14.11.06
Ollo ao dato!
Nas “III Xornadas sobre lingua e usos: Lingua e idade” organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña sostiña que, no ámbito local, os “bancos de tempo” poden configurarse como unha ferramenta idónea e transversal para poñer en valor a propia lingua como “moeda de cambio” e xestionar/coordinar o “voluntariado lingüístico”.
Ao fío da exposición houbo quen me preguntou pola miña valoración a respecto da iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude, coa colaboración da Mesa pola Normalización, de propiciar de cara ao 2007 o programa de “Voluntariado de Activación Lingüística” co obxectivo de aprenderlle o galego a inmigrantes e estudantes foráneos.
Aínda que dixen que descoñecía como se ía articular esta proposta, formuleille aos asistentes unha nova interrogante: cal pensades que é o perfil sociodemográfico dos “voluntaris per la llengua” en Cataluña? A resposta unánime da sala foi: xente nova, mocidade.
Para evidenciar que a percepción non se ten por que corresponder coa realidade, tirei dos datos do “Estudi d'avaluació del programa durant el 2004”, o último publicado na Rede, para poñer de manifesto que a media de idade dos “voluntaris” é de 44 anos. Entre os homes predomina o grupo entre os 31 e os 40 anos e, nas mulleres, o que anda entre os 41 e os 55 anos. E, se o paras a pensar, ten a súa lóxica!
Pois iso, que ollo ao dato! Non vaia ser que non tardemos en concluír que cunha perspectiva transversal, interxeracional e de efectividade nin a Dirección Xeral de Xuventude é o órgano máis acaído para promover, nin A Mesa a entidade que concita maior grao de consenso e a que reúne a introdución social precisa para articular o “voluntariado lingüístico”, por exemplo, nos concellos da periferia das cidades e entre os colectivos de inmigrantes.