10.8.06

Moita calma

É difícil manter a calma mentres o lume segue estendéndose. Rumiamos a raiba e a impotencia e estamos especialmente irascíbeis contra o PP e o seu exército mediático polo descaro de utilizar os incendios para erosionar ao bipartito.

Instalados nesa frustración e non podendo facer máis do que facemos, intentamos manter a cabeza fría e pensar.

Dándolle voltas, o do PP non nos estraña. Hai moito tempo que demostraron quen son e a súa tremenda capacidade de manipulación para converter as vítimas en verdugos. Véxase, a modo de exemplo, que fixeron coa guerra de Irak, o Prestige, os atentados do 11-M, a negociación con ETA....

Fariña doutra muiñada é o tema dos medios de comunicación. O tratamento que lle están dando aos lumes forestais evidencian o fracaso desa estratexia, non explicitada pero aplicada de forma sistemática nestes meses de goberno, consistente en chegar aos cidadáns a través da presenza reiterada nos medios de comunicación (medios alugados que non propios)”.

E seguindo coa cuestión mediática, percíbese demasiado ruído. Son moitas as voces a facer declaracións e, o que me parece aínda máis preocupante, as manifestacións cheas de frases tópicas, superficiais. cun argumentario moi perigoso que fala de terrorismo “novo tempo policial”, novo tempo xudicial”....... e que cae polo seu propio peso. Sorprendentemente, non fan tanto fincapé nas sospeitas razoábeis, na multicausalidade, nas consecuencias dunha política herdada..... En fin, que un pouquiño de prudencia non viría nada mal porque ese afán polo titular enche as hemerotecas de canas que en calquera momento se poden trocar en lanzas. E mostras hainas a esgallo! Abonda coas que circulan estes días pola Rede!

En por iso paréceme importante argumentar e fuxir do tópico nas intervencións públicas e, sobre todo, apoiar (s é por precaución, que non se preocupen, que o 'queime' vai afectar a todo o goberno , mesmo aos que agora non aparecen ou se manteñen en segundo plano) e deixar traballar á Consellería de Medio Rural. Ah, e que sexan eles quen sigan informando coa claridade, rigor e didactismo co que o viñeron facendo até o momento.