25.7.06

Na véspera do Día da Patria

Á tardiña, aproveitando que quedara S. para mirar uns temas pendentes, achegámonos. ao Parque Líneal do Río Cádavo, á zona onde está a escultura “Día da Patria Galega”. Ollo! Non é a mesma que aparece na imaxe que encabeza o texto. Esa é a do “Ano da Memoria” e está en San Valentín.

Era a primeira vez que S. participaba nalgo relativo ao “Día da Patria” así que me sentín “abuelito cebolleta”.

O caso é que xa na escultura do “Día da Patria” asistimos ao acto institucional que comezou aos acordes da “Marcha do antigo Reino de Galiza” e continuou coa intervención do alcalde:

“Amigas e amigos,

Un ano máis, a corporación que presido conmemorou o “Día de Galicia”, a data simbólica na que reafirmamos a nosa identidade nacional, cunha programación que se vertebrou sobre catro eixes:

A posta en valor das diferentes manifestacións da vizosidade da nosa cultura mediante a organización dun ciclo de concertos que abrangueu dende a chamada música étnica ás habaneiras pasando polas novas manifestacións da cultura urbana en forma de rap e hi-hop.

A difusión da bandeira azul e branca, da nosa bandeira, que dende principios da semana engalana as rúas, edificios públicos e casas particulares.

A recuperación da memoria histórica, coa edición e distribución da publicación que hoxe presentamos, un libro dedicado ao 70º aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza de 1936 e no que diferentes autores contextualizan este Estatuto como expresión das arelas de autogoberno dos nosos devanceiros e antecedente do Estatuto de Nación que se está a debater no Parlamento de Galicia.

O acto de hoxe, co que poñemos fin ao ciclo e no que nos reunimos aquí, ao redor do monumento ao “Día da Patria Galega” para expersar o orgullo de sermos galegos e dar lectura á declaración institucional, da autoría da escritora Rosa Aneiros, A nosa patria é a memoria e que di:”

Tras cantar o “Himno Galego” dirixímonos á Casa do Concello onde nos agasallaron cunha bandeira galega e un libro conmemorativo do 70 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza e no que colaboran, entre outros, Xosé Manuel Beiras, Lourenzo Fernández Prieto, Carlos Aymerich, María Xosé Rodríguez Galdo e Beatriz Sestayo.

Ao rematar, comentáballe a S. que durante moitos anos os partidos estatais eran os únicos que reivindicaban o Estatuto de Autonomía de 1936 mentres un sector moi importante do nacionalismo eramos moi críticos tanto co texto en cuestión coma coas reivindicacións autonomistas. Autodeterminación e estado confederal formaban parte do noso discurso político.