28.2.07

Hai marxe

Expresei a miña opinión ao respecto e intúo que isto non fixo máis que empezar. Baséome en que nestes días “a pé de obra” escoitei opinións críticas (se teño vagar, hei publicar un resume) nas máis das veces rigorosas e fundamentadas. Algunhas (por exemplo, as relativas á non correspondencia entre o nivel de estudos académicos esixido para optar á praza de servizos xerais, certificado de escolaridade, e dous dos temas obxecto de exame, concretamente: «Tema 7. A alimentación, a nutrición e a dietética: a alimentación equilibrada. Planificación de menús. TEMA 8. Trastornos infantís relacionados coa alimentación: elaboración de menús axeitados a cada problema») mesmo poden rematar en impugnacións.

En fin. A estas alturas, o feito, feito está, pero aínda hai certa capacidade de manobra.

É certo que algunhas das críticas utilizan calquera pretexto para agochar o que subxace no fondo: a oposición a calquera intento de promover novos ámbitos de uso do galego e/ou o torpedeo sistemático da acción de goberno dos nacionalistas.

Non obstante, “pechar filas” sen reflexionar sobre se cometemos erros ou non; botarlle a culpa ao adversario; procurar “inimigos” fronte aos que reafirmarse; enrocarse; pensar que se fixo todo moi ben ou procurar xustificacións na presunta rapidez coa que houbo que actuar é coller tódolos boletos para volver repetir os mesmos erros e as mesmas dinámicas.

Parar, pensar, contrastar nas canles políticas e nas profesionais implica, por regra xeral, ter máis posibilidades de acertar, de facer as cousas ben.

Hai marxe. Para empezar suxiro, para o seu estudo, uns cantos temas:

- realización e corrección das probas,

- presenza de especialistas nas comisións de cualificación,

- proxecto pedagóxico

- servizo de cociña e persoal á fronte do mesmo

- períodos de inscrición

- criterios de provisión da dirección pedagóxica

- regulamento de funcionamento e órganos de participación

26.2.07

Outra política


Ten toda a razón Suso de Toro, foi para facer outra política. Tentei dicir algo semellante en forma de metáfora pero semella que cómpre ser máis explícito.

Sei o difícil que é vencer e superar as inercias e dinámicas do “fraguismo” mais se os votei foi porque agardabaque cando menos o ían intentar.

Aínda a risco de que me tachen de hipercrítico ou “pouco colaborador, van para dous anos de goberno e antes que empecen a xustificar o continuísmo actual coa milonga á que se recorre nos concellos (cómpre consolidar, esta foi unha fase de “toma a terra”, as medidas reais e de cambio han vir para a próxima lexislatura....), cómpre dicirlles que nos merecemos outra política

Merecémonos que:

· Cando nos relacionamos con algunhas –afortunadamente, non todas- vicepresidencias, consellerías e demais entramado institucional nos traten como cidadáns –mesmo cidadáns discrepantes- e non como súbditos.

· Desaparezan determinados persoeiros, non polos últimos acontecementos, senón porque hai centos de motivos polos que nunca deberon estar aí.

· Entendan que o papel do “intelectual colectivo” non é ser o seu particular “botafumeiro”.

· Comprendan que a administración non pode ser unha axencia de colocación, que á fronte de determinados proxectos teñen que estar persoas capaces e cunha cualificación profesional contrastada.

· Sexan quen de entender que pode ser un bo cadro organizativo e mesmo un excelente concelleiro –xa non digamos cando non se dan nin unha cousa nin a outra- e que non sexa a persoa idónea para estar á fronte dun cargo que esixe tamén duns coñecementos dos que que carece.

· Non confundan “populismo” con nacionalismo progresista.

· Aprendan que a participación é antónimo de “traballa para min e cando eu che pida opinión. Iso si, que o saibas: digas o que digas hei facer o que me pete e mesmo deturpar as túas propostas”.

