31.1.07

30.1.07

Galescolas e contratación de persoal


Quen seguides este espazo sabedes que “saíu da clandestinidade” porque, preocupado por un tema que me parecía de grande transcendencia para a lingua e que me suscitaba máis dúbidas que convicións, un comentario sobre as Galescolas chamou a atención de Vieiros. Dende aquela, volvín sobre o tema nun par de ocasións: ”Outra volta con interrogantes sobre Galescolas”, “Setembro e comezo de cursos nas Galescolas” e, noutra, de como se estaban a desenvolver algúns procesos de contratación de persoal para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Gustaríame non ter que seguir dándolle voltas pero as contratacións traducíronse en impugnación de bases e
as que han rexer nos procedementos de selección de persoal laboral das Galescolas parécenme, cando menos, preocupantes na forma e no fondo.

No fondo porque –e que alguén me corrixa se estou equivocado- a día de hoxe, varios meses despois do anuncio da súa creación, non hai nin Proxecto Pedagóxico nin Regulamento marco das Galescolas, documentos sobre os que tanto as universidades que forman aos mestres especialistas coma os docentes dos ciclos formativos de técnicos superiores en educación infantil terían moito que dicir.

Tamén no fondo, porque Proxecto Pedagóxico e Regulamento marco son, ao meu entender, os textos fundamentais, o “estatuto de nación” que debería singularizar a Rede de Galescolas, o seu funcionamento e proposta educativa e, en boa lóxica, dos que se deberían derivar o perfil e a cualificación dos profesionais que deben estar á fronte da Galescolas e os requirimentos (temarios, tipoloxía das probas….) a esixir nas bases para a súa contratación. Pois ben, no caso das Galescolas semella que se fai xusto ao revés: primeiro as bases para contratar o persoal e logo xa virá o proxecto pedagóxico.

Na forma porque, cinguíndonos ás bases propiamente ditas á marxe doutras cuestións que xa imos considerar menores, tamén hai moitos extremos que me custa traballo entender ou coas que discrepo abertamente:
- Se como se di na introdución, o que se pretende é “garantir a plena implicación do persoal das Galescolas na realidade social do territorio”, o lóxico e apropiado é incluír no programa da oposición algún tema relativo á realidade socioeducativa e sociolingüística da comarca.
- Non dubido que a proba tipo test sexa a máis obxectiva á hora de corrixir pero non creo que sexa a máis acaída para amosar a competencia profesional e o grao de coñecemento dos temas específicos da oposición. E menos cando é a única proba específica!
- As convocatorias en que se inclúe unha entrevista persoal teñen un algo grado de indeterminación e de inseguridade tanto á hora da súa formulación como na avaliación dos aspirantes.
- A composición da comisión de valoración (constituída polo xerente do Consorcio ou persoa na que delegue, dúas persoas en representación do concello e unha da Vicepresidencia da Xunta e unha secretaría a cargo dunha persoa en representación do Consorcio) non contribúe precisamente a ofrecerlle garantías aos aspirantes. En ningún momento se garante a presenza de profesionais con cualificación contrastada tanto para elaborar as probas coma para avalialas, nomeadamente a entrevista persoal na que tamén se valora o dominio oral da lingua. Se ben é certo que a comisión de valoración pode solicitar a axuda de persoal especializado, non é menos certo que nin se determina que persoal, nin é obrigatorio recorrer ao seu asesoramento. É difícil de explicar por que non se garantiu esta cuestión incorporando á comisión avaliadora dous ou máis especialistas en educación infantil e lingua oral nomeados, por exemplo, polas universidades.
- E xa para rematar, non entendo como na comisión de valoración non se inclúe a representación sindical, xa sexa tomando como referencia a Administración autonómica ou a do concello sede da Galescola.

Outro día, con máis vagar, falaremos de vagar do Consorcio ou de como a este ritmo e se seguen substituíndo a planificación pola improvisación e o rigor polas urxencias, van acabar convertendo un modelo ilusionante, nunha nova frustración.

29.1.07

Why?


"Why" a Consellería de Cultura promociona a música galega no MIDEM, Cannes-Francia e, na época do multimedia, nun web con información “estática”, a única lingua que utiliza é o inglés?

"Why" se o obxectivo é promocionar a música galega e potenciar un mercado musical galego, non se inclúe ningún compositor de música culta?

