8.8.06

Lectura recomendábel


Ante unha situación como a que estamos vivindo, mellor reflexionar que deixarnos levar. Dende as páxinas do portal Cultura Galega podemos descargar gratuitamente o libro “Os incendios forestais en Galicia”, unha publicación de lectura máis que recomendábel nestes días e na que se recollen as opinións dos sectores implicados reunidos en Compostela a finais de 2005 para analizar a problemática dos incendios forestais en Galicia e buscarlle solucións. Inclúe un relatorio do Director Xeral de Montes e Industrias Forestais, Alberte Blanco Casal, titulado “Unha nova política galega na loita contra os incendios forestais”.

Aniversario


O vindeiro 12 de agosto cúmprense 25 anos dende que IBM presentou publicamente o primeiro PC, o modelo 5150. Con motivo desta efeméride, ‘El País’ publica unha interesante reportaxe co título “La máquina que nos cambió la vida”.

7.8.06

A nova do día para Vicepresidencia

Tres persoas mortas, medio cento de lumes que seguen sen control neste verán cunha vaga de lumes forestais que non se acorda dende hai 17 anos. Ás 17:44 de hoxe, 7 de agosto, sabedes cal é a nova do día na páxina web da Vicepresidencia? Efectivamente, a que aparece na captura de pantalla; isto é, “Anxo Quintana felicita a Oscar Pereiro pola súa elegancia e deportividade”. Sexa quen sexa quen a ‘colgou’ e non foi quen de reaccionar nestes días, dá nivel :-(

Non pode ser


Que arda Galiza co implica en termos ecolóxicos, económicos, sociais…. e o BNG, organización nacionalista que ten na defensa do país unha das súas principais razóns de ser e , a maior abondamento, conforma o Goberno galego no que ademais exerce responsabilidades directas na materia, demorara tanto en manifestarse publicamente sobre o tema e en apoiar ao Conselleiro (ás 10:38 do luns, 7 de agosto o seu web abría, tal e como se reflicte na captura de pantalla que ilustra este comentario, cunhas declaracións de Jorquera sobre ‘a capacidade de interlocución do BNG',) e máis cando o PP e algúns editoriais aproveitan a conxuntura para cuestionar o labor da Consellaría ou para botar man das hemerotecas e facer escolma de ‘boutades’ que mellor sería pensalas antes de ‘largalas’.

P.S.1.-Pregunta retórica: Quintana está de vacacións? Se está (quero crer que si e que a felicitación a Oscar Pereiro que lle atribúen en La Voz de Galicia de onte é un texto de arquivo ou a resposta para saír do paso dalgún dos seus asesores), nada que dicir. Se non está, falaremos do tema noutro ‘post’.
P.S.2.- Moi clarificador o artigo de Barreiro Rivas "Los mitos del fuego también se queman".

6.8.06

O tempo pasa


Creo que escoitei falar del por primeira vez no curso 1976-1977 e poucos días despois tiven a oportunidade de asistir ao concerto que, xunto con Silvio Rodríguez, deron na Coruña, no salón de actos do colexio dos Salesianos. Hoxe actúa en Ferrol. Non sei cal vai ser o repertorio pero vou coa esperanza de volverlle escoitar esas cancións que fun asociando a anacos da miña vida: ‘Años’, ‘Yolanda’, ‘El breve espacio en que no estás’, ‘Havemos de voltar’……. E tamén, con certa curiosidade por se fala do Comandante.

5.8.06

Arde Galiza co lume forestal


Caéme a alma aos pés vendo as imaxes destes días. Non obstante, constato que hai unha Consellería, a de Medio Rural, con equipo, proxecto e un traballo que, sen saír tanto na prensa coma outr@s, si que o perciben os axentes sociais, xa está dando resultados e vai dar maiores froitos. Aquí si que cómpre ter paciencia e confianza porque, como dicía Suárez Canal, van ser quen de lle cambiar a letra á canción dos Resentidos.

3.8.06

Ferrol, Gwendal, “Rainbow Warrior” e lixo radioactivo


Esta noite actúa Gwendal en Ferrol. Para min, non é un concerto máis. Se a memoria non me falla, volven despois de 26 anos. No verán de 1980 tocaban no Parque Municipal, nun concerto que dedicaron aos activistas de Greenpeace. Había un par de meses que a Armada Española apreixara ao “Rainbow Warrior”, barco da organización ecoloxista que neses momentos participaba nunha das primeiras campañas –dende aquí, as do ‘Xurelo’, ‘Arousa I’....- contra os vertidos radioactivos na Foxa Atlántica. A actuación de Gwendal converteuse en toda unha manifestación a prol da liberdade do barco e dos seus tripulantes.

Naqueles meses nos que o barco estivo detido, Ferrolterra baleirouse para apoiar á xente de Geenpeace. Deste xeito, nunha noite de novembro conseguiuse meter e armar no barco as pezas que lle retirara a Mariña para inmobilizalo. Para "deshonra" da Armada Española, o “Guerreiro do Arco da Vella” foi quen de prender os seus motores e conseguir fuxir do porto militar de Ferrol.

Vinte anos despois, daquela formación de Gwendal só queda un dos seus membros, é o meu fillo e os seus amigos quen van ir ao concerto -ante a coincidencia prefiro ver Nova Galega de Danza- aínda que, como hai 20 anos, o lixo radioactivo volve a ameazarnos.

2.8.06

Garzón


Non hai moitos días lía que o Tribunal Supremo tiraba por terra unha sentencia da Audiencia Nacional na que condenaban a 6 anos de cárcere a unha persoa que agora sae en liberdade. O Supremo anula a sentencia en base, entre outros, aos seguintes argumentos:"La lectura serena del extenso resumen [da declaración do acusado], en modo alguno es compatible con la motivación que se encuentra en la sentencia en apoyo de la condena". El tribunal sentenciador efectuó una interpretación de la declaración en términos que no permite la propia declaración efectuada [e engade e precisa] (...), en la valoración se aprecian "errores de interpretación y omisiones importantes", Como na prensa dese día non aparecía o nome do xuíz da Audiencia Nacional que instruíra o caso e ao que o Supremo lle tiraba das orellas, acabamos apostando, T. dicía que Marlaska e eu que Garzón.