· Susbtitúan os correos electrónicos con notas dos gabinetes de comunicación (nalgúns casos, de “incomunicación”) das institucións pola información e o debate das liñas políticas que deben presidir a actuación á fronte das diferentes áreas da administración.

Mentres tanto, se seguen reproducindo dinámicas que me gustaría ver desterradas; se mesturan á súa conveniencia organización política con administración/institución”; se improvisan e fan do populismo, a trapallada o teu método de traballo….pois que saiban que corren o risco que haxa quen, parafraseando a Llach, cantemos aquilo de: “non era iso, compañeiros, non era iso”. Noutras palabras, que haberá persoas que non admitimos que o silencio, o medo a que o adversario utilice esta ou aqueloutra manifestación, sirvan de pretexto para xustificar o inxustificábel.

E esa “canción” soará en bitácoras e nos foros que voluntariamente escollemos para expresar que camiñan por vieiros perigosos.

Aínda hai marxe para endereitar o rumbo pero moito me temo que pode máis a “síndrome do emperador”.

23.2.07

Lapsus, vinganza ou cambio de estratexia?


"Vicepresidencia inviste máis de 700.000 euros en mellorar a habitabilidade da residencia de maiores da Milagrosa en Lugo As obras que están na fase de alegacións do proxecto, teñen un prazo de execución de 8 meses O secretario xeral da Vicepresidencia, Antonio Losada e a delegada provincial, Branca Rodríguez Pazos, presentaron esta mañá os traballos de mellora O secretario xeral, Antonio Losada, anunciou ademais a construción dunha nova residencia de Sogaserso na Mariña lucense."

Xúrovos que non é ninguha montaxe. A entradiña está tirada da propia páxina web da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

A min tamén me entrou a dúbida. Non sei se é que ao redactor ou redactora se lle foi o santo ao ceo, se é que pensa marchar e antes quixo vingarse do xefe ou se houbo consigna para que, postos a respectar as denominacións oficiais que se publican no DOG, mellor empezar pola propia casa e o nome de cada quen.

Como en moitas outras cousas, o tempo ha despexar a incógnita.

18.2.07

Seguridade nacional


Cóntanme que os técnicos do Departamento de Cultura e Deportes do concello de Fene propuxeron un itinerario para a II marcha cicloturística que percorría as ribeiras de Maniños, Barallobre, Perlío e San Valentín.

Solicitáronlle permiso a Navantia para poder atravesar a factoría e ir de Perlío a San Valentín. Aínda non recibiron o comunicado oficial pero, de xeito oficioso, a empresa xa lles fixo saber que non ían conceder autorización baseándose en “razóns de seguridade nacional”.


17.2.07

Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, agora


Os problemas políticos hai que solucionalos en termos políticos, nas mesas de seguimento e tensando a corda todo o que haxa que tensala en función da dimensión e transcendencia do problema.

Subirse a un banco, chamar a unha cristalería ou faltarlle ao persoal é unha mostra máis desa concepción cesarista da política que non encaixa ou non debería encaixar nunha organización como o BNG.

Se Quintanta "fose alguén", prescindiría inmediatamente dos servizos de Antonio Losada e reorientaría a política que está desenvolvendo dende Vicepresidencia.

Se funcionara a "póliza de garantías" que promoveu quen apoiou a Quintana na última asemblea nacional, a estas alturas non abririamos os xornais ou o DOG con medo a encontrarnos cunha nova "ocorrencia".

Vicepresidencia, non hai tanto

15.2.07

Yo soy aquí quien manda/porque está casa es mía


A copla que da título ao post apredendina do meu pai e, se lle facemos caso á noticia de “El País”, semella que foi a que lle cantou Antonio Losada a Pedro Silva por cuestións de rótulos.

Mágoa que Antonio Losada non amose a mesma preocupación para que nas Galescolas que entran en funcionamento nos próximes meses conten, dende a súa apertura, con persoal de cociña, persoal que non figura nas RPT publicadas até o momento.

