11.8.06

Lume, lingua e prexuízo ideolóxico.


A lingua, o coñecemento do galego, foi un dos ‘argumentos estrela’ utilizados polo PP –co aval de CC.OO- e convenientemente axitado polos medios afíns –algúns de aquí pero maiormente os da meseta- para tentar desprestixiar o labor na loita contra o lume da Consellaría de Medio Rural.

Omiten interesadamente que a acreditación da competencia lingüística é un extremo regulado por Lei dende os gobernos do PP ou que, no caso das contratacións das brigadas contra o lume, a acreditación do coñecemento da lingua valorouse como mérito e non como condición imprescindíbel, extremo que para moitos sería o desexábel cando de acceder á función pública, a 'cobrar' da administración do país se trata.
Terxiversan, tamén, cando falan de persoas non contratadas.

Preocúpame que non aprenderan dos resultados das eleccións xerais e volvan recorrer á mentira e á manipulación como guía da súa acción política.

Preocúpame tamén non os seus prexuízos a respecto da lingua propia do noso país, senón que intenten contaxialos á sociedade galega.

Como non é a primeira vez que leo argumentos semellantes –en Ferrol, tamén os utilizou CC.OO para criticar as probas selectivas que rexeron a contratación de bombeiros- non estaría de máis que, de cara ao outono, a sección de lingua do Consello da Cultura Galega ou a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da Comisión de seguimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega convidaran a dirixentes do PP e a CC.OO a un encontro no que reflexionar sobre o prexuízo ideolóxico que subxace detrás destas condutas que connotan negativamente o coñecemento da nosa lingua.

E ao fío deste tema, non me resisto a reproducir o artigo titulado “Lume ideolóxico” que Luís Ávarez Pousa publicaba onte en “Diario de Ferrol”.

“A prensa conservadora de Madrid amolda a traxedia incendiaria de Galicia ás súas obsesións ideolóxicas. Nas portadas destes días, non parece senón que a lingua fose a culpable da inmensa pira funeraria na que se están convertindo os nosos montes. Vexan o ABC e La Razón do martes, e comproben ese atropello editorial. Que, ademais da súa preparación e aptitudes técnicas, se requira nas probas de seleción que saiban comunicarse en galego como unha razón máis para a contratación dos peóns, é para eses diarios mesetarios a causa necesaria desa aterradora escenografía.

Non teñen corazón, só teñen intereses políticos. Os mesmos que están detrás do argumentario segundo o cal pasamos do purgatorio fraguista ao inferno progresista por non teren os alcaldes do PP cuadrillas de confianza. Ou por ter descabezado o novo Goberno a estrutura de mando e tropa, que a consellería de Medio Rural xa ten desmentido. En todo caso, o que parece consecuencia dunha estratexia criminal perfectamente calculada en danos sociais e en eco político, en rendabilidade económica ou desafogo por vinganza, nunca ía reparar nesa estrutura, por moi experimentada que ela estivese. Detrás desa acusación política hai moita carga autodefensiva. Non se quere asumir que contra esa estratexia criminal nunca se chegou a executar unha estratexia democrática que non fose a de como apagar os lumes sen que cundise a alarma, amasando de paso inusitadas sospeitas contra a oposición. Todo o que os expertos marcan como prioritario e ten un largo recorrido, pois que se trata de impulsar e facer operativa unha política forestal que á súa vez comporte a volta á terra como espazo habitable e como medio de vida, quedou á marxe destes 25 anos de autonomía.

Cantos desde a prensa mesetaria e desde a oposición conservadora se atreven a poñer sobre a lingua galega e sobre a cor dos técnicos a mancha do crime, deixan ao descuberto moita miseria ideolóxica. A non ser que nos confirmen, contra toda evidencia, que esa estrutura salvadora da que falan tiña empadroados e controlados a tódolos pirómanos e a tódolos incendiarios, e que aproveitou dezaseis anos de limpeza e rehabilitación de montes e de terras abandonadas para manter a raia os lumes fortuitos. Se fallan outras cousas, tempo terán para demandar responsabilidades. Ogallá fose todo cousa de cuadrillas e de mandos, aínda a costa de sacrificar a un conselleiro honesto e eficaz. Sobran por iso a demagoxia política, como a de Fraga en Perbes, e a manipulación informativa.