16.8.06

Setembro e comezo do curso nas Galescolas


Faltan poucos días para o comezo do curso escolar 2006-2007 e, xa que logo, para que abran as súas portas as primeiras Galescolas. Nin na prensa, nin no DOG, nin no web da Vicepresidencia fun quen de atopar información a respecto de:
- Localidades e enderezos destes primeiros centros.
- Data(s) en que comezan a funcionar e prazos para solicitar a admisión xa que supoño que haberá un período específico e non rexerán os da Orde do 20 de abril (antes do 10 de maio).
- Programa pedagóxico e réxime de funcionamento.
- Oferta pública de emprego coa relación de postos de traballo vacantes, procedemento de selección, temario……
- Formación específica ou xeral para acreditar a competencia lingüística.

Do que si me chega información é de
concellos que van inaugurar proximamente escolas infantís –enténdese que, ao igual que a do CHUS, á marxe da rede de Galescolas-, de convocatorias de concursos para a xestión mediante concesión administrativa de escolas infantís ou da aprobación/modificación dos regulamentos/ordenanzas específicos das que xa levan tempo en funcionamento.