"Why" se, segundo a nota de prensa da Consellería, os tracks que se inclúen páxina web "son o resultado dunha“compilación/escolla de 50 temas de música galega (20 de pop/rock e 30 de roots “raíces”) no que se atopan os artistas e grupos máis emblemáticos e contemporáneos da música galega actual, escollidos por unha comisión de expertos” (deixando á marxe do discutíbel da escolma de temas e grupos, mesmo inclúe algún que ven de anunciar a súa disolución) na sección de raíces non aparece ningún tema de grupos tan "emblemáticos, contemporáneos e con proxección internacional" como Milladoiro?

"Why" xa postos a incluír grupos que cantan en inglés ou español, na sección de pop-rock non figuran ningún tema de Los Suaves, Xoel-De Luxe ou Iván Ferreiro?

"Why" no marco dunha política de transparencia, a información da Consellería non inclúe a composición da comisión de expertos?

"Why" a Asociación Galega de Compositores, referíndose á política de distribución musical da Consellería e por boca co seu presidente di: “Certamente, resulta imposible concibir tanto disparate xunto”?

P.S. A próxima actualización falará das bases para a provisión de postos de traballo nas Galescolas.

25.1.07

Mudan os tempos, mudan as vontades


E para mostra o texto do cartel (ver a terceira liña contando dende a cabeceira) que preside a entrada á Casa do Concello de Fene e que onte servía de telón de fondo para a fotografía de Kiko Delgado que reproducimos e que publicou en “El Correo Gallego”. Na imaxe, de esquerda a dereita Anxo Quintana, Iván Puentes (candidato do PSOE á alcaldía) e Xosé María Rivera Arnoso (alcalde do BNG e candidato á reelección).

22.1.07

Quintana-Losada&Superpiñeiro


Ao ver o titular xa me imaxinei que non era ningunha brincadeira e, efectivamente velaí unha noticia que se comenta por si soa. E se non leras a reportaxe sobre as festas da terceira idade, esa na que Superpiñeiro di "Só faltaba eu por volver", preme aquí.

Beckham, Iniesta e a política galega


Cando ficharon a Beckham argumentaron que era un magnífico xogador de fútbol, a peza que se precisaba para reforzar ao equipo e, ademais, unha persoa que viña ao club porque estaba identificado co proxecto deportivo. Na súa estada nos “madriles” encheu máis portadas da prensa rosa ca da deportiva. Agora, cando está a piques de marchar, todo o mundo coincide en que non era tan bo e nin xogou ao fútbol, nin fixo xogar ao equipo. Traballou intensamente para el, para o Bechkam “home-anuncio” e, dun xeito secundario, para o Beckham-futbolista.

Non é “mediático” pero ten sentido de equipo, cre que no fai, ten atrevemento e dá xenio velo xogar. Claro que se chama
Andrés Iniesta e segue cun “look” máis ben clásico: non cambia de peiteado, tampouco adoita lucir outro tipo de aditamentos, non se lle ve en festas e outros actos sociais ou de representación....

Onte dicíame un amigo que, cada vez que miraba a prensa, tiña a sensación que no nacionalismo galego había demasiado persoal
que “quere ser como Beckham” (e non se refería á rebeldía ou ao físico do xogador, senón quen actúa por el/ela e en función del/dela sen que o equipo lles importe máis que para conseguir os seus fins) e case ningún que intente imitar a Iniesta.

E non levará algo de razón?

16.1.07

Foro Interea


Tema complexo o da participación social! En principio, a función do grupo aberto é reflexionar sobre experiencias concretas. A ver que dá de si!

15.1.07

Dixitalización de libros en catalán


Google e cinco bibliotecas, entre delas as do mosteiro de Montserrat e a de Cataluña, subscribiron un convenio que permite a Google dixitalizar aqueles fondos que pasaron a dominio público.

12.1.07

De novo, Galescolas e interrogantes


Segundo a Conselleira de Educación, “a competencia do que hai que ensinar nas Galescolas é da Consellería de Educación. E a inspección educativa dependerá tamén de nós. Xa tivemos contactos con Vicepresidencia para falar. Eles coñecen a LOE e teremos que traballar xuntos, para currículos e profesorado”. Isto é, aínda non están fixados.

