30.1.07

Galescolas e contratación de persoal


Quen seguides este espazo sabedes que “saíu da clandestinidade” porque, preocupado por un tema que me parecía de grande transcendencia para a lingua e que me suscitaba máis dúbidas que convicións, un comentario sobre as Galescolas chamou a atención de Vieiros. Dende aquela, volvín sobre o tema nun par de ocasións: ”Outra volta con interrogantes sobre Galescolas”, “Setembro e comezo de cursos nas Galescolas” e, noutra, de como se estaban a desenvolver algúns procesos de contratación de persoal para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Gustaríame non ter que seguir dándolle voltas pero as contratacións traducíronse en impugnación de bases e
as que han rexer nos procedementos de selección de persoal laboral das Galescolas parécenme, cando menos, preocupantes na forma e no fondo.

No fondo porque –e que alguén me corrixa se estou equivocado- a día de hoxe, varios meses despois do anuncio da súa creación, non hai nin Proxecto Pedagóxico nin Regulamento marco das Galescolas, documentos sobre os que tanto as universidades que forman aos mestres especialistas coma os docentes dos ciclos formativos de técnicos superiores en educación infantil terían moito que dicir.

Tamén no fondo, porque Proxecto Pedagóxico e Regulamento marco son, ao meu entender, os textos fundamentais, o “estatuto de nación” que debería singularizar a Rede de Galescolas, o seu funcionamento e proposta educativa e, en boa lóxica, dos que se deberían derivar o perfil e a cualificación dos profesionais que deben estar á fronte da Galescolas e os requirimentos (temarios, tipoloxía das probas….) a esixir nas bases para a súa contratación. Pois ben, no caso das Galescolas semella que se fai xusto ao revés: primeiro as bases para contratar o persoal e logo xa virá o proxecto pedagóxico.

Na forma porque, cinguíndonos ás bases propiamente ditas á marxe doutras cuestións que xa imos considerar menores, tamén hai moitos extremos que me custa traballo entender ou coas que discrepo abertamente:
- Se como se di na introdución, o que se pretende é “garantir a plena implicación do persoal das Galescolas na realidade social do territorio”, o lóxico e apropiado é incluír no programa da oposición algún tema relativo á realidade socioeducativa e sociolingüística da comarca.
- Non dubido que a proba tipo test sexa a máis obxectiva á hora de corrixir pero non creo que sexa a máis acaída para amosar a competencia profesional e o grao de coñecemento dos temas específicos da oposición. E menos cando é a única proba específica!
- As convocatorias en que se inclúe unha entrevista persoal teñen un algo grado de indeterminación e de inseguridade tanto á hora da súa formulación como na avaliación dos aspirantes.
- A composición da comisión de valoración (constituída polo xerente do Consorcio ou persoa na que delegue, dúas persoas en representación do concello e unha da Vicepresidencia da Xunta e unha secretaría a cargo dunha persoa en representación do Consorcio) non contribúe precisamente a ofrecerlle garantías aos aspirantes. En ningún momento se garante a presenza de profesionais con cualificación contrastada tanto para elaborar as probas coma para avalialas, nomeadamente a entrevista persoal na que tamén se valora o dominio oral da lingua. Se ben é certo que a comisión de valoración pode solicitar a axuda de persoal especializado, non é menos certo que nin se determina que persoal, nin é obrigatorio recorrer ao seu asesoramento. É difícil de explicar por que non se garantiu esta cuestión incorporando á comisión avaliadora dous ou máis especialistas en educación infantil e lingua oral nomeados, por exemplo, polas universidades.
- E xa para rematar, non entendo como na comisión de valoración non se inclúe a representación sindical, xa sexa tomando como referencia a Administración autonómica ou a do concello sede da Galescola.

Outro día, con máis vagar, falaremos de vagar do Consorcio ou de como a este ritmo e se seguen substituíndo a planificación pola improvisación e o rigor polas urxencias, van acabar convertendo un modelo ilusionante, nunha nova frustración.