24.10.06

En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai!


Afortunado o lema daquela campaña, non así a dinámica da política municipal que caracterizou á cidade olívica dende as primeiras eleccións municipais democráticas.

No horizonte inmediato uns novos comicios nos que, vistos dende a distancia, PSOE e BNG van ter que 'bater o cobre' para borrar a pegada que, con distintas responsabilidades, deixaron nestes últimos oito anos.

Pola parte que me toca –son dos que non milita pero si cotiza tódolos meses- preocúpame o BNG.

Visto dende as
terras de Trasancos pareceume unha barbaridade a forma de abordar o nomeamento do candidato á alcaldía e a complicada situación na que puxeron a persoas (Xabier Toba e Manolo Bragado) ás que aprecio.

Escribín que
me decepcionou, e moito!, o labor de Santiago Domínguez á fronte da Dirección Xeral para o Deporte. Tamén dixen que as consecuencias desta política, ou falta dela, imos pagalas e aínda están por vir e ver.

Non obstante valoro a súa decisión de aceptar, aínda que fora a última hora, encabezar a candidatura de Vigo. Se vos fixades, malia ao que se dicía e especulaba na conformación do bipartito (est@ vai para este cargo ao obxecto de promocional@ e que nas municipais vaia de candidat@ á alcaldía en....), Santiago Domínguez é o único cargo do
BNG na Xunta que fai o ‘camiño de volta’ e non precisamente para ocupar un posto polo que haxa pelexas. Así que, como non o vou valorar e máis tendo en conta que por estas terras só coñecemos ‘camiños de ida’!

Non obstante, de ser certas as manifestacións que ‘
Galicia Hoxe lle atribuía este luns a Santiago Domínguez

«Pola súa banda, o director xeral de Deportes e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Santiago Domínguez, asegurou onte que se "entenderá" co aspirante socialista, Abel Caballero, se este "ten claro" que esta cidade "non pode ser vítima" e se está disposto a traballar por Vigo "independentemente do que lle diga o seu partido en Santiago e en Madrid". Nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, Santiago Domínguez -que prevé deixar o seu actual cargo "a principios de marzo"- afirmou que el, se é alcalde, non fará "a política que lle marque o BNG en Santiago", aínda que se teña que "enfrontar á súa formación". Ó preguntarlle pola sensación de que o Bloque ten mellor relación en Vigo co PP que co PSOE, o candidato nacionalista dixo que o BNG "demostrou que non se entende mellor nin cos populares nin cos socialistas, senón coa cidade"».

non podo menos que sentir arrepío. Se o discurso de Quintana a respecto do país (Galiza como ente abstracto por riba de todo. Ceos! Dixo o mesmo en Cataluña e proclamou como referente a ese señor de dereitas que se chama Artur Mas) non se sostén, a súa extrapolación ao ámbito local fai que o disparate se perciba aínda con máis nitidez.

De pensar o que lle atribúen, é mellor que Santiago Domínguez renuncie a formar parte da
‘dirección de Santiago do BNG’, á militancia na organización e concorra nunha candidatura independente ou no partido dos que ‘ante-todo-a-miña-localidade-ou-mellor-dito-ante-todo-eu’.

Deste xeito, non terá que se enfrontar a ninguén na defensa da súa cidade pero tampouco se beneficiará da imaxe de marca que tantas persoas, con moitas boas intencións, contribuíron e contribúen a crear.

Outro discurso político é posíbel e moita falta fai que haxa quen o articule e verbalice.