12.11.06

Catro por catro




Voces tradicionais

1. Por máis que o intentei non fun quen de saber o
‘público obxectivo’ ao que ía dirixido o concerto-presentación do circuíto. Público 'pirixel’, afeizoados a este tipo de músicas, medios de comunicación, estudantado…..? Tal e como se organizou e desenvolveu creo que a calquera deles menos as concellarías e os xestores culturais.

2. De saber o público destinatario e os obxectivos do acto supoño que sería quen de comprender a escolla da
cidade, do espazo escénico, da data, do día da semana, da hora e das previsións de audiencia que fixeron. Así e á vista da pouca xente que alí había conclúo que non foi precisamente a máis acertada.

3. Non haberá quen se decate que somos máis dun os que hai tempo que empezamos a percibir a
Xurxo Souto como o novo ‘Camariñas’?

4. Por que na información profesional que proporcionaron o sábado –a
mesma que había días que colgaran na Rede- inclúen modelo de ‘folla de taquilla’ pero non extremos tipo requirimentos dos espazos en que van ter lugar os concertos ou prazo de solicitude/resolución para as actuacións do período febreiro-xuño?


Con-fusións

1. Por que participar no circuíto 'Catro por Catro' implica para cada concello unha achega dun mínimo de 7.000 € (máis gastos de publicidade e SGAE) cando, de contratar a eses mesmos catro grupos ao abeiro da
“Rede Cultural” da Deputación, a achega do concello (tamén o 30%) é de 1.560 € e os gastos da SGAE corren por conta do grupo?

2. Xa que, como dicía Xurxo Souto na presentación do sábado, este é un país de artistas, como lle explico eu aos grupos de aquí que fan fusión ou canción galega de autor e que teñen un nivel de excelencia (X. Souto dixit) máis que acreditado, por que ninguén se puxo en contacto con eles para saber se estaban interesados en presentar proxecto e cache de cara a ser incluídos nesta primeira edición de 'Catro por Catro'?

3. Por que de cara ao segundo semestre de 2007 hai convocatoria pública do circuíto e comisión de selección de grupos e para o primeiro semestre non?

4. Por que o circuíto é temático e non hai a posibilidade de programar, como no concerto de presentación do ciclo, 4 concertos de estilos diferentes; isto é, 1 de canción de autor, 1 de con-fusións, 1 de voces tradicionais e 1 de tradición instrumental?


Tradición instrumental

1. Por que “Catro por Catro” pode chegar a máis de 100 concellos e
Redesons Clásica e Redesons Jazz só aos 45 concellos incluídos na Rede de Teatros e Auditorios?

2. Se, por poñer un exemplo, a maioría dos concellos programan só o ciclo “Voces Tradicionais”, hai previsto algún mecanismo para garantir unha certa paridade no número de actuacións?

3. Con que axentes culturais se contrastou a proposta de circuíto?

4. Por qué non hai ningún xestor cultural na comisión que seleccionará aos grupos que participarán no circuíto no segundo semestre de 2007?


Canción de autor

1. Cal vai ser o sistema de pagamento aos grupos? O mesmo que, por exemplo, segue a Rede Cultural da Deputación da Coruña?

2. Xa que a propaganda anunciando os concertos corre a conta de cada concello, que soportes publicitarios van incluídos no orzamento total do circuíto?

3. Por que hai que pagar a parte proporcional dos equipos de luz e son cando o local dispón deste equipamento?

4. Entendes agora por que
bufaba o sábado?