11.2.07

Mira ti por onde




A TVG escolleu o nome desta bitácora para unha teleserie baseada na Grande Depresión que van emitir en horario de tarde.




Toquemos madeira para que non a boten antes do programa de "Superpiñeiro"!

9.2.07

Prohibido pensar e opinar


Kelme non quere deportistas que pensen e opinen. Nomeadamente, se son “politicamente incorrectos”. En por iso, acaba de rescindir o contrato de patrocinio co futbolista do F.C. Barcelona Oleguer Presas. Oleguer volve estar de actualidade non polo seu xogo no campo, senón polas súas ideas. Nesta ocasión, polo artigo que reproducimos de seguido, traducido ao galego, e que publicou en Berria e “Setmanari de comunicació directa”

Por certo, se queres acceder ao “Setmanari” dende a rede da Xunta esta é a mensaxe que aparece:

Acceso non permitido - Acceso no permitido




A páxina que desexa ver non pode ser accedida debido a que pertence a unha categoría non permitida.

Dirección bloqueada:


http://www.setmanaridirecta.info/




Data de Bloqueo - Fecha de Bloqueo:


09/Feb/2007:08:29:06




Categorías Bloqueadas:


pornografia-ac




Imos aló co artigo de Oleguer, texto que subscribimos de principio á fin.

«A BOA FE

De Juana Chaos leva 20 anos no cárcere. Debido ás vantaxes legais vixentes impúxoselle unha pena de 18 anos polos crimes cometidos. Aínda así, hoxe en día segue no cárcere en prisión preventiva á espera de resolución por dous artigos de opinión escritos no xornal Gara. En opinión da Audiencia Nacional Española De Juana Chaos cometeu un delito de ameaza terrorista e impúxolle unha condena de 12 anos e medio. Como protesta a esta decisión De Juana Chaos decidiu iniciar unha folga de fame até o final. Nun estado de dereito- dínnolo unha e outra vez, como se fose unha campaña de publicidade- non hai pena de morte nin cadea perpetua. E a eutanasia tamén esta prohibida. Vou actuar de boa fe e vou pensar que o estado de dereito cre nas súas leis; é dicir que non aplica a cadea perpetua nin a pena de morte. De boa fe, outra vez, vou pensar que o contido dos artigos de De Juana Chaos son totalmente explícitos, tanto como para ter a unha persoa no cárcere.

Querería crer que no estado de dereito hai liberdade de expresión, e neste xuízo, no de Egunkaria ou no xuízo do actor Pepe Rubianes -por comentar algúns- hai suficientes indicios para procesar aos responsábeis. Se non é así, todos clamarían ao ceo, porque é iso o que fan cando se incumpre a liberdade de expresión fóra de aquí, en Marrocos, Cuba e Turquía, entre outros. A boa fe faime pensar que o estado de dereito é o mesmo para todos; que as presións políticas non teñen ningunha repercusión, e que o poder xudicial é realmente independente; que as declaracións do ministro de Xustiza López Aguilar non repercutiron na decisión xudicial -quen dixo que o Goberno faría outras tantas imputacións para que De Juana non quedase en liberdade-.

