Coa mesma teimosía coa que vimos denunciando que se exclúe ao galego do Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa, dende Vicepresidencia encárganse de confirmárnolo. Nunha recentísima intervención, Antón Losada fixo referenza “aos importantes desafíos sociais que existen na actualidade, como é o caso do envellecemento da poboación, a desigualdade no acceso ao mercado laboral e a dificultade na conciliación da vida familiar e laboral. Segundo apuntou, os gobernos deben poñer á disposición da sociedade todos os instrumentos oportunos para actuar sobre estes fenómenos sociais, actuar a modo de habilitadores de oportunidades, integrando as partes, sumando partidarios á nosa causa, que neste caso é a causa da igualdade e do benestar”.
Como para Losada o avance do uso da nosa lingua no ámbito da empresa non semella constituír ningunha prioridade ou ningún desafío digno de incorporar ao Acordo polo fomento da RSE, a ver se, por exemplo, dende o campo das organizacións sindicais lles chega algunha mensaxe na liña de sumar partidarios á causa do galego.