17.11.06

Hoxe si que toca


Cóntame un amigo, técnico cultural el, que preocupado polos meus comentarios optou por poñerse en contacto coa organización do circuíto “Catro por Catro” para que ver de resolver varias dúbidas.

Grazas a el sei que pode participar no circuíto, nas mesmas condicións económicas, calquera concello galego con independencia do seu número de habitantes e orzamento. Isto é, non contemplan variar as porcentaxes da achega municipal en base ás características do concello. A modo de exemplo: até 20.000 habitantes, 30%; máis de 20.000 habitantes, 50%.

Tamén me informou que non lle remitiron os requirimentos técnicos dos grupos aínda que si o informaron que o local “debe estar acondicionado para levar a cabo eficazmente a celebración destes concertos. E por eficaz estamos a falar de que as condicións garantan a comodidade dos espectadores á hora de asistir a catro concertos, así como garantir as condicións técnicas dende a perspectiva dos grupos”.

Iso de programar un concerto de cada un dos estilos que conforman o circuíto pois como que, de momento, non vai poder ser. Iso si, “non obstante non se rexeita que, se afloran moitas suxestións na liña que ti expós de compor unha programación con grupos de distintos ciclos, para o segundo semestre se posibilite que a entidade contratante escolla grupos de distintos ciclos”.

Do procedemento e prazos de solicitude, recibirá información en datas próximas e, no tocante á súa pregunta relativa á
desproporción de custos entre os cachés que hoxe por hoxe rexen no mercado ou na Rede Cultural da Deputación da Coruña e os custos imputábeis a cada concerto a resposta foi “as contías orzamentadas para cada ciclo non conteñen só os cachés dos artistas senón todos os custos (son, iluminación, produción, publicidade a nivel xeral) salvo os propios da difusión particular no concello dos concertos”. Como me dicía el, con eses orzamentos tes a sensación que son os concellos pequenos quen lle pagan a publicidade ao IGAEM e á Consellaría. Ademais, non entende que contratando de forma centralizada e garantindo un mínimo de actuacións os custes de produción, iluminación e son sexan superiores aos que lle saen se contrata o concello directamente.

En fin, que acabamos concluíndo que estabamos diante dunha proposta moi pouco contrastada.