Tivemos que agardar unha semana para que os medios publicaran o seu nome pero ao final gañei eu. O instrutor do sumario non era outro que Garzón, o mesmo ‘xuíz estrela’ que hai un mes ameazaba con querelarse contra un dos grupos participantes no Festival Benicàssim 2006 se “non cesaban nos actos que constitúen unha intromisión na súa imaxe”.

E falando de Garzón, estes días deume por ler La conspiración. Miña nai! O que del di José Amedo! Como mostra, e por se non queres abrir o PDF, un par de parágrafos:

"El juez le indicó que estaría dispuesto inicialmente a solucionar su problema si contaba todo lo que sabía. Michel le dio las claves del secuestro [de Segundo Marey], no las pruebas. En ese momento Garzón los hizo salir del despacho para realizar una llamada telefónica. Eran las siete de la tarde. Veinte minutos más tarde volvieron a entrar en el despacho y Garzón les dijo que ya no había que decir nada, porque iba en las listas electorales de Madrid por el PSOE y que sería el próximo ministro del Interior. Él se encargaría personalmente de solucionar la situación desde su nuevo destino. Finalmente, les encargó que dijesen a Amedo que siguiese callado".

“NAVIDADES 2004. Amedo cuenta cómo Garzón, que regresa al juzgado tras dimitir del Gobierno socialista, le amenaza con meter en la cárcel a su mujer si no implica a la cúpula de Interior”.

Non me estraña que Leguina escriba o que escribe ou que Guerra e outros deputados do PSOE solicitaran da fiscalía que investigue as acusacións de Amedo porque “Unha de dúas: ou é verdade o que conta o libro ou é mentira. No primeiro caso, habería que actuar contra o suposto autor dos delitos de prevaricación, malversación de fondos públicos, coaccións, amezas ou falsidade en documento público. Pola contra, se o que Amedo narra no libro é falso, habería que perseguir e castigar as gravísimas calumnias contra Garzón”.

Por máis que mirei nas hemerotecas e no Google, non me consta que nin que a fiscalía investigara, nin que Garzón, tan preocupado pola súa imaxe, se querelara contra Amedo. Quen si se querelou foi Txema Montero ao que, como di Iñaki Anasagasti, “Amedo dedica un capítulo narrando del estrañas vivencias”.

1.8.06

Anótao na axenda


De non xurdir imprevistos, Jordi Mas, coordinador xeral de Softcatalá, estará o xoves 28 de setembro ás 20 h. na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela para presentar a edición en galego do seu libro Software libre. Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto. No acto tamén intervirán Tucho Calvo, director literario de Biblos Clube de Lectores, e Javier García Tobío, director do CESGA. Se non coincidimos antes, vémonos na presentación.

31.7.06

Software libre e xestión de “bancos de tempo”



O concello murciano de San Javier promove Bancodeltiempo.org, un espazo que ten como obxectivo proporcionar ferramentas para a xestión de proxectos de economía social.

Con esta filosofía procederon a adaptar e localizar en español o programa Cyclos, unha ferramenta de código aberto que facilita a posta en marcha e a xestión de “bancos de tempo”.

Cyclos, que xa vai pola súa versión 2.2 en español, pode conseguirse gratuitamente –antes hai que estar rexistrado aínda que o rexistro é de balde- na zona de descargas de Bancodeltiempo.org onde tamén poderemos obter os correspondentes manuais do usuario e do administrador do sistema.

A versión en galego de Cyclos? Pois unha fronte máis na que traballar :-)

30.7.06

No és això companys, companys, no és això

Curiosa asociación a miña. Foi ver a fotografía nos xornais e acordar das cancións de Raimon e Llach así como do vídeo que montaron con esta última como banda sonora.

Rematou "Verán máis alá'2006".


A Olga "Sin Chan", Iolanda "Bamban", Sechu, Paula, Amador "Dorfun",

Uxía e Xabi "H. Potter" que comezaron nesta andaina. Tamén a Javier, Marga,

David, Sonia, Cris "Toxo", María "Tarifa", Diana, Montse, Dulce, Iria... que seguiron o camiño.

Van catro anos dende que as Fenemaixes aterraron en Fene para se converter no fío condutor dun proxecto, “Verán máis alá!”, que en galego e dende o galego congrega, nas estupendas instalacións e contorna do CEIP O Ramo de Barallobre, a nenos e nenas de 3 a 12 anos nun espazo de convivencia e aprendizaxe lúdica no que compartir, coñecer outras culturas, xogar coa imaxinación, utilizar os sentidos, educar en valores…..

O pasado venres, 28 de xullo, remataba a cuarta edición deste campo lingüístico cunha nova xornada de convivencia que desta volta tivo lugar na zona do Río de Va e no xardín botánico da Sociedade “O Pote” de Maniños. Axiña haberá que poñerse a facer balance de cara preparar o de 2007. De entrada hai algo no que coincidiamos moitos dos implicados: é unha mágoa que esta actividade non teña carácter comarcal. Os impedimentos? A priori os ‘protagonismos” de técnicos e políticos ou de políticos e técnicos, que neste caso tanto ten.

