“Jorquera esclareceu que os membros nacionalistas do Goberno galego expresaron o seu criterio favorábel a modificar o formato dos actos institucionais do 25 de Xullo, para que estes non reflictan, como veu acontecendo historicamente, “o submetimento do poder civil ao relixioso (...) Os nacionalistas non irán á Oferenda ao Apóstol porque é un acto caduco que simboliza unha idea fechada da unidade de España”
Alégrame un montón que o “cambio galego” se traduza en acenos coma estes –aos que temos memoria histórica aínda non se nos foron da retina as imaxes de Encarna Otero vestida de muradana antes de cambiar de “look” e ir para a Quintana; de Nestor Rego e demais membros do grupo municipal con chaqué tamén na oferenda ao apóstolo; de Lois Castrillo na procesión do Cristo da Vitoria; de Xaime Bello “alcalde de todos” en actos nos que a súa presenza era máis que discutíbel ou de Quintana nalgún que outro acto eclesiástico con claro significado político- pero me alegraría moito máis se non fora unha medida de “consumo interno” (andan os tempos revoltos. Polo que se le na Rede, non gustou o termo "carácter nacional" que aparece no acordo subscrito co PSOE polo tema do Estatuto; as contornas de Beiras e Camilo publican documentos críticos; hai mambo na U e cada vez son máis as voces que se laian de que o labor político xire só ao redor das accións de goberno) e si unha decisión a aplicar con coherencia.
De ser así, xa se tería adoptado e non se participaría na recente visita de El-Rei a Galiza. Conste que non falo de máximos, e si de mínimos porque unha cousa é a cortesía institucional e outra perder o norde. Como mostra disto último, varios dos actos da visita “real” contaron coa presenza Quintana cando non perdía nada indo alí e deixando que Touriño levase todo o protagonismo que, polo demais, así foi. E do que pasou en Ferrol pois xa non digamos. Por se non abondara co voceiro do grupo municipal, alí estaban tódolos concelleiros do BNG e mesmo, na recepción en “capitanía”, o delegado provincial da Consellería de Industria e membro da executiva do Bloque.