18.11.06

Patrimonio dixital


Hai días Cartafol de Gardalivros propuña, poñendo como exemplos experiencias que se están a desenvolver noutros países como Cataluña (Padicat) (Cataluña) ou Australia (Pandora), que “o Centro Superior Bibliográfico ou algunha outra institución cultural galega asuma a responsabilidade de preservar o patrimonio dixital galego tendo en conta que estamos na xeira primixenia e que se están a perder, sen dúvida, moitas achegas de produción dixital de noso. Xa aconteceu coa perda de non poucas publicacións periódicas en papel editadas por asociacións e outros colectivos nas vilas e cidade (...)”.

O pasado xoves, coincidindo co
relanzamento da campaña do PuntoGal, lía no seu web que “a Fundación PuntCat asinou un convenio coa Biblioteca de Catalunya para colaborar na elaboración do depósito Patrimonio Dixital de Catalunya (PADICAT), un proxecto que pretende recoller, almacenar e preservar toda a producción cultural, científica e xeral elaborada en formato dixital creada en Catalunya ou que teña un interese prioritario para o país”.

Noutras palabras, que é o momento idóneo para subscribir e apoiar a iniciativa de
Cartafol de Gardalivros e de facerlla chegar ás direccións xerais de Creación e Difusión Cultural e de Promoción Industrial e Sociedade da Información.



E se o problema é de financiamento, pois ao mellor é cuestión de pensar en racionalizar custes nalgún que outro gasto de produción.