29.7.06

Deporte e "cambio galego"

Unha das áreas nas que máis me está decepcionando o labor do goberno bipartito é a Dirección Xeral para o Deporte. Á marxe da miña opinión sobre a continuidade da maior parte do equipo do goberno anterior, a percepción persoal do traballo que desenvolven é que centran a maior parte dos seus esforzos en convocar ‘seleccións galegas’ (con criterios e fallos na organización dos encontros dificilmente xustificábeis), na creación dun máis que discutíbel equipo profesional de ciclismo e na representación coa presenza de Santiago Domínguez en todo tipo de eventos mentres esquecen, ou deixan nun terceiro plano, o deseño dunha política deportiva para o pais (deporte escolar, colaboración cos concellos para o acceso da poboación á práctica físico-deportiva, construción e equipamento de instalacións deportivas, normativa sobre a seguridade nas instalacións, deporte para todos…..).

Instalado nese escepticismo leo que o Consello da Xunta do xoves, 27 de xullo, aprobou a subscrición de convenios de colaboración entre a Consellería de Cultura e Deporte e diferentes federacións deportivas (fútbol, piragüismo, vela, remo, tenis….) co fin de coadxudar aos seus gastos ordinarios e para a fixación, de común acordo, dun programa de actividades de promoción e desenvolvemento das respectivas modalidades deportivas. Descoñezo se xa redactaron os convenios (aínda non está operativo o "Rexistro público de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia") pero, por se non o fixeron, suxiro que inclúan cláusulas que comprometan ás federacións ao uso normal do galego nas súas actuacións. Fago fincapé neste extremo para facer realidade o de “poñer a lingua na cabeceira e vangarda de todas e cada unha das nosas actuacións” e que non se volvan repetir situacións como as que recentemente viveu un árbitro de fútbol (non si, J.?), que tivo algún que outro problema no Colexio de Árbitros (organismo federativo) por cubrir na lingua propia de Galiza a acta dunha competición de ámbito galego.

28.7.06

E Paleón resucitou :-)

De feito, nunca estivo durmido. Sei que andou en mil e unhas batallas asociativas. Con todo, é unha gozada que volva abrir a súa bitácora.

Bancos de tempo e voluntariado lingüístico

Estoutro día Calidonia en Suxa e vella cidade norteña reflexionaba sobre a situación económica de Ferrolterra. Dende raiba e impotencia compartidas, por formación ou deformación profesional, hai tempo que unha das miñas preocupacións recorrentes é a procura de alternativas para eses centos de persoas que afrontan a realidade da prexubilación sen máis perspectiva que exercer de IBM (i-veme-á-tenda-a-mercar……), mirar obras, ocupar bares ou xogar nas tragaperras.

Interesándome por posíbeis alternativas para encher o tempo de lecer deste sector da poboación , nas máis das veces altamente cualificados, e na procura de vías de achegamento ao colectivo de inmigrantes souben dos chamados “bancos do tempo”, unha experiencia que puxeron en marcha hai 14 anos os sindicatos de pensionistas da CGIL de Parma e que cando menos nesta zona está por experimentar.

Esta iniciativa que procura romper o illamento e crear novos espazo para compartir, cooperar e sermos solidarios a través do intercambio de tempo e habelencias, abre unha nova perspectiva de traballo tamén para os servizos lingüísticos. A iso ando dándolle voltas, á integración dos labores propios do que coñecemos como voluntariado lingüístico nos intercambios dos bancos do tempo. Aínda está algo verde pero, como lle dicía a IV, pronto haberá unha nova entrega de “A Factoría de Producións Inútiles S+qL”. Claro que antes teño que rematar a reseña do libro de JM.

27.7.06

En Bonaval


Aquí si que estaba Wally :-)

Lingua, Fenosa, Xunta e software libre

Unha das noticias do día é o anuncio da creación na Coruña, da man de Fenosa, dunha fábrica de software que dará emprego a unhas 335 persoas segundo a Xunta e 350 segundo “La Voz de Galicia”. Trátase dunha iniciativa impulsada pola propia Xunta de Galicia quen, ademais, será o principal cliente mediante a sinatura dun convenio para que desenvolva aplicacións orientadas “a modernización administrativa e a implantación da administración electrónica”. A empresa comezará a súa andaina co desenvolvemento de tres grandes proxectos para a propia Xunta: “o sistema integrado de información do Centro de Atención de Emerxencias 112 de Galicia; a evolución da historia clínica electrónica-IANUS; e a identificación de novos canais de relación co cidadán”. Ante estas informacións xorden, de entrada, algunha que outra interrogante:

- Cando na declaración de intencións da nova fábrica falan de “proxecto de país” e que “esta iniciativa se enmarca nun proceso de localización que constitúe un exercicio de responsabilidade, ao impulsar o sector das tecnoloxías da información xunto ao tecido industrial español”, refírense tamén á “localización da lingua”; isto é, ao desenvolvemento de aplicacións en galego?

- Na mesma xornada en que Estremadura dá o paso e o Consello da Xunta aproba que tódolos departamentos do goberno están obrigados a utilizar estándares abertos, a pregunta inmediata cae polo seu propio pé: os proxectos que a Fábrica de Software de Fenosa vai desenvolver para a Xunta de Galicia serán abertos ou software propietario?

- De tratarse de software propietario, como encaixa esta medida co “pulo do software libre” que figura na páxina 20 do “Contrato-programa do goberno bipartito”?

En fin, que benvidas sexan as empresas tecnolóxicas, marabilloso que xeren emprego cualificado e poñan couto á emigración de persoas moi preparadas pero, se ademais é para crear software en galego e as empresas fan negocio ao redor da lingua e dos servizos relacionados cos estándares abertos, mel sobre filloas.

26.7.06

Abúrrenme



Abúrrenme os discursos de Quin incluído o de onte na Quintana. Dáme a sensación que leo un mal folleto de autopropaganda ou escoito unha sucesión de xaculatorias, de frases feitas -que ademais son case sempre as mesmas: “estatuto de nación”, “liga das nacións”, “estatuto de primeira”, “cambio galego”, “revolución tranquila”.......- entoadas a xeito de invocación e con excesiva conxugación da primeira persoa.

