15.11.06
Cifras e sons
Preguntábanme onte de onde quitei as cifras que barallo no meu comentario sobre o circuíto “Catro por Catro”. Como semella que non quedou moi claro, a ver se desta volta e cun exemplo concreto son quen de explicarme.
Un concello XXX da provincia da Coruña decidiu programar, ao abeiro da Rede Cultural da Deputación, concertos de Marcos Teira, Bellón/Maceiras, Talabarte e Nordestin@s. Como as bases que regulan a “Rede Cultural” da Deputación e os cachés dos grupos son públicos e están accesíbeis nas ligazóns que sinalamos, calquera persoa pode comprobar que o que pagou o concello XXX foi o 30% deses cachés, cantidade que ascendeu a 1.279 €.
Se ese mesmo concello XXX decide e pode contratar a eses mesmos grupos ao abeiro das bases e condicións económicas que rexen “Catro por Catro” comprobará como a achega que ten que facer (resultado de dividir custe total do circuíto temático entre os catro grupos incluídos) é de 7.935,14 €.
É conveniente que os responsábeis de “Catro por Catro” expliquen a diferenza de custos, por que se disparan os gastos de produción, cales son os beneficios engadidos do circuíto que promoven, que concellos se poden acoller a este circuíto e, de ser os trescentos e pico, por que as achegas son iguais para todos e non se introducen variábeis en función do número de habitantes ou da ratio orzamento/habitantes.