24.11.06

Boicot no ciclismo








A edición en papel do xornal ‘El País’ publicaba onte un artigo de Carlos Arribas titulado ‘Boicoteo a Manolo Saiz” do que me chamou (e moito!), a atención o parágrafo que, traducido ao galego, reproduzo a seguir:

«Nunhas poucas horas, as que mediaron entre a súa detención con produtos dopantes e unha grande suma de diñeiro en metálico nas súas mans, a súa posta en liberdade a finais de maio pasado e a súa imputación na chamada ‘Operación Porto’, Manolo Saiz pasou de ser o factótum do ciclismo mundial -foi presidente da AIGCP e principal impulsor do UCI ProTour- a converterse nun paria, un apestado co que ninguén quere ter tratos. E aínda que até o de agora non hai condena penal nin sanción deportiva contra o técnico cántabro, e aínda que a Unión Ciclista Internacional (UCI) polo momento non revogou a Active Bay, a empresa da que Saiz posúe un 50%, a licenza para competir no circuíto ProTour, e aínda que nestes momentos non hai decisión sobre a súa petición de licenza para 2007, o seu futuro no ciclismo parece nulo. Como complicado queren facer os equipos o futuro a Álvaro Pino, Vicente Belda e Igor González de Galdeano, a quen consideran implicados en asuntos de dopaxe e para quen solicitaron aos seus respectivos equipos a toma de decisións.»

Hoxe é “La Voz de Galicia” quen
se fai eco do intento de boicot e sinala que Alvaro Pino foi vítima dunha manobra, un cabeza de turco para que o grupo Phonak recuperara a súa licenza UCI-PROTOUR.

Á marxe de que xa no seu momento cuestionaramos, por razóns de
política deportiva que nada teñen que ver coa dopaxe, a creación dun equipo galego de ciclismo profesional apoiado cunha considerábel achega de diñeiro semipúblico (Caixanova) e público (Consellaría de Cultura e Deporte, Consellaría de Innovación e Industria e Deputación de A Coruña que totalizan algo máis do millón de euros) e puxéramos en dúbida que se tratara ‘dunha vella demanda da sociedade galega’, a día de hoxe o que máis nos preocupa é até que punto poden afectar ao deporte galego este tipo de noticias.