Preocúpanme a reiteración balances de xestión –por certo, pobres e pouco autocríticos- mentres falla de análise política, tanto da acción de goberno coma da inacción da organización.

Préndeseme sinais de alarma ao comprobar como se dilúe o discurso político, como perdemos identidade como nacionalistas mentres outros entran a pescar nese campo. Estamos competindo nun terreo que non é o noso e iso é algo que se vai seguir pagando. Verémolo nas municipais.

Cervexas, anuncios e vídeos

Encántame o anuncio do 130 aniversario de Estrella Damm. Gústame o spot en si e, sobre todo, a versión que fai Gladston Galliza do clásico “Whatever you want” dos Status Quo.

E falando de música, gocei como un anano vendo un clip no que Llach, Maria del Mar Bonet e Marina Rosell cantan xuntos o “Cant de l'enyor” e, xa en plan máis golfo, o vídeo no que “aparecen” “Llach” e “Carod” pedindo o voto non ao Estatut ao ritmo de El Koala.

25.7.06

Segundo caso de racismo na hostalería de Ferrolterra?


Hai uns meses nun coñecido establecemento hostaleiro de Narón prohibíanlle a entrada a unha persoa por ser xitana. A pasada fin de semana parece que a historia volveu repetirse, nesta ocasión cunha colombiana. Segundo Dora, que así se chama a rapaza da foto, non a deixaron acceder ao Cotton Club. O motivo? “Porque eres negra y por tu vestimenta”.

Titoriais de OpenOffice en galego

Leo en Mancomún que grazas ao traballo de Inestable podemos dispoñer en galego de manuais de introdución ao OpenOffice. Descargueinos e abofé que pagan a pena. Son, sen lugar a dúbidas, unha ferramenta moi útil para, por exemplo, que alguén os edite en papel xunto co CD do paquete ofimático ou organizar cursos de OpenOffice en aulas informáticas e telecentros.

Estaba Manolo González?



Á marxe da oportunidade, sentido e lugar da presentación –temas que darían para varios ‘posts’-, como non me acheguei ao Festigal só podo opinar a partir do publicado en Codigo Cero. Baseándome nesa información, un par de reflexións:

  • Por máis que teña certa coherencia coa súa ocupadísima traxectoria, chama a atención que despois de figurar nos “carteis” e aparecer anunciado na súa condición de presidente da Asociación Punto Gal ten toda a pinta que Manolo González non interveu no acto. Creo que era Quintín Cabrera quen cantaba “que vida más diferente/la suya y la mía/señor presidente”.
  • Hai un ano, máis ou menos polas mesmas datas, aprobaban o dominio.cat e Jordi Mas, coordinador xeral de Sotcatalá publicaba na súa bitácora unhas anotacións que, sen ser aplicábeis mimeticamente á realidade galega, pois como que cómpre ter en conta para facer as cousas mellor ca eles. Para quen non queira andar de ligazón en ligazón, aí van: “S'ha aprovat el PuntCat. S'ha de felicitar als impulsors ja sense dubte ha estat un gran esforç. També recordar la reclamació original de l'Associació Domini CT i tota la tasca que es va fer durant anys. Gràcies a tots per la feina i esforç. Dit això, cal demanar a PuntCat:Transparència. Fins ara el PuntCat ha rebut ajuts del govern que s'han gestionat de forma dubtosa. És un error pensar que la fi justifica els mitjans. El director executiu actual en Amadeu Abril fa un any en va dir que farien públiques els comptes. Crec que és necessari actuar amb transparència ja que s'està treballant amb diners públics i amb una quantitat considerable. Una bona gestió. Crec que tots tenim present el que ha succeït amb altres dominis propers, sense anar més lluny la mala gestió que s'ha fet del domini ES. Aprenguem dels errors d'altres.S'apropen dies on el català i la Xarxa seran notícia. Sentirem gent que confonen la situació del català a les noves tecnologies amb el domini .CAT. El català continua tenint una presència precària a molts àmbits de les noves tecnologies (telefonia mòbil, vídeojocs, DVD, etc) i a Internet estem millor però tampoc és cap meravella. Crec que és un error fer discursos triomfalistes sobre la situació del català i cal ser realistes d'on som”.

Na véspera do Día da Patria

Á tardiña, aproveitando que quedara S. para mirar uns temas pendentes, achegámonos. ao Parque Líneal do Río Cádavo, á zona onde está a escultura “Día da Patria Galega”. Ollo! Non é a mesma que aparece na imaxe que encabeza o texto. Esa é a do “Ano da Memoria” e está en San Valentín.

Era a primeira vez que S. participaba nalgo relativo ao “Día da Patria” así que me sentín “abuelito cebolleta”.

O caso é que xa na escultura do “Día da Patria” asistimos ao acto institucional que comezou aos acordes da “Marcha do antigo Reino de Galiza” e continuou coa intervención do alcalde:

“Amigas e amigos,

Un ano máis, a corporación que presido conmemorou o “Día de Galicia”, a data simbólica na que reafirmamos a nosa identidade nacional, cunha programación que se vertebrou sobre catro eixes:

A posta en valor das diferentes manifestacións da vizosidade da nosa cultura mediante a organización dun ciclo de concertos que abrangueu dende a chamada música étnica ás habaneiras pasando polas novas manifestacións da cultura urbana en forma de rap e hi-hop.

A difusión da bandeira azul e branca, da nosa bandeira, que dende principios da semana engalana as rúas, edificios públicos e casas particulares.

A recuperación da memoria histórica, coa edición e distribución da publicación que hoxe presentamos, un libro dedicado ao 70º aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza de 1936 e no que diferentes autores contextualizan este Estatuto como expresión das arelas de autogoberno dos nosos devanceiros e antecedente do Estatuto de Nación que se está a debater no Parlamento de Galicia.

