18.8.06

E non aprenderán del?


Cando o BNG estaba á fronte das alcaldías de Vigo, Pontevedra e Ferrol e participaba nos gobernos de Santiago e Lugo os ‘modelos’ a seguir eran o dos ‘alcaldes de todos’ (tipo Xaime Bello e Lois Castrillo) ou dos ‘magníficos xestores’, versión Lugo. Facer, como Lores, a política da organización pola que resultaran elixidos semellaba pouco menos que un exceso propio de radicais.
Eis, Castrillo non faltou a unha procesión do ‘Cristo da Vitoria’, Bello retirou o cabalo non para rematar cunha vergoña histórica, senón ‘no marco dunha actuación urbanística con cambio de mobiliario urbano’ e en Lugo deixouse a política para os máis mentres se ocupaba o campo tecnocrático da xestión. Viñeron as municipais de 2003, os resultados foron os que foron e aínda hai quen agarda unha análise seria e rigorosa alén da ‘síndrome Orozco’.
Dende que o BNG entrou a formar parte do
goberno galego, percíbese unha clara diferenza entre Medio Rural e o resto das consellarías –inclúo á Vicepresidencia- en mans dos nacionalistas.
Suárez Canal dirixe unha Consellería cun programa político claro e explícito. o mesmo co que concorreu ás eleccións; non é un conselleiro ‘mediático’, nin unha ‘fichaxe galáctica’ procedente do campo dos independentes senón un dos ‘coroneis’ da UPG; cando aparece nos actos sabe ocupar o seu lugar sen estar pendente dos ‘gráficos’ e, se comparece ante os medios, é para dicir algo con sentido político e non unha restra de tópicos seguidas da ‘frase-titular’; reparte xogo entre os membros do seu equipo –rara vez comparece tutelando aos seus directores xerais-; non entra na ‘confraría do glamour’; está á fronte dunha área complexa e abandonada dende hai moitos anos e aínda por riba este verán foi quen asumiu toda a responsabilidade na loita contra o lume.
Leo en
Galicia Confidencial que ‘segundo os inquéritos urxentes realizados por algún gabinete do Goberno galego, Suárez Canal é o único membro do goberno que sae reforzado durante esta crise’, algo que acredito porque, cando menos no meu círculo de relacións, Alfredo percíbese como o único que soubo estar á altura das circunstancias e tamén como a persoa axeitada para liderar o cambio que o rural galego necesita.
Ao fío de todo isto,
un e outro non aprenderán de Suárez Canal?