27.11.06
Espazos, produtos e servizos
Este foi o título que escolliamos para o relatorio que presentabamos na “I Xornada de Verán’2005” organizada pola Universidade da Coruña, unha comunicación na que reflexionabamos, entre outras cuestións, sobre a demanda e o consumo de produtos e servizos relacionados co tempo de lecer e os contornos e espazos físicos de interrelación aos que adoitan estar asociados.
A aprobación do “Plano de dinamización turística de Ferrolterra” e a súa aposta por proxectar o patrimonio cultural abre a posibilidade de traballar en espazos, produtos e servizos, o último proxecto en que nos acabamos de meter.
Trátase de converter, polo de agora no papel, a antiga “Finca de Cela” –hoxe “Parque Castelao”- nun espazo temático, un parque ao estilo dos xardíns do “Pasatempo” de Betanzos pero coa lingua e o humor como fíos condutores, o Museo do Humor parada obrigatoria e o “camiño inglés” o vieiro de relación co mundo.
O obxectivo non é outro que facer dese espazo físico un punto de relación, un produto cultural vinculado ao humor galego que serva de polo de atracción turística.
Produto ao que van asociados servizos para as visitas individuais –guía coas posibilidades de interacción cos elementos que o conforman- e un deseño que posibilita desenvolver servizos específicos (xogos, actuacións.....) para colectivos, adaptados ao perfil do grupo en cuestión.
A formulación é clara, a empresa e o equipo de traballo xa os temos definidos, as persoas as que recorrer para labores de asesoramento perfiladas e o prazo para rematar o proxecto anotado na axenda, o 21 de decembro.
Haberá que agardar a ver se esta iniciativa ten máis éxito que o proxecto “O Estaleiro” e, de telo, que sexamos quen de acertar na realización.