O acto de hoxe, co que poñemos fin ao ciclo e no que nos reunimos aquí, ao redor do monumento ao “Día da Patria Galega” para expersar o orgullo de sermos galegos e dar lectura á declaración institucional, da autoría da escritora Rosa Aneiros, A nosa patria é a memoria e que di:”

Tras cantar o “Himno Galego” dirixímonos á Casa do Concello onde nos agasallaron cunha bandeira galega e un libro conmemorativo do 70 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza e no que colaboran, entre outros, Xosé Manuel Beiras, Lourenzo Fernández Prieto, Carlos Aymerich, María Xosé Rodríguez Galdo e Beatriz Sestayo.

Ao rematar, comentáballe a S. que durante moitos anos os partidos estatais eran os únicos que reivindicaban o Estatuto de Autonomía de 1936 mentres un sector moi importante do nacionalismo eramos moi críticos tanto co texto en cuestión coma coas reivindicacións autonomistas. Autodeterminación e estado confederal formaban parte do noso discurso político.


24.7.06

De oferendas, visitas reais e criterios

Jorquera esclareceu que os membros nacionalistas do Goberno galego expresaron o seu criterio favorábel a modificar o formato dos actos institucionais do 25 de Xullo, para que estes non reflictan, como veu acontecendo historicamente, “o submetimento do poder civil ao relixioso (...) Os nacionalistas non irán á Oferenda ao Apóstol porque é un acto caduco que simboliza unha idea fechada da unidade de España”

Alégrame un montón que o “cambio galego” se traduza en acenos coma estes –aos que temos memoria histórica aínda non se nos foron da retina as imaxes de Encarna Otero vestida de muradana antes de cambiar de “look” e ir para a Quintana; de Nestor Rego e demais membros do grupo municipal con chaqué tamén na oferenda ao apóstolo; de Lois Castrillo na procesión do Cristo da Vitoria; de Xaime Bello “alcalde de todos” en actos nos que a súa presenza era máis que discutíbel ou de Quintana nalgún que outro acto eclesiástico con claro significado político- pero me alegraría moito máis se non fora unha medida de “consumo interno” (andan os tempos revoltos. Polo que se le na Rede, non gustou o termo "carácter nacional" que aparece no acordo subscrito co PSOE polo tema do Estatuto; as contornas de Beiras e Camilo publican documentos críticos; hai mambo na U e cada vez son máis as voces que se laian de que o labor político xire só ao redor das accións de goberno) e si unha decisión a aplicar con coherencia.

De ser así, xa se tería adoptado e non se participaría na recente visita de El-Rei a Galiza. Conste que non falo de máximos, e si de mínimos porque unha cousa é a cortesía institucional e outra perder o norde. Como mostra disto último, varios dos actos da visita “real” contaron coa presenza Quintana cando non perdía nada indo alí e deixando que Touriño levase todo o protagonismo que, polo demais, así foi. E do que pasou en Ferrol pois xa non digamos. Por se non abondara co voceiro do grupo municipal, alí estaban tódolos concelleiros do BNG e mesmo, na recepción en “capitanía”, o delegado provincial da Consellería de Industria e membro da executiva do Bloque.

23.7.06

Software libre. Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto



Editado por Biblos, Clube de Lectores, a finais de setembro sairá do prelo cunha tiraxe de 1200 exemplares a versión en galego do libro Software libre. Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto, da autoría de Jordi Mas i Hernàndez, coordinador xeral de Softcatalá. Trátase dunha publicación divulgativa que a longo de 8 capítulos e 3 apéndices nos achega aos conceptos básicos do software libre converténdose nunha guía de referencia para quen queira coñecer e adentrarse neste movemento. A tradución ao galego correu por conta de Ana Salgado e Daniel Romero, quen tamén de encargou de xestionar e coordinar a edición.

21.7.06

Conversa (2). Política lingüística


- Liches a entrevista que lle fan a Quintana en A Nosa Terra?
-
Non. Que di?
-
Textualmente: “(...) Temos un compromiso ineludíbel coa nosa lingua e coa súa normalización. Para nós é unha cuestión clave e pensamos que ten que ser un esforzo común de todo o Goberno, poñendo ese obxectivo na cabeceira e vangarda de todas e cada unha das nosas actuacións”

- Pois xa se podía aplicar o conto e poñer a lingua, xa non na cabeceira, pero si no texto do Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa ou á hora de garantir que en tódalas escolas infantís de 0-3 anos, con independencia de que formen parte da rede de galescolas ou non, se garanta haxa oferta educativa en galego para os nenos galegofalantes e que os castelanfalantes reciban cando menos un terzo dos contidos en lingua galega.

Conversa (1): Non á guerra!


- Coñeces un exemplo recente que amose a "parálise permanente" da organización?
- Que ante a situación de Oriente Próximo ten por toda reacción a lectura dunha declaración institucional na súa sede.
-
Non desesperes, que algunha consigna haberá na manifestación do “Día da Patria”.

20.7.06

Da mesma medicina

Leo en Vieiros “Críticas á publicación da análise do clima social de Galiza. O novo inquérito da Xunta abre fenda entre os partidos”.

Entendo a reacción do PP. O que xa me custa máis é saber a que andan no BNG. A fin de contas, o PSOE non fai máis que aplicar a mesma medicina que, con outros obxectivos pero dun xeito tan pouco rigoroso, hai uns meses utilizaba Losada.

E ollo porque creo que non é o único caso. Chegoume a noticia que a proposta de estatutos para o consorcio que promoven dende Política Lingüística provocou un fondo malestar no seo de determinados sectores do BNG, máis grande aínda cando comprobaron que a súas discrepancias con parte do articulado remitido dende a Consellería da Presidencia eran difíciles de soster. O motivo? os estatutos elaborados por Vicepresidencia para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar dicían exactamente o mesmo.