Se atendemos ás
novas do Consorcio promovido pola Vicepresidencia, no primeiro trimestre de 2007 entran en funcionamento 23 Galescolas e “nun período breve de tempo se iniciará o proceso de selección de persoal”. Por máis que pregunto, nin sequera o concelleiro responsábel dunha destas Galescolas que abre agora, antes de marzo, sabe dicirme como se vai tratar a cuestión da lingua ou que criterios van seguir para a selección do persoal docente e non docente. E xa vai tempo de abondo para que nin no web do Consorcio nin no DOG teñamos unha resposta clara a moitas das interrogantes que formulabamos hai varios meses.

10.1.07

Chámame a atención pero....


Aínda que podo intuílas (que moitos dos promotores seguen na loita contra a planta de gas en Mugardos), descoñezo as razóns polas que o BNG non aparece entre os convocantes das mobilizacións en defensa dos espazos públicos.

9.1.07

Unha nova edición


De “El hombre solo”, a fermosa novela de Bernardo Atxaga. É un deses libros que me gustou e impresionou..Dura a historia de Carlos, o irmá de Kropotki, panadeiro e socio do hotel que na ficción aloxa á selección de Boniek. En fin, unha lectura moi recomendábel mesmo para tentar entender a complexidade do “proceso”.

8.1.07

Concellos, lingua e televisión dixital


Até o 23 de marzo de 2007 está aberto o prazo para que aqueles concellos interesados e integrados nunha demarcación planificada poidan solicitar a xestión dun programa de televisión dixital local. Ábrese, xa que logo, a posibilidade dunha nova xanela para a lingua propia. Aproveitala ou non, depende de nós.

5.1.07

Non queres caldo? Pois dúas cuncas máis


E logo a “póliza de garantías” non dicía nada a respecto da política da Xunta dirixida aos nosos maiores? Duplicar as festas é o prototipo de “ocio activo” que promove Vicepresidencia?

4.1.07

A saúde do catalán en Internet


Joan Soler i Martí, membro do equipo de coordinadores de WICCAC (Webmàsters Independents en Català, de Cultura i d'Àmbits Cívics) ven de publicar un interesante artigo no que analiza o uso do catalán en Internet durante 2006. Como datos máis positivos salientan o aumento do uso (pasa dun 38,75% en decembro 2002 ao 52,23% no mesmo mes do 2006, se ben este incremento non se produce na mesma proporción en tódolos sectores) ou os 3,5 millóns de páxinas .cat indexadas en Google. O punto máis feble está no uso do catalán nos webs das empresas, moi por baixo da media dos outros sectores.

3.1.07

Mancomunidades

Non lle falta razón ao artigo de Corbacho. Descoñezo se a Mancomunidade de Ferrolterra rende as súas contas ou non. Sei que nos moitos anos de existencia os proxectos comúns cóntanse cos dedos da man e acabaron en fracaso (matadoiro), á marxe da propia Mancomunidade (Mostra de Teatro Infantil) ou en disparate (planta de reciclaxe de Mougá). Tamén acordo dun dito: se queres que un problema aprodreza sen resolverse, lévao á Mancomunidade.

2.1.07

Ano novo, rituais, líderes e dirixentes


O meu particular ritual inclúe comezar o ano vendo Casablanca, escoitando Suzanne e principiando un novo libro. Nesta ocasión decanteime polo que me regalou Pepe, un vello militante do PCE. De momento, quédome con estas consideracións sobre a diferenza entre un líder e un dirixente:
“A exaltación do líder sen proxecto produce unha figura de barro. Por iso prefiro o termo dirixente, palabra tan querida por Bertolt Brecht e analizada por W. Reich (…). Quen elixen ao líder, quen o votan, son quen ao día seguinte o poñen “contra a parede”. O líder é tamén un produto de consumo, coma unha construción do desexo da xente de ter un santo ou un deus ao que lle render culto e ao que non tardan en deixar por outro. Forma parte do consumismo que o capitalismo introduciu no campo da política. Xa que logo, o líder representa a esperanza que no mercado político pode ter unha nova marca para que venda. Neste caso, vender é chegar ás institucións, mentres que o dirixente, ao igual que o director dunha orquestra, dirixe a partitura. No caso do dirixente conxúgase e harmonízase o colectivo co individual. O dirixente resulta elixido en función da súa capacidade, non da súa imaxe. Outra diferenza entre o líder e o dirixente é que primeiro pide adhesións mentres que o segundo demanda participación, apoio e crítica”.