a) Se a Xunta cambia o concepto e a denominación dos centros de 0-3 anos (de gardería a escolas infantís con tódalas explicacións que se derivan) e ademais estamos falando dunha competencia propia, por que se opta por crear unha “rede de galegoescolas” e non se dicta unha norma de carácter universal (por exemplo, unha modificación das leis 4/93 de servizos sociais, 3/97 da familia, da infancia e da adolescencia, do Decreto 329/2005 que regula os centros de atención á infancia e normativa de desenvolvemento) para garantir a oferta educativa en galego en tódalas escolas infantís con independencia da súa titularidade; isto é, sexan públicas ou privadas? Non é extrapolábel o exemplo, do bacharelato ou dos ciclos formativos, que son “ensinanzas secundarias POSTOBRIGATORIAS, EXPO, onde a norma sobre o uso do galego atinxe a estas ensinanzas e tanto aos centros públicos coma aos privados?
b) Exclúense da rede de “galegoescolas” as escolas infantís que xa existen a día de hoxe e que dependen das corporacións locais? Cómpre ter en conta que segundo os datos da propia Vicepresidencia, actualmente –antes da creación dos centros que anuncian como “galegoescolas”- hai 8.599 postos en centros de educación infantil de 0-3 anos, repartidos en 22 garderías da Xunta, 89 escolas infantís municipais, e 7.500 prazas en centros privados.
c) Se non se exclúen e o prazo para poñer en marcha as “galegoescolas” é este ano 2006 e máis o próximo, 2007, por que na Orde de 25 de abril de 2006 pola que se convocan axudas para o mantemento e mellora da calidade das escolas infantís 0-3 dependentes das corporacións locais, publicada no DOG do xoves 11 de maio (un día antes da rolda de prensa en que se deu a coñecer o das “galegoescolas”) non se introduciu ningunha “cláusula” en sentido positivo na liña de primar o apoio económico a aquelas escolas que dean pasos para, de cara ao vindeiro curso, garantir que haxa oferta educativa en galego para os nenos galegofalantes e que os castelanfalantes reciban cando menos un terzo dos contidos en lingua galega?
d) Por qué na citada Orde de convocatoria de axudas non se fai ninguha alusión ao PXNL e a única referencia á cuestión da lingua refírese á hora de valorar os proxectos de mellora da calidade terase en conta aqueles que: “desenvolvan programas de innovación pedagóxica e dinamización lingüística?
e) A rede de “galegoescolas”, significa un cambio na titularidade desas 99 escolas infantís de nova construción?. Pasan as “galegoescolas”, a ser titularidade tamén na xestión e contratación de persoal, da Vicepresidencia ou do Consorcio de servizos sociais? Cómpre ter en conta que, pola relación que lin, unha boa parte das 99 empezaron a construírse co goberno do PP e para ser centros de titularidade municipal. Se non hai cambio na titularidade, vai introducir cambios nos proxectos técnicos e na construción dos centros para haxa espazo físico de abondo para garantir liñas diferenciadas para galegofalantes e castelanfalantes? Cómo se vai facer o acceso a cada unha das liñas? Qué normas vai dictar Vicepresidencia para que os concellos garantan a existencia de a oferta educativa en galego nas escolas infantís de titularidade municipal? Qué tipo de probas vai ter que realizar o persoal que aspire a traballar nas “galegoescolas” para acreditar a súa competencia lingüística?
f) Que norma vai regular a oferta educativa en galego? A que escolas infantís vai ser estensiva? Tamén, por exemplo, ás dos hospitais do SERGAS e ás conveniadas co Ministerio de Defensa que xa hai na actualidade?
g) Cales son as obrigas en canto á oferta educativa en galego das escolas infantís privadas beneficiarias do cheque infantil?
h) Hai previsto algún proxecto de “cooperación intelixente” coa industria cultural para a produción de materiais en galego?
i) No marco da “revolución tranquila do benestar, hai previsto algún programa para a reciclaxe do persoal docente que xa presta servizos nas escolas infantís municipais e de titularidade da Xunta?