18.7.06

A nosa patria é a memoria (Rosa Aneiros)



Declaración institucional do Concello de Fene: A nosa patria é a memoria.

Cabalga dende a noite dos tempos a través de milleiros de voces. Son voces que aturuxan, latrican, laian e proen dende un lugar ignoto do pasado onde recoñecemos as pegadas oblicuas da nosa identidade.

Nacemos dun eco de multitudes. Dos ósos que constrúen castelos de marfil baixo a nosa sombra. Dos remuíños das mareas nos sotos da clandestinidade. Do peito dos paporrubios no sol desgarrador de maio nos cárceres. Das pestanas entrelazadas de cereixas de todos os campos de concentración. Do ceo de silencio ametrallado sobre un campamento de refuxiados. Por iso, neste Ano da Memoria, no aniversario do inicio da guerra civil que nos desangrou, traemos todas esas voces. Arrastrámolas dende as gabias onde foron asasinados, dende o exilio e dende o silencio aterrado do interior mantiveron vivo o facho da liberdade. Un facho vivo que alumeou durante a longa noite de pedra en que morreron tantos ideais e tantos outros se afortalaron para construíren unha patria. Para construírmonos. Velaquí a patria. Velaquí Luís Seoane, Lorenzo Varela, Maruxa Mallo, Syra Alonso. Velaquí Ánxel Casal, Alexandre Bóveda. Velaquí María Miramontes, Castelao, Blanco Amor. Velaquí milleiros de anónimos que viviron a guerra civil, os campos de refuxio en Francia, os campos de concentración en Alemaña, a resistencia de París durante a Segunda Guerra Mundial, a ditadura de Trujillo en Santo Domingo, a de Pinochet en Chile.

A nosa patria é a memoria. A súa voz só é un elo. Un tránsito. O eco que han herdar os que veñan, para que o fagan seu coma nós o fixemos respiración. Como o convertemos en vísceras da memoria propia, en pegadas desta patria que recoñecemos como nosa. A nosa patria é memoria que queremos converter en futuro. Non só unha queixa, non só un lamento, senón os alicerces sobre os que queremos asentar o mañá. Para non esquecer. Para vivirmos a patria que soñamos e soñaron tantas voces.

Rosa Aneiros



Acordo galego sen o galego

Coa mesma teimosía coa que vimos denunciando que se exclúe ao galego do Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa, dende Vicepresidencia encárganse de confirmárnolo. Nunha recentísima intervención, Antón Losada fixo referenza “aos importantes desafíos sociais que existen na actualidade, como é o caso do envellecemento da poboación, a desigualdade no acceso ao mercado laboral e a dificultade na conciliación da vida familiar e laboral. Segundo apuntou, os gobernos deben poñer á disposición da sociedade todos os instrumentos oportunos para actuar sobre estes fenómenos sociais, actuar a modo de habilitadores de oportunidades, integrando as partes, sumando partidarios á nosa causa, que neste caso é a causa da igualdade e do benestar”.

Como para Losada o avance do uso da nosa lingua no ámbito da empresa non semella constituír ningunha prioridade ou ningún desafío digno de incorporar ao Acordo polo fomento da RSE, a ver se, por exemplo, dende o campo das organizacións sindicais lles chega algunha mensaxe na liña de sumar partidarios á causa do galego.

17.7.06

Os acordos son para cumprilos




O enfoque das noticias sobre o asasinato de Al-Daní e Julio Anderson publicadas na maioría dos medios de comunicación son motivo máis que de abondo para que dende a Vicepresidencia da Xunta se lle acorde aos directores deses medios que, cando asinaban o
Acordo galego pola igualdade nos medios de comunicación, asinaban o compromiso de "evitar no tratamento e difusión da información o realizar comparacións desprezativas, insultantes ou prexuizosas entre condutas de persoas ou grupos".

14.7.06

Dúas de cal e unha de area






Chegan noticias da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información. Está a traballar na redacción do Plano Estratéxico da Sociedade da Información e, nesta fase, centra os seus esforzos na recollida de información primaria tanto cualitativa coma cuantitativa. Lin a enquisa que lle enviaron aos concellos. Tanto a S. como a min pareceunos acaída. De feito, só fixemos algunha que outra matización. Nótase a man de Concheiros. A ver que conta Calidonia, que é quen sabe destas cousas.

O Xacobeo, segundo o anuncio que lía na prensa, vai contratar técnic@ en normalización lingüística.

Cóntame un xestor cultural que o chaman do Xacobeo para dicirlle: o 29 de xullo tendes un espectáculo do Xacobeo aí. Empeza a preguntar e non lle dan un só dato máis: nin que espectáculo, nin en que espazo, nin nada de nada. Dicía o meu amigo que o PP tamén facía o mesmo e logo a metade dos concertos non se facían ou non tiñan público.

13.7.06

Outra volta con interrogantes sobre as galescolas




O DOG de hoxe, 13 de xullo, publica dúas ordes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar pola que se autoriza o inicio de actividades das escola infantís (0-3 anos) do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Xa que non son galescolas pero si escolas infantís de nova creación, financiadas con fondos públicos e ubicadas centros públicos, gustaríame saber como se vai garantir que nestas escolas haxa oferta educativa en galego para os nenos galegofalantes e que os castelanfalantes reciban cando menos un terzo dos contidos en lingua galega? E xa postos a preguntar, que criterios aplicaron ou van aplicar tanto para a contratación do cadro de persoal destas dúas escolas como para que acrediten a súa competencia lingüística en galego?
En fin, que semella que estamos nas mesmas :-(

12.7.06

De progres e guais



Para N.C.

Conseguiron “estar no candelabro”. Se lles vai durar ou non, o tempo o dirá. O caso é que agora están e éncheselles a boca reivindicando e reivindicándose. Se les o que din, seguen no mesmo sitio que sempre, defenden os mesmos valores e os mesmos sinais de identidade, son os máis progres do mundo e, sobre todo, son guais do paraguai. Iso si, non teñas que traballar con eles porque amosan a veracidade do refrán “nunca sirvas a quen sirveu”.

