21.8.06

Juan Anido e Carmen Filgueiras


Probabelmente os nomes non vos digan nada. A min tampouco até que os coñecín, vai para dous anos, cando, con motivo do 25º aniversario dos concellos democráticos, o alcalde de Mugardos –Barcia ou Xosé para os amigos- me convidou a participar nunha fermosa homenaxe ás corporacións elixidas entre o 15 de abril de 1931 -14 de marzo de 1936 e de abril de 1979- xuño de 2003.

Volvín reencontrarme con eles en Fene, na presentación de
‘A cidade da selva’, documental no que coa humildade e sinxeleza que os caracteriza narran a súa loita contra a represión franquista.

Teñen 84 e 81 anos e o pasado sábado estaban en
Mugardos, a súa vila natal, agardando a chegada do ‘Barco da Memoria” e contándolle a M. Mayoral. de ‘Diario de Ferrol’ que «durante a Guerra Civil, tiveron na bodega da casa, un ben escondido ‘zulo’ no que ocultaron a moitos fuxidos. A cousa durou un tempo, pero ao final descubrírono -un detido cantou, pero como di Carmen, non se lle pode ter en conta co martirio ao que o someteron- e os dous foron detidos o 18 de xullo de 1951. Juan Anido conta que por dúas veces librouse da morte grazas a intervención dun tenente coronel que era veciño. Finalmente, formáronlles consello de guerra aos dous e o home declarou que a muller non tiña nada que ver cos feitos. Ela volveu para casa e el foi a para o cárcere de Burgos, onde estivo cinco anos. O máis duro era que se pasaba moita fame , explica Juan Anido, que recoñece que tivo moita sorte, a pesar de ter sufrido moito, e que considera que, até o de agora, había moito medo a falar da represión».