28.2.07

Hai marxe

Expresei a miña opinión ao respecto e intúo que isto non fixo máis que empezar. Baséome en que nestes días “a pé de obra” escoitei opinións críticas (se teño vagar, hei publicar un resume) nas máis das veces rigorosas e fundamentadas. Algunhas (por exemplo, as relativas á non correspondencia entre o nivel de estudos académicos esixido para optar á praza de servizos xerais, certificado de escolaridade, e dous dos temas obxecto de exame, concretamente: «Tema 7. A alimentación, a nutrición e a dietética: a alimentación equilibrada. Planificación de menús. TEMA 8. Trastornos infantís relacionados coa alimentación: elaboración de menús axeitados a cada problema») mesmo poden rematar en impugnacións.

En fin. A estas alturas, o feito, feito está, pero aínda hai certa capacidade de manobra.

É certo que algunhas das críticas utilizan calquera pretexto para agochar o que subxace no fondo: a oposición a calquera intento de promover novos ámbitos de uso do galego e/ou o torpedeo sistemático da acción de goberno dos nacionalistas.

Non obstante, “pechar filas” sen reflexionar sobre se cometemos erros ou non; botarlle a culpa ao adversario; procurar “inimigos” fronte aos que reafirmarse; enrocarse; pensar que se fixo todo moi ben ou procurar xustificacións na presunta rapidez coa que houbo que actuar é coller tódolos boletos para volver repetir os mesmos erros e as mesmas dinámicas.

Parar, pensar, contrastar nas canles políticas e nas profesionais implica, por regra xeral, ter máis posibilidades de acertar, de facer as cousas ben.

Hai marxe. Para empezar suxiro, para o seu estudo, uns cantos temas:

- realización e corrección das probas,

- presenza de especialistas nas comisións de cualificación,

- proxecto pedagóxico

- servizo de cociña e persoal á fronte do mesmo

- períodos de inscrición

- criterios de provisión da dirección pedagóxica

- regulamento de funcionamento e órganos de participación