Polo que a min respecta, a estes e estas guais que @s metan nun bote de formol. Non son guai, non vou de riquiña e non aspiro a caer simpática. Pretendo ser unha boa profesional e moverme nese ámbito. Xa que logo, cando organizo un concerto procuro respectar escrupulosamente as demandas dos grupos e que se sintan cómodos. Non aturo aos guais que son moi profesionais para esixir camerinos, dimensións do escenario, catering que teña en conta que hai vexetarianos e persoal de carga e descarga pero que sete días antes do concerto non son quen de concretar nin sequera a hora aproximada en que empezan coa montaxe. E iso non é o peor. O peor é que se cabrean porque cumpres co teu labor e os chamas ao móbil para que se dignen a dar sinais de vida e ti poder traballar.

Sabes, N.C.? Tiveches sorte de que non fun eu que te chamei porque o do post non fai proba, é unha delicadeza.

6.7.06

Vicepresidencia, lingua e pemes


Despois de ler ao Director xeral de Industria no comentario de onte procuraba posíbeis explicacións a que Vicepresidencia, e por extensión a Consellería de Industria, “esqueceran” a cuestión do uso do galego nas medidas de fomento para que as empresas que operan en Galiza implanten sistemas de xestión de Responsabilidade Social Corporativa.

Visto o DOG de hoxe, no que a Consellería de Industria publica as bases que rexen as subvencións ás pemes para o impulso de actuacións de sensibilización e difusión en materia de RSC e nas que tampouco aparece nin unha soa referencia a que “as empresas socialmente responsábeis deberían considerar a lingua como elemento esencial da súa estratexia de RSC”, pois como que xa me empezo a crer que tras esta omisión subxace o “tacticismo rexionalista” -desta non toca falar de lingua- e a esquizofrenia entre o discurso e a práctica política que tanto caracteriza ao tándem Losada-Quintana.

Coda. Grazas S. polo de sempre.

5.7.06

E remato, por agora, coa lingua e a RSC


“En Galiza, as empresas socialmente responsábeis deberían considerar a lingua como elemento esencial da súa estratexia de RSC”.

“(…) o uso do galego é sinal de ser socialmente responsable:

  • A través do compromiso coa cultura, coa tradición, cos valores, etc.
  • E ao acadar posicionamento positivo de empresa galega: R, San Luís, Sargadelos….”

Non se pode falar de normalización lingüística do galego mentres continúe sendo invisible no mundo empresarial.

O galego pódese e débese incorporar como lingua vehicular nas estratexias corporativas das empresas que operan en Galiza.”

Son palabras de Anxo R. Calvo Silvosa, Director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. Vid. “O papel da lingua nas estratexias corporativas das empresas” en Lingua e Investigación. II Xornadas sobre lingua e usos. Universidade da Coruña 2006, páxs. 18 e 23)

Se acreditan, como acreditamos nós, nas palabras do Director xeral, que é o que pasa? Fallou a coordinación tanto na propia Consellería como entre a Consellería e Vicepresidencia? Predomina o “tacticismo rexionalista” e desta non toca falar de lingua e empresa? É unha mostra máis da esquizofrenia entre o discurso e a práctica política?...

Gustaríanos que se tratara dun fallo de coordinación e que a Vicepresidencia incorpore a cuestión da lingua ao anteproxecto de Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa.

2.7.06

Máis sobre lingua, comunidade e RSC


Ao fío do que comentaba estoutro día sobre a non inclusión do compromiso coa lingua do país no anteproxecto de Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa que promove a Vicepresidencia da Xunta, recomendo ler Guia de la Responsabilitat Social empresarial a les Pimes, nomeadamente o capítulo dedicado á RSC coa comunidade, elaborada a mediados de 2005 pola patronal catalá CECOT. Para que vos fagades unha idea de por onde vai, ademais de convidarvos a reparar no dominio, reproduzo un anaco do limiar:

“A evolución tecnolóxica e social dos últimos anos xerou, entre outros, un importante debate sobre o encaixe da empresa na sociedade actual. Cuestiónase se o papel tradicional da empresa como fonte de creación de riqueza é suficiente. No centro da discusión sitúase o argumento de que a empresa debe ser consciente do seu impacto social, máis aló do que se supón que ten na contorna competitiva tradicionalmente considerada na análise estratéxica. E aínda máis, non só se suscita que a empresa non pode ser allea á contorna que lle rodea, senón que ademais debe ser proactiva e implicarse nos principais problemas da sociedade.

Moitas grandes empresas, especialmente aquelas que se dirixen a mercados de consumo masivo, avanzaron substancialmente na introdución de conceptos avanzados de "Responsabilidade Social Corporativa da Empresa", (RSE ou RSC, segundo distintos expertos) nos seus modelos de goberno corporativo e dirección estratéxica, entre os que ocupa un lugar primordial o chamado "marketing social" ou "marketing con causa". Os autores máis avanzados falan do concepto de "Reputación Corporativa", e até de "Capital Reputativo da empresa" dando a entender que no futuro próximo as empresas que invistan nestes aspectos poden chegar a ter unha mellor cotización bursátil respecto de as súas competidores. (...,)

Neste contexto, nos dous últimos anos empezouse a falar con certa intensidade sobre a aplicación destes conceptos nas pequenas e medianas empresas.

Os axentes sociais e económicos máis representativos están actuando co fin de analizar a forma na que estes conceptos poden aplicarse en empresas que dispoñen de moitos menos recursos así como dunha menor "visibilidade" social. A patronal catalá de pemes, Cecot, que desde hai máis de 20 anos liderou a innovación en Cataluña, desenvolveu o seu propio modelo conceptual que permite achegar as formulacións da RSE á realidade da peme nesta comunidade autónoma e, por extensión, ao resto de España. (...)

