, o lixo radioactivo volve a ameazarnos.