21.4.06

Punto e seguido


Con estas palabras pechaba o alcalde de Fene o ciclo “Non des ao esquecemento”

«Con Astano ao fondo, a uns metros da Praza do Dez de Marzo, neste barrio tan vinculado historicamente á loita política e sindical contra a ditadura, acabamos de inaugurar, a escultura de Loureiro, unha peza en aceiro coa que queremos simbolizar a pública homenaxe do pobo de Fene alcalde Ramón Souto González, Alexandre Bóveda, Daniel e Amador, Cándido López González, Moncho Reboiras, Sira Alonso, Rodrigo Villar Díaz, Xan de Xenaro, Vicente Veiga García, Gayoso, Pepe Molinuco, Mariví Villaverde, Paco Filgueiras, Juan, Fina Gallego, Xesús Díaz Rascado, Paco Filgueiras .... e tantos milleiros de feneses e fenesas, de galegos e galegas a fusiladas, paseadas, exiliadas, vítimas do exilio interior ou que sufriron a represión nas súas costas por defender a nosa identidade como nación, os valores de igualdade e liberdade das persoas e dos pobos.

E facémolo poñendo fin a un ciclo, “Non des ao esquecemento”, que pola súa propia denominación e procedencia da mesma constitúe toda unha declaración de intencións e o xeito de expresar o xeito en queo Concello de Fene quixo contribuír á xusta e fermosa iniciativa da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galiza ao declarar o ano 2006 como ano da memoria.

Dende o mes de marzo, tódolos martes e xoves, reunímonos na Casa da Cultura ao redor dunha proposta do profesor Bernardo Máiz e Daniel Romero, director científico e coordinador de “Non des ao esquecemento”, para reconstruír coa imaxe a palabra e dende unha perspectiva de país un período da nosa historia nuns momentos en que se cumpre o 70 aniversario do plebiscito do primeiro estatuto de autonomía de Galiza.

Xuntámonos para aprender do pasado, homenaxear a quen nos precederon na defensa dos ideas de xustiza e liberdade e falar do futuro, dese novo estatuto de nación que o Parlamento Galego comeza a articular.

E seguimos xuntándonos hoxe aquí, ao redor desta obra de Loureiro (quixera facer un breve inciso para agradecerlle ao artista a magnífica acollida que tivo para coa nosa proposta e tódalas facilidades que nos deu para levala a cabo así á directora de Sargadelos as súas xestións e seu labor de intermediación) dicía que nos xuntamos hoxe aquí, ao redor do que xa vai pasar a ser un homenaxe permanente a quen ergueron o facho de luz nun período de sombras.»