O primeiro principio do modelo de Responsabilidade Social da peme de Cecot é que a responsabilidade social fundamental destas empresas é alcanzar a excelencia competitiva que lles permita manterse no mercado no que compiten e alcanzar a súa dimensión óptima a longo prazo. (...)

O segundo principio no que Cecot sustenta o seu modelo é que, para que a peme poida ser considerada socialmente responsable na contorna actual é necesario, ademais, que desenvolva a súa actividade adoptando a ética empresarial como valor básico. (...)

Para rematar, o terceiro principio é que a peme non pode permanecer indiferente aos problemas da sociedade na que pretende manterse e desenvolverse para que poida ser considerada socialmente responsábel. As pemes poden e deben ir máis aló e integrar a proactividade social como valor básico. A proactividade social é un valor que as pemes deben asumir porque no futuro contribuirá, de xeito decisivo, á súa diferenciación no mercado.

Os factores esenciais dun comportamento proactivo desde un punto de vista social son:

- A integración activa no territorio no que ten as súas principais instalacións, asumindo, facendo seus e apoiando activamente os seus principais valores culturais e sociais, etc.

- A implicación activa na resolución de problemas e/ou en mellora de situacións de tipo social, cultural, educativo e medioambiental, máis aló das obrigacións legais existentes.

- A interiorización na organización da responsabilidade social mediante políticas activas de actuación: igualdade de oportunidades, non discriminación por razón de sexo, idade, raza ou relixión, etc.”

CODA 2. Outravolta, grazas a S. por exercer de mecanógrafa.



28.6.06

A responsabilidade social da empresa



O pasado luns, 26 de xuño, Anxo Quintana presentaba a proposta do Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa, iniciativa que, segundo a noticia facilitada pola propia Vicepresidencia “ten por obxectivo acadar un mundo empresarial que vertebre a sociedade e promova a igualdade de oportunidades (....)". O Acordo promove unha serie de medidas "dirixidas aos colectivos sociais (as mulleres, a xente moza e as persoas con discapacidade, os grupos máis prexudicados no mercado laboral”.

O martes, 27 de xuño, o DOG publicaba a convocatoria da Consellería de Industria e Innovación pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a asociacións e entidades de carácter sectorial sen ánimo de lucro para o impulso de actuacións de sensibilización e difusión en materia de responsabilidade social corporativa e de apoio ás accións de responsabilidade social na promoción da igualdade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”, convocatoria na liña anunciada por Quintana; isto é, por segunda vez, nin unha referencia aos usos lingüísticos.

En novembro de 2004, nunhas xornadas convocadas polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña escoitaba falar de lingua e responsabilidade social empresarial/corporativa nos seguintes termos:

«A deslocalización e as condicións en que determinadas empresas subcontrataban a súa produción provocou nas sociedades desenvolvidas unha forte presión social contra esas marcas que tivo a súa tradución en que, basicamente a partir de 1999, estas empresas pouco menos que se viron forzadas a incorporar o concepto de «responsabilidade social» á súa imaxe corporativa, á súa proxección de marca.

Por responsabilidade social da empresa (RSE) enténdese, con carácter xeral, un código ético voluntario que a empresa incorpora á súa cultura empresarial e que a compromete a procurar a conciliación entre o crecemento e a competitividade co respecto aos dereitos humanos, aos laborais e a o medio ambiente.

É unha definición xeral que os diferentes países reelaboran para adaptala á súa tradición política e social, perfilando, na práctica, diferentes modelos de actuación. Velaí que, por exemplo, empresas e administración (políticas públicas) dos países nórdicos enfocan a RSE como unha resposta á crise do estado do benestar e fan máis fincapé nas cuestións sociais mentres que, seguindo cos exemplos, en Alemaña, diríxese ao desenvolvemento sustentábel, ao respecto ao medio ambiente.

En contextos de conflito lingüístico como o noso, reelaborar o concepto de responsabilidade social da empresa pasa, ao noso entender, por incidir na idea que a o respecto aos dereitos humanos e aos dereitos laborais inclúe o compromiso ético coa nosa lingua. Noutras palabras, que o código ético das empresas galegas non pode disociarse do compromiso coa lingua do país.

Non se trata de facerlle á empresa, ao mundo socioeconómico, esixencias que non lle corresponden nin lle son propias. Trátase de situar a empresa como é, un actor que a súa actuación económica non se vexa sobordada por esixencias que non lle corresponden, pero tamén de xeito que non ignore que non hai ningunha actuación –caso da lingua- que non teña unha repercusión social. E todo isto co obxectivo de que lingua e cultura empresarial sexan dous valores asociados.

E cando falamos de compromiso coa lingua, referímonos, por exemplo dende o respecto da forma propia dos topónimos por moi multinacional que sexa a produción (non hai máis que contrastar como aparecen nas etiquetas das grandes marcas de cava que se poden adquirir en calquera parte do mundo e nas dalgunhas empresas do téxtil ou do conxelado de Galiza) até o uso do noso idioma nos manuais de instrucións.

De non resituar a RSE da empresa e aplicala, comezando polo propio país e pola propia lingua, corremos o risco de convertela noutro concepto «perverso», un formalismo «politicamente correcto» que encubra prácticas sociais mesmo pouco éticas.»

Vid: “Posibilidades de dinamización lingüística e cultural no mundo da empresa” en Lingua e Cidade. I Xornadas sobre lingua e usos. Universidade da Coruña 2005, páxs 177 e 178,

Pois iso. Logo non digamos que tódalas culpas son de Marisol, que as ten e son moitas pero cada día que pasa, por acción e omisión, tamén caen desta banda.

CODA. Grazas S, por exercer de mecanógrafa.