27.7.06

Lingua, Fenosa, Xunta e software libre

Unha das noticias do día é o anuncio da creación na Coruña, da man de Fenosa, dunha fábrica de software que dará emprego a unhas 335 persoas segundo a Xunta e 350 segundo “La Voz de Galicia”. Trátase dunha iniciativa impulsada pola propia Xunta de Galicia quen, ademais, será o principal cliente mediante a sinatura dun convenio para que desenvolva aplicacións orientadas “a modernización administrativa e a implantación da administración electrónica”. A empresa comezará a súa andaina co desenvolvemento de tres grandes proxectos para a propia Xunta: “o sistema integrado de información do Centro de Atención de Emerxencias 112 de Galicia; a evolución da historia clínica electrónica-IANUS; e a identificación de novos canais de relación co cidadán”. Ante estas informacións xorden, de entrada, algunha que outra interrogante:

- Cando na declaración de intencións da nova fábrica falan de “proxecto de país” e que “esta iniciativa se enmarca nun proceso de localización que constitúe un exercicio de responsabilidade, ao impulsar o sector das tecnoloxías da información xunto ao tecido industrial español”, refírense tamén á “localización da lingua”; isto é, ao desenvolvemento de aplicacións en galego?

- Na mesma xornada en que Estremadura dá o paso e o Consello da Xunta aproba que tódolos departamentos do goberno están obrigados a utilizar estándares abertos, a pregunta inmediata cae polo seu propio pé: os proxectos que a Fábrica de Software de Fenosa vai desenvolver para a Xunta de Galicia serán abertos ou software propietario?

- De tratarse de software propietario, como encaixa esta medida co “pulo do software libre” que figura na páxina 20 do “Contrato-programa do goberno bipartito”?

En fin, que benvidas sexan as empresas tecnolóxicas, marabilloso que xeren emprego cualificado e poñan couto á emigración de persoas moi preparadas pero, se ademais é para crear software en galego e as empresas fan negocio ao redor da lingua e dos servizos relacionados cos estándares abertos, mel sobre filloas.