Ao fío do que comentaba estoutro día sobre a non inclusión do compromiso coa lingua do país no anteproxecto de Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa que promove a Vicepresidencia da Xunta, recomendo ler Guia de la Responsabilitat Social empresarial a les Pimes, nomeadamente o capítulo dedicado á RSC coa comunidade, elaborada a mediados de 2005 pola patronal catalá CECOT. Para que vos fagades unha idea de por onde vai, ademais de convidarvos a reparar no dominio, reproduzo un anaco do limiar:
Moitas grandes empresas, especialmente aquelas que se dirixen a mercados de consumo masivo, avanzaron substancialmente na introdución de conceptos avanzados de "Responsabilidade Social Corporativa da Empresa", (RSE ou RSC, segundo distintos expertos) nos seus modelos de goberno corporativo e dirección estratéxica, entre os que ocupa un lugar primordial o chamado "marketing social" ou "marketing con causa". Os autores máis avanzados falan do concepto de "Reputación Corporativa", e até de "Capital Reputativo da empresa" dando a entender que no futuro próximo as empresas que invistan nestes aspectos poden chegar a ter unha mellor cotización bursátil respecto de as súas competidores. (...,)
Neste contexto, nos dous últimos anos empezouse a falar con certa intensidade sobre a aplicación destes conceptos nas pequenas e medianas empresas.
Os axentes sociais e económicos máis representativos están actuando co fin de analizar a forma na que estes conceptos poden aplicarse en empresas que dispoñen de moitos menos recursos así como dunha menor "visibilidade" social. A patronal catalá de pemes, Cecot, que desde hai máis de 20 anos liderou a innovación en Cataluña, desenvolveu o seu propio modelo conceptual que permite achegar as formulacións da RSE á realidade da peme nesta comunidade autónoma e, por extensión, ao resto de España. (...)
O primeiro principio do modelo de Responsabilidade Social da peme de Cecot é que a responsabilidade social fundamental destas empresas é alcanzar a excelencia competitiva que lles permita manterse no mercado no que compiten e alcanzar a súa dimensión óptima a longo prazo. (...)
O segundo principio no que Cecot sustenta o seu modelo é que, para que a peme poida ser considerada socialmente responsable na contorna actual é necesario, ademais, que desenvolva a súa actividade adoptando a ética empresarial como valor básico. (...)
Os factores esenciais dun comportamento proactivo desde un punto de vista social son:
- A implicación activa na resolución de problemas e/ou en mellora de situacións de tipo social, cultural, educativo e medioambiental, máis aló das obrigacións legais existentes.
- A interiorización na organización da responsabilidade social mediante políticas activas de actuación: igualdade de oportunidades, non discriminación por razón de sexo, idade, raza ou relixión, etc.”
CODA 2. Outravolta, grazas a S. por exercer de mecanógrafa.