“As palabras non, as accións”, dixo alguén. David Fernández fálanos destes feitos no libro”Croniques del 6 i altres do claveguera policial”: A Enrique Rodríguez Galindo, xeneral da Garda Civil e responsábel das barbaridades cometidas no cuartel de Intxaurrondo, condenaron a 75 anos de cárcere polo asasinato de Lasa e Zabala, dos cales cumpriu a cuarta parte argumentando problemas de saúde. Tamén foi excarcerado Julen Elgorriaga por razóns de saúde; foi condenado a 80 anos por aqueles feitos e só cumpriu o 3%. Logo de enganar a toda España, De la Rosa está en casa xa que lle impuxeron o terceiro grado co argumento de que sofre depresión. Rafael Vera, en cambio, só cumpriu 8 meses no cárcere polo secuestro de Segundo Marey -asumido polo GAL- aínda que lle impuxeron unha pena de 10 anos. David fala sobre todo da tortura e dos torturadores; tamén fala do xeito en que se utiliza a información para criminalizar moitas disidencias; xunto con isto di que a mesma Policía pon as probas que necesita para criminalizar aos que lle interesa politicamente, e que ao Goberno non quere oír nin unha palabra do observador especial da NBE contra a tortura ou dos informes das organizacións -entre outros o realizado por Amnesty International-. E isto fano porque todos estes din que se tortura no estado de dereito.

Por se non abonda, agora o mesmo Fiscal de Audiencia Nacional pediu arquivar o caso Egunkaria; segundo din, non hai probas. No 2004 en cambio o Tribunal de Estrasburgo castigou a España “por non investigar” as torturas denunciadas por 17 independentistas cataláns 12 anos antes: nas Olimpíadas tíñanse que acalar as voces que non estaban de acordo. En cambio en novembro do 2005 Zapatero absolveu aos 4 policías locais de Vigo inhabilitados e castigados por darlle unha malleira, insultar e aldraxar ao senegalés Mamado Kane –a condena era de 2 e 4 anos de cárcere-. Aznar fixo o mesmo no ano 2000: absolveu a 14 policías castigados por torturar; a un deles xa o castigaron anteriormente. E...

En fin, que teño unha lea enorme na cabeza. Este estado de dereito ten moitas zonas escuras, e fanme dubidar. Todo isto cheira a hipocresía. E con toda esta hipocresía remata a boa fe.

Oleguer Presas

Futbolista do FC Barcelona»

8.2.07

"Falar de amores"


Encántame Nordestin@s e especialmente "Falar de amores". Pensaba que era unha canción tradicional de Cedeira. Onte souben polo meu fillo que a letra é do "Segrel do Penedo".

7.2.07

Lei de transparencia

Por que ao secretario xeral da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar non lle entra un ataque de celo (que non sexa en exceso, abonda con que sexa dos normaliños) na aplicación da Lei de Transparencia e ordena publicar no DOG e no web os nomes, retribucións, adscricións e funcións (prensa, asesoramento especial, funcións administrativas e loxísticas) de TODO –non só de tres- o persoal eventual de gabinete de Vicepresidencia e órganos afíns?

3.2.07

Habería esta polémica?



Se, como demandabamos hai nove meses en lugar de crear unha “rede de galegoescolas” dictaran unha norma de carácter universal para garantir a oferta educativa en galego en tódalas escolas infantís con independencia da súa titularidade?

Esa norma universal é, cando menos para min, a cuestión de fondo, a liña que diferencia a política da "ocorrencia", o proxecto da "frase-titular". E claro, cando se entra nas ocorrencias en lugar de debater as cuestións de fondo acabamos entrando en debates........ "ocorrentes".

2.2.07

"El camino del norte" (metáfora)


«-¿Miedo a enterarse?
-No, no, uno puede enterarse. El problema empieza cuando quiere hablar de lo que descubrió. Decirle a otro mirá de lo que me di cuenta. Darse cuenta de las cosas está bien al principio, mientras no le das cuenta a los demás. Porque justo en ese momento empezás a quedarte solo. Perdés amigos. Y si solo perdieras amigos, casi no sería nada. Es que empiezan a tratarte como si fueras enemigo. Y al final, te sentís un enemigo. Entonces te callás, no decís que te diste cuenta, no decís que te enteraste, no decís nada. ¿Y sabes qué pasa? Que cuando no decís nada, acabás por no pensar. Y vuelta a la primera casilla, como en el juego de la oca.»

Do capítulo “Las viejas fotografías”, páx, 37